O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea (MMO, nas súas siglas en inglés) ven de publicar un informe sobre a evolución da produción de leite na UE no que vai de ano.
Neste sentido, entre xaneiro e marzo, as entregas de leite de vaca incrementáronse nun 1,1%, e no caso de España a subida no primeiro trimestre do ano foi do 1,2%.
Os estados nos que máis está a medrar a produción de leite son os países do leste: Lituania +5.9%, Estonia +5.5%, Polonia +3.6% ou Romanía +2,8%.
Pola contra, os maiores descensos de entregas de leite entre xaneiro e marzo déronse en Irlanda (-8.9%), Bulgaria (-4.3%) e Grecia (-3.3%). Chama tamén a atención o descenso das entregas en Holanda (-2.2%), Dinamarca (-0.9%) e Alemaña (-0.7%), en boa medida debido ás restriccións medioambientais. En Francia a produción mantense prácticamente estancada (+0.5%) ao igual que en Portugal (+0.1%).
A industria láctea europea incrementa a produción de leite en pó enteiro e queixo
En canto á evolución da produción de derivados lácteos no primeiro trimestre deste ano, o informe da Comisión Europea afirma que se incrementou a produción de leite en pó enteiro (+2.3%), queixo (+3.7%), nata e iogures (+5.6%), leite condensado (+5.4%), leite fermantado (+4.3%) e leite líquido envasado (+1.4%). Pola contra, baixou a produción de manteiga (-4.7%) e leite desnatado en po (-2.4%).
Produción de leite ecolóxico
Por último, destácase que en marzo deste ano o 3,6% do leite entregado na UE foi ecolóxico. Os países con maior peso deste tipo de produción foron Austria (17.7%), Dinamarca (11.3%) e Suecia (11%). Pola contra, onde menos peso ten o leite ecolóxico é en Polonia e Irlanda, páises nos que só representa o 0,1% das entregas.