En revisión a Lei de montes veciñais en man común

A Xunta ten previsto iniciar un periodo de exposición pública da normativa unha vez que reciba as achegas do Consello Forestal. A Organización Galega de Comunidades de Montes, pola súa banda, inicia unha recollida de sinaturas para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular sobre a nova Lei de montes veciñais

En revisión a Lei de montes veciñais en man común

Monte veciñal no Baixo Miño. / Arquivo.

A Lei de Montes Veciñais en man común data do 1989. Desde aquela, fóronselle facendo cambios puntuais para adaptala ó marco lexislativo e ás necesidades actuais, pero tras máis de tres décadas en marcha, chegoulle o momento dunha revisión en profundidade. A Xunta iniciou en xaneiro a consulta da súa revisión co Consello Forestal, un órgano consultivo da Administración con participación de todo o sector. En canto se pechen as aportacións do Consello Forestal, a Xunta abrirá un periodo de exposición e participación pública, segundo se vén de anunciar no Parlamento.

Antes da actual revisión, os últimos cambios na Lei de montes veciñais chegaron en decembro pasado a través da Lei de acompañamento dos presupostos, unha normativa que con frecuencia se aproveita como caixón de sastre para mudar múltiples disposicións legais.

No caso da Lei de montes veciñais, os cambios centráronse no suposto de montes que se declaren en estado de grave abandono, é dicir, cando non haxa unha comunidade veciñal para xestionar o monte. Entón, a Xunta pasaría a asumir a súa xestión pública, con posibilidade de alugar o terreo por 50 anos a empresas.

Esa opción de aluguer por 50 anos é vista con reticencia polo Bloque e por colectivos como a Organización Galega de Comunidades de Montes, pois interpretan que un acordo de cesión de 50 anos é excesivo e “un primeiro paso para que se acabe perdendo a memoria do monte veciñal e este desapareza”.

Desde a Xunta sostense que o mecanismo só busca evitar que as terras queden en abandono e incídese en que a normativa garante a reversión do monte en canto haxa unha comunidade veciñal constituída que o reclame, algo que poñen en dúbida os nacionalistas: “Se unha empresa fai un investimento, coa idea de xestionar ese monte 50 anos, como se lle vai devolver ós veciños?”, pregúntanse.

Iniciativa Lexislativa Popular
En vista da situación, a Organización Galega de Comunidades de Montes optou por iniciar a recollida de sinaturas para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular en torno á nova lei de montes veciñais en man común. A Organización considera que é preciso “protexer os montes veciñais do espolio”, un espolio que atribúe a empresas de diversa índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras, etc.).

O colectivo avoga por defender o carácter xermánico da propiedade veciñal, consolidándoa como propiedade diferencial, diferente da particular e da pública.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información