¿En que concellos galegos está subindo máis o prezo da terra agrícola e forestal?

Preséntase o primeiro informe sobre prezos e mobilidade de terra rústica en Galicia durante o período 2008-2016. Nos concellos con importante cabana gandeira é onde máis compravenda hai de terra e onde os prezos son menores. Cae o prezo da terra de monte e da terra agraria, cun pequeno repunte desta última en 2016

¿En que concellos galegos está subindo máis o prezo da terra agrícola e forestal?

Presentación do informe en Santiago

O prezo da hectárea de Superficie Agraria Útil (SAU) e de terreo de monte segue baixando en Galicia, aínda que cun repunte da primeira no ano 2016. E nas comarcas con maior actividade gandeira é onde mellor funciona o mercado de terras, con máis transaccións e menores prezos.

Estas son algunhas das conclusións do primeiro informe do Observatorio de Mobilidade de Terras de Galicia sobre prezos e mobilidade de terra rústica e que analiza os movementos de compra venda durante o período 2008-2016.

Os resultados do informe foron presentados este venres en Santiago de Compostela polos impulsores deste observatorio: a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.

O obxectivo do Observatorio -creado en decembro de 2016- con este estudo e cos posteriores que realizará anualmente é servir de base para as decisións das administracións e ofrecer transparencia ao mercado da terra en Galicia, de forma que se facilite o aumento da base territorial e a incorporación de xente nova ao agro.

Prezo medio do terreo rústico por concellos para o período 2014_2016: 

observatorio_mobilidade_prezo

Tendencias do mercado da terra en Galicia:

Tanto o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, como o representante do Laboratorio do Territorio da USC, Eduardo Corbelle resumiron as principais conclusións que se tiran deste primeiro informe:

-A superficie rústica que se compra e vende en Galicia mantense estable dende o ano 2008 en arredor de 10.000 hectáreas cada ano, repartidas nunhas 4.000 de tipo agrario e nunhas 6.000 de monte.

-A taxa de mobilidade da terra en Galicia, entendida como a superficie obxecto de compra-venda sobre a que podería ser vendida, é bastante baixa, inferior á media europea. Sitúase no 0,52%, sendo superior na superficie agrícola (0,6%) que na forestal (0,46%). Isto explícase en parte, polos elevados prezos da terra agrícola en Galicia, o que leva a que moitas ganderías prefiran alugar terreo para ampliar base territorial antes que mercalo.

-Onde o mercado da terra é máis activo é nas comarcas gandeiras, e así se explica que o norte de Galicia ten unhas taxas de mobilidade máis altas que no sur: 0,77% na provincia de Lugo, 0,59% na da Coruña; 0,45% en Pontevedra e tan só 0,24% na de Ourense. En canto á evolución no período 2011-2016 detéctase unha redución do mercado de terras nas zonas de montaña da provincia de Lugo e un incremento nos concellos da Terra Chá, entre outros.

-O prezo medio da terra rústica en Galicia en 2016 permanece estable nos 0,89 euros o metro cadrado ou o que serían 8900 euros a hectárea, variando de forma notable segundo sexa SAU ou terra agraria, onde sobe a 1,31 euros ou monte, onde baixa a 0.58 euros.

Taxa de mobilidade da terra rústica por concellos para o período 2014_2016: 

observatorio_mobilidade_mobilidade

-En canto á evolución dende o ano 2008, no terreo de monte o prezo mantense estable nos 0,60 euros o metro cadrado. Na SAU, pola contra baixou dende os 1,72 euros de 2008 aos 1,31 de 2016. Sen embargo, nese ano observouse un repunte da terra agrícola, que pasou de acumular varios anos de baixadas a subir ata os 1,31 euros o metro cadrado. Haberá que agardar aos informes dos próximos anos para ver se está relacionada esta suba coa supresión das cotas lácteas.

-Os concellos con maior censo de cabana gandeira son tamén nos que os prezos da terra rústica é menor, así como nos que hai máis transaccións. Pola contra, nas zonas costeiras, máis pegadas ás áreas urbanas e á autoestrada AP-9 son tamén aquelas nas que o prezo da terra é maior.

A provincia de Ourense rexistra os prezos da terra máis baixos pero tamén a menor taxa de compra-venda de terras, debido ao maior minifundio e ao menor número de ganderías.

Retos para o futuro:

-Para elaborar este informe o Observatorio de Mobilidade de Terras utilizou a información das declaracións ante a Xunta do imposto de transmisións e actos
xurídicos documentados. Sen embargo, a intención é que a Administración Central facilite a información de Catastro para poder afinar nos resultados e ofrecer incluso información do mercado a nivel de parroquias ou lugares.

PREZOS_TERRA_GALICIA

Proxectos piloto da Xunta para poñer en produción 1.500 hectáreas de terras abandonadas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez destacou na xornada de presentación destes resultados que o aumento da base territorial das explotacións agrogandeiros é vital para que estas sexan máis rendibles e competitivas.

A conselleira sinalou que a través deste observatorio se está buscando facilitar o mercado de terras e atopar solucións que respondan con axilidade ás demandas de territorio por parte das explotacións que queiran ampliar así a súa base territorial ou queiran poñer en marcha unha iniciativa de posta en produción de terras.

Neste sentido, Ángeles Vázquez destacou que o seu departamento está a traballar nunha serie de proxectos que pretenden mobilizar un total de 1.543 hectáreas e que afectarían a uns 1.080 propietarios. Entre eles, está a recuperación de soutos tradicionais de castaña no concello de Folgoso do Courel, de praderías en terras de pasteiros abandonadas na comarca dos Ancares ou para a produción de pasto no concello de Sober e pementos en Arnoia.

A conselleira destacou que estas iniciativas, que van da man da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), permiten impulsar a economía nas zonas rurais e loitar contra o abandono de predios. Así, outro obxectivo desta consellería, salientou a titular de Medio Rural, é establecer mecanismos legais para intervir sobre as terras agrícolas e forestais de propietarios descoñecidos ou absentistas en estado de abandono, para que poidan saír adiante neses terreos iniciativas agroforestais viables.

Por último, Ángeles Vázquez salientou o labor do Observatorio de Mobilidade de Terras, xa que por primeira vez hai un ente xerador de información que poida ser demandada polas entidades e organismos que o integran; así como organizador de foros de debate para difundir información sobre a mobilidade de terras e de elaborador de estudos temáticos relacionados coa terra e o seu aproveitamento por parte dos distintos sectores produtivos do medio rural de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información