Ence anuncia que reforestará 5.400 hectáreas incendiadas ou abandonadas

O proxecto céntrase na provincia de Pontevedra, en zonas afectadas polos lumes do 2006. A compañía prevé chegar a acordos con comunidades de montes e propietarios forestais

Ence anuncia que reforestará 5.400 hectáreas incendiadas ou abandonadas

O abandono de madeira queimada no monte constitúe un risco potencial para novos lumes.

A compañía pasteira Ence vén de anunciar a posta en marcha dun proxecto para a recuperación e reforestación de 5.400 hectáreas na provincia de Pontevedra. A iniciativa centrarase sobre todo en superficies que foron afectadas polos lumes do 2006 e que quedaron abandonadas desde aquela.

Ence prevé chegar a acordos con comunidades de montes e propietarios forestais para afrontar os traballos de recuperación e reforestación das terras. En moitos casos, haberá que eliminar en primeiro lugar madeira queimada que aínda continúa no monte.

Os rebrotes e a extensión do mato nos últimos anos nas zonas calcinadas constitúen un risco potencial para novos lumes, a parte de non xerar ningún aproveitamento produtivo. Esa situación de abandono, que en boa medida se debe á falta de recursos dos propietarios para recuperar os terreos, é a que trata de correxir a iniciativa anunciada por Ence.

Ence prevé adiantar un investimento de 7 millóns de euros. Plantará eucaliptos, piñeiros e frondosas autóctonas

A empresa ten previsto adiantar un investimento de ata 7 millóns de euros para a reforestación de áreas que foron pasto das lapas ou que, sen ter sido queimadas, están en situación de abandono.

A recuperación das terras farase, con carácter principal, a través da plantación de eucaliptos e piñeiros e tamén se prevé a plantación de frondosas autóctonas como carballos, bidueiros e castiñeiros. As superficies reforestadas certificaranse ademais de acordo coas esixencias do selo FSC.

Investimentos
Ence prevé un investimento total de 7 millóns de euros e calcula que os traballos de recuperación e reforestación de terras permitirán crear 67 empregos, directos e indirectos. En canto ás rendas forestais que se poden xerar, a compañía cífraas en 42 millóns de euros nos dez anos que dure o proxecto.

Desde Ence lembran tamén que só na provincia de Pontevedra hai decenas de miles de hectáreas forestais abandonadas, polo que entenden que a súa posta en valor contribúe a unha mellor xestión do territorio e á xeración de riqueza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información