Entre os anos 2016 e 2023 incorporáronse ao agro 2.709 mozos e mozas a través da liña de achegas da Consellería do Medio Rural, orzamentada cun total de 101, 34 millóns de euros neste período. O 60% -1.632 persoas- destas incorporación foron homes, mentres que o 40% restante -1.077 persoas- corresponde con mulleres agricultoras.
Estes datos foron presentados recentemente polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural, Nicasio Mejuto, na reunión organizada polo Foro Económico de Galicia sobre “O relevo xeracional no sector agrario galego, retos e oportunidades”, que se celebrou o pasado xoves en Santiago de Compostela.
Na súa presentación, o representante da Consellería do Medio Rural tamén informou sobre os datos de incorporación por concellos, durante os últimos oito anos. Os concellos con máis mozos incorporados no período 2026-2023 foron, por esta orde: Sarria (134), Lalín (127), Lugo (98), Xinzo de Limia (81), Vilalba (81), Friol (74), Arzúa (68), Ordes (63), Santa Comba (62), Rodeiro (50), Guitiriz (49), Chantada (45), Monterroso (43), Melide (34), Castro de Rei (33), Mazaricos (33) e Monforte de Lemos (33).
O 69% das incorporacións son en ganderías de vacún
En canto aos sectores, das axudas de incorporación concedidas nese período o 69% foron para ganderías de vacún, correspondendo o 43% (976 incorporacións) a ganderías de leite e o 26% (604) a explotacións de carne.
A continuación, séguenlle por importancia a avicultura, con 171 incorporacións nos últimos 8 anos, e o sector da apicultura, con 123 incorporacións. Chama a atención que na viticultura só se incorporaron entre o 2016 e o 2023 tan só 54 mozos e mozas, o 2% do total.
Fonte: Consellería do Medio Rural
Necesidade dun estudo para avaliar o éxito das incorporacións
Na xornada sobre relevo xeneracional no agro organizada polo Foro Económico de Galicia púxose tamén de manifesto a necesidade de realizar un estudo sobre a eficacia das axudas de incorporación, comprobando cantos mozos e mozas seguen realmente traballando no sector pasados os 5 anos de permanencia no sector aos que lles obriga a convocatoria de axudas.
“É unha medida imprescindible para verificar a eficacia destas axudas e comprobar cantas delas son falsas incorporacións para simplemente captar as axudas. Abondaría con facer unha consulta na Seguridade Social pero igual á administración lle dá unha imaxe da realidade que non interesa que se coñeza e si vender á opinión pública que cada ano se incorporan centos de mozos e mozas ao agro”, sinalou unha das participantes na reunión.