Este ano chegou a Galicia un método novidoso para mellorar a nutrición das vacas e o seu rendemento leiteiro. Trátase do método Obsalim, desarrollado en Francia polo veterinario Bruno Giboudeau, e que mediante a observación dos animais e a interpretación dos signos cun xogo de cartas de cores e outros soportes permite corrixir deficiencias na alimentación das vacas.
O introdutor deste método en Galicia é a empresa Xestión Agrogandeira e Natureza. O seu responsable, Xan Pouliquen, explica que “a través da observación do animal e das súas feces, vemos o que come e como o come, se a ración está equilibrada ou non e tamén se está ben distribuída no tempo”.
“O noso é un traballo complementario ao traballo do nutrólogo e trátase dun método útil para cualquera tipo de explotación, intensiva, en pastoreo ou en ecolóxico”, aclara. Salienta que “o proceso de observación do rabaño dura entre 15 e 30 minutos, facemos unha corrección na alimentación e en 2-3 días podemos corrixir os desaxustes da ración”.
Problemas máis comúns
Neste sentido, Xan Pouliquen afirma que as deficiencias más comúns nas explotacións lácteas de vacún en Galicia “son que as vacas comen moito pero non transforman todo, tal e como se reflicte por exemplo nas características da bosta, e iso significa un gasto para o gandeiro en alimento e en menos leite”.
Outros desequilibrios detectados “é que hai exceso de herba seca na dieta das vacas, sobre todo en extensivo, e tamén mala relación entre proteína e enerxía, ou que as vacas non rumían abondo porque o forraxe de millo está picado dde máis ou porque non se meteu suficiente silo de herba na ración”, explica o responsable de Xestión Agrogandeira e Natureza.
Ademais, Xan Pouliquen salienta que “o método está concibido para que a medio prazo o gandeiro sexa autónomo e acabe facendo el mesmo o diagnóstico dos síntomas co sistema de cartas e fotos”.
“En definitiva, é un método práctico, rápido e que funciona, mellorando a rendibilidade das explotacións pola vía de reducir a ración e/ou aumentar a produción de leite”, conclúe.