“En vacún de leite en ecolóxico cobra máis importancia a prevención da mamite e das infeccións de helmintos”

Entrevista a Inmaculada Orjales Galdo, investigadora da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, que ven de presentar unha tese sobre ‘Valoración do estado sanitario e nutricional do gando vacún leiteiro en produción ecolóxica do norte de España’

“En vacún de leite en ecolóxico cobra máis importancia a prevención da mamite e das infeccións de helmintos”

Inma Orjales Galdo nunha das ganderías analizadas na tese de doutoramento

O vacún de leite en ecolóxico é un sector en pleno auxe en Galicia e con perspectivas de crecemento nos próximos anos. Sen embargo, segue faltando coñecemento científico para mellorar tanto os tratamentos sanitarios como a eficiencia alimentaria.

Neste sentido, Inma Orjales Galdo, investigadora da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, ven de presentar unha tese sobre ‘Valoración do estado sanitario e nutricional do gando vacún leiteiro en produción ecolóxica do norte de España’, un completo estudo no que se constatan importantes diferencias respecto do gando das explotacións cun sistema de produción convencional.

A tese, que está dirixida polas profesoras do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Marta I. Miranda Castañón e Marta López-Alonso, encádrase dentro dun ambicioso proxecto de investigación do plan nacional respecto da situación da gandaría ecolóxica de vacún de leite no norte de España, un programa dirixido e liderado pola USC, en colaboración con diferentes centros de investigación e universidades nacionais e internacionais.

¿Por que decidiches centrar a túa investigación de doutorado no vacún de leite en produción ecolóxica?
O sector ecolóxico é un sector en crecemento, sobre todo nos últimos anos, e que difire de forma substancial da forma de producir convencional. Por esta razón decidimos iniciar este proxecto de investigación para dar resposta ás preguntas que os gandeiros tiñan sobre este xeito de producir e tamén deste xeito mellorar o sector. Ademais, nestes momentos de crise do sector leiteiro a produción ecolóxica pode ser unha alternativa moi interesante ó sistema de produción convencional.

Na investigación abordaches diferentes aspectos do estado sanitario e nutricional do vacún de leite en produción ecolóxica. ¿A que conclusións chegaches?
Nos aspectos sanitarios chegamos á conclusión de que a redución de uso de tratamentos, especialmente antibióticos, ten un impacto negativo na saúde do ubre polo que é moi importante mellorar as medidas de manexo e control para previr a mamite. Tamén estudamos a prevalencia de infección ou de exposición ós helmintos en ecolóxico, detectanto resultados moi similares aos reportados en convencional de xeito previo, e sobre todo concluíndo que o uso de tratamentos antihlemínticos non sempre reduce o risco de infección, debido a que ao tratarse dun sistema a pastoreo prodúcense continuas reinfeccións no pasto.

No caso dos aspectos nutricionais, o gando ecolóxico aliméntase sobre todo en base a forraxe o que provoca que a cantidade de enerxía inxerida na dieta sexa máis baixa que en convencional, e á súa vez se produza un desequilibrio entre a cantidade de enerxía e proteína inxerida, non podendo aproveitar deste xeito a proteína da dieta.

“En ecolóxico as vacas a veces non aproveitan ben a proteína do pasto”

Por outra banda, o feito de que os animais permanezan en sistemas a pastoreo alimentándose de forraxe, fai que o solo adquira un importante papel como fonte de minerais, sobre todo de aqueles que non se suplementan no concentrado de xeito habitual. De feito, en ecolóxico está moi restrinxido o uso de suplementos minerais e a ademais a cantidade de concentrado que se administra ós animais é moito menor, o que fai que a concentración mineral das dietas sexa máis baixa sobre todo no caso do iodo, selenio, cobre e zinc (minerais habitualmente suplementados en convencional).

¿Que diferenzas detectaches neste sentido entre as vacas de granxas en convencional das que están en ecolóxico?
Atopamos moitas diferenzas tanto a nivel sanitario como nutricional tal e como expliquei, pero a maior parte das diferenzas que atopamos non sempre se deben a pertencer ou non a un sistema, senón que dependen de características propias de cada granxa, como son o tamaño, a idade dos animais, a política de tratamentos, a xenética dos animais, … De feito, as granxas ecolóxicas tenden a ser moito máis heteroxéneas nas súas características que as granxas convencionais, que se atopan moito máis estandarizadas, e as individualidades de cada granxa foron un factor que tivo moito peso en todos análises estatísticos realizados.

¿Como valoras o traballo cos gandeiros participantes no proxecto e a que conclusións chegastes en canto aos informes técnicos?
Unha das cousas máis interesantes que fixemos neste proxecto foi a relación continua cos gandeiros participantes, tendo un feedback mutuo e conseguindo interesantes conclusións para mellorar cada granxa de xeito individual.

Visitamos de novo todos os gandeiros con informes técnicos sobre cada un dos temas estudados no proxecto, que levaban asociados ideas de mellora diferentes para cada granxa en función das súas características, xa que como dixemos, en ecolóxico cada granxa é completamente diferente e debe tratarse como tal.

“En vacún de leite en ecolóxico ten máis importancia a prevención da mamite e das infeccións por helmintos”

Á vista dos resultados ¿Cres xustificado o temor de moitos gandeiros en canto a que o manexo sanitario das vacas en ecolóxico é máis difícil?
O manexo dos animais en ecolóxico non é para nada moito máis difícil que no caso de convencional, xa que hai moitos estudos que indican que o feito de ser un sistema extensivo de baixa presión produtiva fai que a incidencia de certas patoloxías sexa menor (problemas podais, retención de placenta, enfermidades metabólicas, …).

No caso dos nosos resultados, si debemos dicir que as medidas de control e manexo (no caso da mamite a rutina de muxido, a detección precoz de mamite clínica e subclínica, …; e no caso das infeccións por helmintos sobre todo o control do pasto) adquiren moita maior importancia pero son medidas completamente factibles.

A prevención sempre é o mellor método de control, ben sexa en ecolóxico ou en convencional.

¿En que aspectos prevés seguir investigando?
Este proxecto foi un punto de partida para coñecer a situación actual do sector de vacún de leite en ecolóxico e a partir de aí poder melloralo. Aínda quedan varios aspectos interesantes para tratar no caso da produción ecolóxica de leite, como son os problemas metabólicos ou as relacións de diferentes patoloxías co perfil mineral. Polo tanto, nun futuro seguiremos traballando neste ámbito.

¿Como poden acceder os gandeiros interesados ás conclusións deste estudo?
Este traballo está publicado en revistas de ámbito científico pero tamén en revistas divulgativas ás que poden ter acceso os gandeiros. Para nos é moi importante a difusión no campo deste estudo, polo que puxemos moito esforzo en publicar cada un dos resultados en medios accesibles para todo o mundo. De todos os xeitos, calquera gandeiro interesado pode contactar con nós no noso email para facilitarlle calquera resultado ou conclusión que fose do seu interese.

Contacto:

departamento.apaccv@usc.es ou inma.orjales@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información