Encanto Natural, como traballa unha das ganderías top en xenética en Portugal

Ubicada en Poiares, Ponte de Lima, a explotación dos irmáns Gonçalves é unha das habituais dos concursos de gando. Destacan que buscan animais compatibles cunha granxa de leite de alta produción

Norberto Gonçalves (á dereita) co seu irmán João e o seu fillo Norberto

Norberto Gonçalves (á dereita) co seu irmán João (no medio) e o seu fillo Norberto (á esquerda)

Encanto Natural é unha das explotacións de referencia en xenética holstein en Portugal. Norberto Gonçalves e o seu irmán João están á fronte desta gandería, ubicada en Ponte de Lima, que está a modernizar as súas instalacións para garantir un maior benestar animal ás súas vacas e unha maior calidade de vida para eles.

Norberto fillo está a acabar os seus estudos para incorporarse á granxa, garantindo así o relevo xeracional necesario para dar continuidade ao traballo de mellora xenética levado a cabo polo seu pai e o seu tío nas últimas 3 décadas.

A granxa conta hoxe con 300 cabezas en total, das que 125 son vacas en produción, outras 20 secas e o resto becerras e xovencas. “Aquí facemos moita recría”, explica Norberto, xa que a venda de animais supón unha vía de negocio importante para esta explotación. Venden tanto embrións como becerras pequenas e xovencas preñadas. Esta actividade supón “un complemento importante nos ingresos”, destacan.

Ir aos concursos sérvenos para mostrar a calidade xenética que temos na casa para logo vender mellor a recría

Encanto Natural ten neste momento o mellor animal holstein de Portugal, con 16 en conformación, 13 en ubres e 12 en patas. “O que máis nos enche de orgullo é que tivemos aquí á bisavoa desta xata, á avoa e á nai. Procede dunha familia que xa vai na quinta xeración criada aquí na nosa granxa, non fomos mercar esa familia fóra, fixémola nós aquí na explotación”, salienta Norberto. Ocupan tamén os primeiros postos nas listaxes das probas xenómicas de Portugal, cun animal con 3.076 puntos de TPI.

 “Nós vivimos do leite do tanque”

Norberto, cunha xovenca nun dos habituais concursos aos que acoden co seu gando

Norberto, cunha xovenca nun dos habituais concursos aos que acoden co seu gando

Pero ter bos animais desde o punto de vista morfolóxico non é incompatible con que dean moito leite. Ao contrario, asegura Norberto. “Hoxe logramos ter vacas que producen 12.000 e 13.000 litros ao ano sen ningún tipo de estrés por iso. Cando eu comecei, as mellores vacas que tiñamos viñeran de Alemaña e daban 18 e 20 litros por día; hoxe se non dan iso en cada muxido non quedan na explotación”, recoñece.

Producen un millón e medio de litros de leite por ano, o que supón unha media de 11.600 litros por vaca, cun 4% de graxa de un 3,4% de proteína, o que lles permite recibir primas pola composición físico-química, xa que o pago por calidade en Portugal realízase ao leite que se atopa por enriba de 3,7% de graxa e 3,2% de proteína.

Prezo do leite

Venden o leite á cooperativa Agros, pertencente ao Grupo Lactogal, que foi o ano pasado a última empresa en subir o prezo do leite en Portugal, polo que Norberto agarda que agora sexa tamén a última en baixalo. “O leite hai un ano estabamos a vendelo a 35 céntimos, era unha situación na que por moi ben que o fixeras todo xa non daba para os custos. Coa escaseza de produción, foi aumentando de prezo e hoxe cobramos a 58 céntimos”, explica.

Norberto defende que as ganderías deberían ser rendibles por si mesmas, a través do prezo de venda dos seus produtos, sen necesidade de axudas como a da PAC. “No noso caso representa pouco, porque temos pouca superficie. Eu vou máis pola valorización da materia prima, algo que foi esquecido até o de agora. Esa é a forma máis xusta de remunerar o traballo do produtor”, di.

Dá gusto traballar nunha explotación leiteira cos prezos que se pagan hoxe polo noso produto

“A axuda máis importante que pode haber ao gandeiro é valorizar o prezo do leite. O resto, as subvencións, son préstamos, porque o Goberno dá cunha man e quita coa outra. Neste momento dá gusto traballar no sector, porque o leite está a ser pagado a un prezo que considero xusto, porque os custos de produción están carísimos”, argumenta.

Por iso, malia os bos prezos actuais pagados polo leite, non cre sen embargo que vaia incrementarse moito a produción. “Hai escaseza e carestía tamén nos produtos para a alimentación do gando, que é un factor que tamén pesa moito”, di.

Encarecemento dos custos de produción

GANDERIA ENCANTO NATURAL PORTUGAL VACAS APAISADA PESEBRE 1“En Portugal facíase moito cereal, pero deixouse de facer porque cando o millo estaba a 100 ou 120 euros a tonelada ninguén quería facer gran, era máis barato mercalo fóra, pero agora que sobe dos 300 euros todo o mundo quere volver a plantar cereal”, lembra Norberto.

Europa deuse conta agora coa guerra de Ucraína de que non podemos ser dependentes de outros

Encanto Natural non ten necesidade de mercar silo de millo, porque colleitan dabondo para autoabastecerse, pero hai outras granxas que non logran cubrir a súa demanda e que sufriron un forte encarecemento neste produto básico para a alimentación do gando. “O silo de millo pasou de 5 céntimos o quilo a 10 céntimos. Se unha explotación ten que mercalo a 10 céntimos, canto custa a ración das vacas?”, pregúntase.

“Os custos de produción case se duplicaron. No caso dos concentrados, ti mercabas a tonelada a 250 euros e pasou a 500 euros. O penso dobrou o seu prezo e os fertilizantes tamén, un big bag que custaba 300 euros custa agora 600. O mesmo acontece coa alfalfa; eu tráioa de España, pero tamén dobrou o prezo, de 220 euros pasou a 440”, detalla.

Non notamos suba no recibo da luz porque puxemos paneis solares; foi un bo investimento

En canto á electricidade, di, “subiu moito aquí en Portugal, encareceuse un 40%”, aínda que no seu caso non notaron esa suba na factura xa que puxeron paneis solares. “Foi un bo investimento, financiado cun 60% polo Goberno”, destaca. Sen embargo, non opina o mesmo no que ten que ver cos combustibles: “o gasóleo é unha desgraza porque o Goberno quere gañar diñeiro cos impostos, é ridículo, porque chegamos a pagar a 1,30 euros o litro do gasóleo agrícola”, quéixase.

Benestar animal

ENCANTO NATURAL (Portugal) vacasA procura dun maior benestar para os seus animais foi desde sempre un dos obxectivos nos que se centrou esta explotación. “O benestar animal é un aspecto que preocupa ao produtor, mais tamén ao consumidor, ao que lle gusta saber que os animais son ben tratados. O mito hoxe é que o produtor explota á vaca, e iso é mentira, o gandeiro é o mellor amigo da vaca. Porque nós somos coidadores delas as 24 horas do día: pómoslles cepillos, ventiladores para que no verán teñan unha temperatura fresca, facémoslles e limpámoslles a cama todos os días, etc. Ao final quen é o patrón da granxa son as vacas e nós somos os seus sirventes”, argumenta.

O mito hoxe é que o produtor explota á vaca, e iso é mentira, o gandeiro é o mellor amigo da vaca, porque nós somos coidadores delas e os seus sirventes as 24 horas do día

Realmente a granxa ten que ter boas condicións para todos os seus animais, defende. “Nós temos as vacas que levamos aos concursos e ás demostracións mesturadas coas outras, as que enchen o tanque do leite; polo tanto, se temos benestar para unhas tamén o temos para as outras”, razoa.

Prevención de enfermidades

“Aquí procuramos traballar na prevención máis que na curación. Somos unha explotación libre de enfermidades como IBR, BBD e neospora no gando, pero chegar até ese punto foi un traballo arduo”, recoñece Norberto.   

“Tiñamos casos de neospora na explotación e neses animais inseminabamos con carne ou usabámolos como ventre de aluguer para embrións e deste xeito logramos erradicar a enfermidade na nosa granxa”, explica.

Considera que non se deben dar tratamentos ou antibióticos por dar. “Debemos usalos só cando fan falta de verdade. Nós non vacinamos ningún animal por vacinar. Só aqueles que van a algunha feira ou concurso para non correr o risco de traer a doenza para a casa”, conta.

Endurecemento das normativas de medicamentos

Nos últimos anos anos tense producido a nivel da UE un endurecemento nas normativas de uso de antibióticos e produtos fitosanitarios, o que complica os tratamentos nas explotacións. “Con estas novas normas estannos a prohibir usar certos produtos que non son doados de substituír porque hai casos de mamites que se non son tratadas con antibióticos nas primeiras horas é perder o animal. Quen di defender os animais non pode prohibir que teñamos un pequeno stock de medicamentos nas granxas porque ese animal pode enfermar de repente e nós debemos estar preparados para atendelos coa axuda do noso veterinario, que é o médico de cabeceira dos nosos animais”, valoran.

“Polo tanto, eu considero que non deixarnos actuar de xeito rápido é ir en contra do benestar animal. Están a morrer máis animais agora que hai un ano atrás por causa destas normas. Eu penso que un bo profesional coma nós sabe cando ten que usar un medicamento. Ninguén gasta un medicamento por gastar. Se o usamos é porque o veterinario nolo recomenda e porque o animal necesita desa emerxencia”, asegura.

Están a morrer máis animais agora que hai un ano atrás por causa das normas que limitan os medicamentos; iso tamén é ir contra o benestar animal

“Non hai risco ningún para o consumidor porque non hai ninguén máis preocupado que o produtor polos prazos de seguridade. Ningún gandeiro aproveita un litro de leite que teña residuo algún de medicamentos. Aínda que xa pasaran os días da receita, todo o mundo fai un test a ese leite antes de mandalo para o tanque”, di.

Norberto tamén considera contraproducente a prohibición xeralizada do uso de antibióticos no secado. “Hoxe a xenética está cada vez máis avanzada e secamos vacas dando aínda 30 litros de leite. En moitos deses casos o antibiótico é unha prevención para evitar ter que curar despois. Se só desen 10 litros de leite era doado secalas só co selador”, xustifica. 

Antes poñiamos ás primeirizas un antibiótico ao parir como prevención, iso deixamos de facelo no último ano

“O que mudei neste último ano é que ás xovencas de primeiro parto, ás que poñiamos un antibiótico ao parir como prevención, erradicámolo por completo. Agora dámoslles uns bolos para axudarlles a ubrar e a arrincar mellor na produción de leite pero non poñemos medicamentos, a non ser que o parto se complique, por exemplo por unha retención posterior de placenta”, detalla.

Camas de serrín

Dispoñen de aspersores e ventiladores para aminorar a calor no verán

Dispoñen de aspersores e ventiladores para aminorar a calor no verán

A granxa ten o apoio técnico da cooperativa Agros, á que lle venden o leite, para mellorar no aspecto sanitario do gando e na calidade do leite que producen. Ese asesoramento é moi importante para Norberto.

“Estamos á cabeza de Europa en calidade hixiénico-sanitaria do leite. En Portugal permítense só 300.000 células somáticas no leite, cando en moitos países europeos o límite é maior e sitúase en 400.000”, lembra.

Estamos no Control Leiteiro, que é unha ferramenta moi boa para identificar animal a animal

Os controis nas explotacións para garantir a calidade do produto son máximas. “A empresa que nos recolle o leite saca unha mostra para analizar todos os días. Polo tanto, se un animal foi tratado con algún tipo de medicamento, ese leite non vai para o tanque sen facer un test previo que determine que non ten ningunha presenza de residuos do tratamento”, insiste.

“Eu levo 30 anos nisto. Cando eu comecei xa se traballaba moi ben en termos de calidade e hixiene do leite, pero había células máis altas, andabamos daquela sempre no fío da navalla das 300.000 células porque non había unha alimentación equilibrada como hai hoxe nin as condicións de benestar animal que temos hoxe”, destaca.

Minifundio

ENCANTO NATURAL (Portugal) Norberto e João GonçalvesA gandería é atendida por Norberto e João xunto coas súas mulleres, que son as que moxen, e coa axuda puntual dos fillos. Contan a maiores cun empregado e realizan eles mesmos a recría e o traballo agrario.

“Esta é unha zona de moitas parcelas e moito minifundio. Non hai ningunha granxa aquí na zona norte que teña 100 hectáreas. Esta é unha zona ademais de moita terra arrendada. Nós traballamos 40 hectáreas de terra, 35 delas destinadas a millo para ensilar e 5 a cultivo de alfalfa. O único que se compra na explotación é a palla e os concentrados”, indica Norberto.

Esta zona do norte de Portugal é unha zona de minifundio, con fincas pequenas

Outra parte esencial do traballo na granxa é a recría. As becerras son alimentadas co costro e o leite da propia nai os primeiros tres ou catro días. Logo son cambiadas a leite en po até o destete, que se produce entre os 3 e os 3 meses e medio de vida para que se desenvolvan ben. Pasan despois a estar en lotes, primeiro até os 8 meses na propia granxa e logo noutra nave até os 12-13 meses, a idade na que son inseminadas. No último lote, o das xovencas preñadas, están até dous meses antes de parir, cando volven para a nave de produción no lote das vacas secas.

Investimentos pendentes na explotación

GANDERIA PORTUGAL ENCANTO NATURALÁ sociedade familiar iniciada polos dous irmáns están agora incorporando ao fillo de Norberto. Teñen planificada tamén unha ampliación e actuacións de mellora en materia de benestar animal pero polo momento non hai resolución á solicitude do plan de mellora polo que levan máis dun ano agardando.

“O leite semella que non é un sector prioritario para o Goberno portugués”, quéixase. “Hai 30 anos, cando nós comezamos, o Goberno miraba máis polos agricultores que hoxe en día. Daquela tiveramos unha axuda para instalarnos. Eu tiña 18 anos e arrinquei con 30 animais”, lembra Norberto.

O sector do leite semella que non é prioritario para o Goberno portugués

Sen embargo, di, “hoxe un mozo que teña que empezar de cero non o podería facer”. A lentitude na tramitación e a escaseza de fondos está a impedir que a xente moza se achegue ao sector, considera. O seu fillo Norberto pretende dar continuidade á explotación, unha vez rematada a súa formación como enxeñeiro agrónomo, pero o ano pasado cando quería facer a incorporación só había 8 millóns de euros e quedou fóra porque priorizáronse os proxectos ecolóxicos.

A agricultura portuguesa está moi envellecida, non hai mozos dabondo para repoñer as persoas que se xubilan

“Neste momento o sector agrícola en Portugal está no esquecemento. Non hai máis que ver que o Ministerio de Agricultura cada vez é máis pequeno, con competencias cada vez máis limitadas”, afirma.

Robotización da granxa

GANDERIA ENCANTO NATURAL PORTUGAL GANDEIROS RECRIA TRABALLADORESO obxectivo de Encanto Natural é instalar dous robots de muxido e crear máis camas para o gando. “Queremos seguir medrando, pero sempre preocupados polo confort e o benestar animal. Sempre foi a nosa filosofía de traballo e algo polo que sempre apostamos”, asegura Norberto.

Queremos seguir medrando, pero sempre preocupados polo benestar animal. Sempre foi a nosa filosofía de traballo e algo polo que sempre apostamos

Mentres agardan pola resolución das axudas por parte do Goberno portugués están xa a acometer os investimentos para modernizar a granxa, valorados en 500.000 euros. A axuda que lles correspondería sería de 250.000 euros, pero “con ou sen as axudas haberá robots para muxir as vacas e máis camas para o gando”, aclara

Grazas aos paneis solares nas horas de sol producimos o 100% das necesidades enerxéticas da granxa

Tamén instalaron paneis solares para diminuír a factura eléctrica e un sistema de ventilación para amortiguar o estrés por calor do gando nos meses do verán e pretenden incorporar asimesmo unha amamantadora para as becerras.

Simplificar a tramitación das axudas

Norberto quéixase da excesiva burocracia nos proxectos para a modernización das explotacións lácteas e compáraos coas facilidades que no seu momento se deron en Portugal no sector do viño, no que teñen unha pequena adega, para a reconversión dos viñedos antigos en viñas modernas. “Hai 30 anos era máis doado executar un proxecto do que é hoxe, pídense excesivos papeis”, di.

Tiña que haber liñas específicas de axudas para aspectos concretos no canto de esixir proxectos megalómanos

“No sector do leite tiña que haber unha liña de axudas específica para robotizar as explotacións e outra para a renovación da frota de tractores antigos, para eliminar os que aínda carecen do arco de seguridade, cunha tramitación que fose sinxela e rápida”, exemplifica.

Ás dificultades burocráticas engádese a suba dos materiais e o custo das obras neste momento. “Hai un mozo aquí, veciño noso, que desistiu dunha axuda aprobada porque o proxecto fora presentado hai dous anos e desde entón os prezos mudaron significativamente. Está todo a subir de xeito abismal”, conta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información