Ence segue avanzando nos trámites para a posta en marcha da planta para a produción de fibra branqueada reciclada e biomateriais que estuda instalar nas Pontes (A Coruña). O presidente da compañía, Ignacio Colmenares, explicou este xoves os pasos que deron nas últimas semanas, nun encontro con medios celebrado en dita localidade coruñesa presidido polo vicepresidente, Francisco Conde, e o alcalde do municipio, Valentín González Formoso, entre outras autoridades políticas.
Ignacio Colmenares explicou que Ence xa asinou con Endesa un acordo para a compra dos terreos nos que se construirá esta instalación, no que ata o de agora foi o parque de carbóns de Saá. Ademais, a compañía xa finalizou -con éxito- as probas piloto da primeira fase do proxecto: a reciclaxe e branqueado do cartón e o papel recuperados. Estas probas, desenvoltas en Austria, Alemaña e Francia, realizáronse en colaboración cos principais tecnólogos europeos na materia.
A compañía realizó con éxito as probas piloto para a primeira fase do proyecto, centrada na reciclaxe e branqueado do cartón e o papel recuperados
A empresa tamén está a preparar a solicitude para que a bioplanta sexa declarada Proxecto de Interese Estratéxico, unha solicitude que agarda presentar ó longo do mes de abril. Neste senso, Conde recordou que conseguir esta declaración permitiría a redución de prazos administrativos, incluíndo a concesión da licenza de obra no propio expediente. O vicepresidente económico remarcou que o de Ence é un proxecto disruptivo e innovador que dá resposta aos elementos que está pedindo a Comisión Europea. “Imos seguir colaborando entre as distintas administracións e neste caso apoiando para que Ence poida acceder aos fondos europeos”, apunta Conde. Ademais, Ence presentou ó PERTE de Economía Circular a primeira fase da bioplanta.
O proxecto
A nova planta está orientada á produción, de forma nova, de fibra branqueada recuperada e ó desenvolvemento e produción de novos biomateriales. A materia prima fundamental non será a madeira, senón cartón e papel recuperados, de modo que, como apuntan dende a firma, non introducirá tensión adicional no mercado madeireiro. Tratarase dun centro de traballo independente, cunha actividade autónoma e diferenciada da de Ence Pontevedra, cuxa fibra virxe será empregada de forma complementaria. Deste xeito, Ence entra no sector da recuperación de cartón e papel.
Prevén un investimento de 355 millones de euros y estiman a creación duns 1.200 postos de traballo directos, indirectos e inducidos
O proxecto terá tres fases. A primeira fase supón a posta en marcha dunha planta de fibra recuperada e inclúe tamén unha planta piloto de recuperación de fibras téxtiles. Poñerase en marcha en 2027 previsiblemente. Supón un investimento de 125 millóns de euros (dos 355 que supón o conxunto do proxecto) e estiman a creación de 325 empregos directos, indirectos e inducidos. O proxecto, no seu conxunto, supoñerá a creación de preto de 1.200 postos de traballo directos, indirectos e inducidos.
A segunda fase será unha planta de coxeración de 150 MW de potencia térmica e ao redor de 50 MW de potencia eléctrica, cun investimento asociado de 155 millóns de euros. A terceira constitúea unha planta de tissue, que levará aparellada un investimento de 75 millóns de euros.
Outras iniciativas na comarca
O responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que a planta de Ence se suma a diferentes iniciativas que tamén se están tramitando, como a planta de pneumáticos de Sentury Tire nas Pontes, o proxecto de Biomasa Forestal (Triskelion) para producir metanol verde en Mugardos ou a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables. Conde, que tamén fixo referencia a iniciativas vinculadas a Nervión Naval Offshore e IFFE Biotech, sinalou que no actual contexto de transformación do tecido produtivo se pode converter unha situación de dificultade como o peche da central térmica nunha oportunidade.