A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Ence e a Asociación Forestal da Mariña acordan crear un couto redondo con 4.000 toneladas

Cada propietario que sume a produción das súas parcelas á agrupación de terreos recibirá directamente 3,5 euros adicionais por cada tonelada de madeira vendida

Ence e a Asociación Forestal da Mariña acordan crear un couto redondo con 4.000 toneladas

Nunca antes en Galicia na historia do sector forestal de Galicia se dera un contrato que supuxese un desafío desta magnitude ao minifundismo. Os propietarios de parcelas lindantes traballarán conxuntamente, entre eles e con Ence, para realizar os labores de aproveitamento da madeira que producen os seus montes.

Venderanlle á empresa 4.000 toneladas de madeira nos próximos meses. Así se desprende do acordo asinado entre a Asociación Forestal da Mariña e Ence Enerxía e Celulosa. O contrato é o primeiro que se asina baixo esta modalidade, proposta por Ence aos produtores de madeira dende o pasado 1 de xullo.

Vantaxes dos coutos redondos

Os coutos redondos son agrupacións de parcelas lindantes e destinadas á produción de madeira. Dado o problema estrutural do minifundismo en Galicia, o feito de que os propietarios dos montes aborden conxuntamente as tarefas relacionadas coa produción madeireira permite optimizar custos á hora de aproveitar a madeira para enviala aos centros de transformación de madeira de Ence. E a empresa promove estas agrupacións compartindo o beneficio derivado destes aforros con eles.

Cada un dos propietarios adheridos ao couto redondo percibirá unha prima no prezo de 3,5 euros por tonelada de madeira vendida. Ou o que é o mesmo: a prima que obterán os produtores da Mariña polas 4.000 toneladas por formar o couto redondo ascende a 14.000 euros.

Ence negocia outros dous contratos similares coa directiva da Sat de Trabada, con dous coutos redondos de 5.000 toneladas de madeira cada un, aos cales lles correspondería unha prima por agrupación de 3,50 €/tn, quedando así, no prezo final a recibir polos propietarios da Sat, neste caso, en 33,25 €/tn con codia máis o correspondente IVE.

Transformación de madeira para a exportación

A madeira destes coutos redondos é transformada en pasta de papel e enerxía nas fábricas de Ence en Pontevedra e Navia(Asturias). E, na súa maior parte, esta celulosa expórtase a países do norte de Europa como Alemaña ou Suecia.

A demanda internacional de celulosa procedente de cultivos forestais galegos xera o 30% dos empregos do sector forestal da comunidade autónoma. Así o establece o Informe sobre a contribución da fábrica de Ence en Pontevedra ao desenvolvemento social, económico e ambiental de Galicia. Este estudo, realizado seguindo a metodoloxía input-output do Instituto Galego de Estatística (IGE) sitúa en 5.100 o número de empregos directos, indirectos e inducidos xerados por Ence en Galicia. Máis de 4.000 destes empregos están relacionados coa actividade forestal. Un total de 800 postos de traballo xéranse na bisbarra de Pontevedra e están asociados ao proceso de transformación da madeira.

Un estudo realizado por investigadores da Universidade de Vigo ao abeiro da Cátedra Ence e que será presentado nos próximos días determina, ademais, que a madeira cultivada en Galicia para satisfacer o consumo de Ence nun só ano require investimentos de preto de 24 millóns de euros no monte. Tendo en conta quenda de produción medio, dedúcese que a subministración sostida de madeira galega a Ence fai necesarios máis de 3 millóns de xornais nos montes de Galicia.

Una idea sobre “Ence e a Asociación Forestal da Mariña acordan crear un couto redondo con 4.000 toneladas

  1. Sergio

    A cuestión é, se o modelo forestal non estivera baseado no monocultivo de eucalipto (e o estudo non estivera financiado pola cátedra ENCE), igual se podería poñer de manifesto cantos postos de traballo se xenerarían cun modelo alternativo (con máis calidade e máis diversificación), mesmo sen entrar en consideracións de impacto ambiental

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *