“En Portugal estase vendo de novo interese polo cultivo da abelá da man de empresarios mozos”

Coñecemos coa doutora en Ciencias Agrarias, Ana Paula Silva, as claves para o cultivo da abelá de Portugal, localizado en rexións centrais do país luso. Con ela analizamos tamén as posibilidades desta produción en Galicia

Publicidade
“En Portugal estase vendo de novo interese polo cultivo da abelá da man de empresarios mozos”

A doutora en Ciencias Agrarias Ana Paula Silva.

En Galicia, malia a que é doado atopar abeleiras en zonas coma as marxes da leiras ou próximas ós leitos de ríos, non hai, polo momento, produción deste froito seco, aínda que algúns produtores e empresas están comezando a facer plantacións experimentais. En Portugal tamén se está vendo nos últimos anos de novo un interese por este cultivo aínda que, a diferencia de Galicia, o país ten xa unha tradición no cultivo e aproveitamento da abelá.

Da man da doutora da Escola de Ciencias Agrarias e Veterinarias (Ecav) da Universidade de Trás-os Montes e Alto Douro, en Portugal, Ana Paula Silva, coñecemos as claves para a produción de abelá no país veciño e analizamos a súa viabilidade en Galicia.

-A produción de abelá en Portugal foi significativa durante anos, ségueo a ser?
-En Portugal, o sector da abelá rexistrou nos últimos 25 anos unha fonda crise, pasando na década de 80 dunha área de 1.800 hectáreas a menos de 500 hectáreas no inicio de 2000, como consecuencia dos baixos prezos de venda e das dificultades para competir no mercado externo. Nos últimos 5 anos, estase vendo de novo interese polo cultivo da abelá con empresarios mozos involucrados e mesmo xa se fixeron investimentos significativos.

A nivel nacional esta especie preséntase como boa alternativa a diversos cultivos, presentando como vantaxes o feito de ter custos de instalación baixos e reducidos custos de produción, froito relativamente pouco perecedoiro, de fácil conservación e transporte.

-Actualmente, cales son as principais rexións produtoras no país?
-É unha tradición nas rexións de Tras-os-Montes e Beira Interior (zona centro). A abelá adáptase ben ás nosas condicións edafo-climáticas e é factible unha explotación agrícola integrada coa vertente paisaxística, cinexética e forestal.

“Na produción tradicional había unha diversidade de variedades, parte delas con características e aptitude mal definidas que provocan unha produción heteroxénea e baixa productividade”

-Que variedades están máis implantadas?
-En Portugal, na produción tradicional de abelá había un conxunto diverso de variedades, parte delas son variedades con características e aptitude mal definidas que provocan unha heteroxeneidade da produción e baixa produtividade. Con todo, os modernos abeledos contan esencialmente con combinacións de variedades de mesa ou de dobre aptitude e que xa foron obxecto de estudo. En concreto traballan con variedades como a italiana Tonda di Giffoni, as americanas Ennis e Butler, as francesas Fertile de Coutard, a española Segorbe e a portuguesa Grada de Viseu. O feito de non apostar por variedades de industria está relacionado con que competencia externa de España e Turquía, é moi agresiva pola cantidade comercializada.

-A que se debe prestar especial atención á hora de seleccionar a variedade a plantar?
-A escolla das variedades a instalar no abeledo debe ser feita con algún coidado, dado que unha mala elección interfire directamente coa súa produtividade e, consecuentemente, coa viabilidade económica da explotación. Cuestións como, o fin a que se destina a produción (froitos de mesa, industria e de dobre aptitude), a necesidade de polinizadoras, as características da variedade como son o vigor, a produtividade, o número de gromos que emite e as características do froito (tamaño, tanto por cento de ocos e rendemento de casca) son parámetros que deben ser sempre valorados antes da decisión de plantar.

“O primeiro paso para o éxito dun abeledo é a calidade do material vexetal a plantar. Tamén é aconsellable que 30% das árbores sexan polinizadoras”

-Que cuestións se deben ter en conta para producir abelá?
-O primeiro paso para o éxito dun abeledo é a calidade do material vexetal a plantar. As plantas deben ofrecer garantías clonais e sanitarias, presentaren bo vigor e contar cun sistema radicular ben desenvolvido. Aínda que o valor de mercado sexa determinante na escolla das variedades a cultivar en cada rexión, a escolla correcta das polinizadoras non se pode ignorar, así como a súa correcta colocación no pomar. Por regra xeral, son necesarias dúas polinizadoras de forma que garantan dispoñibilidade de pole ao longo de todo o período en que hai flores femininas receptivas. É aconsellable que 30% das árbores no pomar sexan polinizadoras. A súa colocación no pomar debe facerse de acordo con liñas pre-definidas para que os ventos dominantes favorezan a polinización. Hai varios esquemas que poden ser seguidos, dende a mestura en cada liña da variedade principal coas polinizadoras, así como a colocación das polinizadoras en liñas completas.

marco-de-plantacion-abela

Distintos modelos de plantación nos que se intercalan árbores polinizadoras para lograr unha óptima produción.

O marco de plantación aconsellado nas plantacións varía bastante en función da fertilidade do solo, do vigor das variedades, do tipo de mecanización, etc. A distancia entre liñas de 5 metros é sempre recomendable nun abeledo no que a colleita sexa mecanizada. Así, prestando atención ós parámetros referidos, a distancia entre liñas debe ser de entre 5 a 7 metros e na propia liña entre cada abeleira debe haber entre 3 e 4 metros.

“En Portugal, sen rega dificilmente se obtén unha tonelada por hectárea, mentras que nos abeledos en regadío pódese chegar a conseguir 3 toneladas”

-Que rendementos se obteñen?
-A produción por hectárea depende de moitos parámetros, pero está fortemente condicionada polo feito de se se trata dun abeledo de seco ou de regadío. En abeledos sen rega dificilmente se chega a 1 tonelada por hectárea, mentres que en regadío, pode chegar a acadarse as 3 toneladas. Coa popularización dos sistemas de rega por aspersión e sobre todo da microrrega, é posible levar a auga de xeito eficiente a practicamente calquera local, cultivo ou tipo de solo. Os inconvenientes poden estar máis relacionados coa súa dispoñibilidade ou con cuestións económicas.

– Só se empregan métodos mecánicos para a recolección ou séguese nalgúns casos un proceso manual?
-A recollida da abelá en Portugal pode ir dende a última semana de agosto até mediados de setembro. A recollida é das operacións que ten custos máis elevados, polo que a procura de solucións que permitan incrementar o rendemento en traballo desta operación ten sido dos aspectos máis estudados. O aumento do rendemento da colleita, ademais de diminuír os custos de produción, reduce o tempo de permanencia dos froitos no solo, que conduce á perda de calidade.

A abelá, ó igual que outros froitos secos, é recollida do solo, manual ou mecanicamente. A colleita manual da abelá do chan é unha operación que ten un rendemento bastante baixo, entre 6 e 8 quilos por hora (entre 50 ou 60 quilos ó día), o que encarece moito o seu custo de produción.

En termos mecánicos existen varios tipos de equipamentos cuxa prestación depende, entre outros factores, das características da instalación do abeledo, como por exemplo, do tipo de condución das árbores, da cadencia e as características da superficie do solo. Os colleitadores poden ser pneumáticos, nos que a colleita da abelá do solo é efectuada por aspiración tras ser sacudida da árbore. Este proceso tamén pode ser mecánico, presentando rendementos entre 300 a 500 quilos por hectárea de abelá, o que corresponde a entre 8 e 13 horas por hectárea. Tamén poden ser colleitadoras mixtas, onde o material sacudido é inmediatamente aspirado e conducido para unha moega.

“Unha das principais vantaxes do cultivo de abelá é que ten custos de instalación e produción baixos”

-Pode ser viable o cultivo de abelá en Galicia?
-Esta especie preséntase como boa alternativa a diversos cultivos. Unha das principais vantaxes é o feito de ter custos de instalación baixos, e reducidos custos de produción (poda simplificada, reducido número de tratamentos e colleita enteiramente mecanizable), froito relativamente menos perecedoiro, de fácil conservación e transporte.

Son as rexións con climas moderados as que mellor se axeitan para o cultivo da abelá. Factores como as temperaturas de primavera demasiado baixas son os principais condicionantes do seu cultivo. A abeleira tolera ben os fríos invernais, podendo resistir a temperaturas próximas dos 15 graos centígrados negativos en pleno repouso vexetativo, mentres que as inflorescencias masculinas soportan até -7 graos centígrados e as femininas até -13 graos centígrados. Porén, as xeadas de primavera, con temperaturas da orde dos -3°C ou inferiores no inicio da brotación no mes de marzo poden ser perigosas e, por tanto, as zonas baixas dos vales, debido a seren locais moi suscetibles a estas xeadas deberan de se excluír.

En canto ás necesidades de auga, a abeleira prefire climas cuxa pluviosidade sexa da orde dos 1.000 milímetros, con primaveras chuviosas, e caracterizados por precipitacións suficientes mesmo no inicio do verán. Como as grandes necesidades hídricas do cultivo acontecen en pleno verán debe valorarse a instalación de rega para que a produción sexa rendible.

Sendo a polinización anemófila, os ventos suaves na época de floración son desexables, mais ventos os fortes no inverno poden arrastrar demasiado o pole e no verán provocaren a caída de froitos antes da maduración. Tamén orixinan grande evapotranspiración, provocando a desecación das follas e a paralización do crecemento dos gromos. Por todo iso, a abeleira prefire rexións abrigadas dos ventos moi fríos no inverno, non suxeitas a xeadas na primavera, con inicio de verán relativamente quente, chuvias estivais regulares e humidade elevada durante todo o período de vexetación. Estas condicións verifícanse en diversas zonas tanto de Galicia como do norte da Península Ibérica.

-Que debería de terse en conta para lograr que este cultivo sexa unha alternativa máis no campo galego?
-A abeleira no contexto dunha fruticultura moderna é unha especie interesante e é posible obter colleitas regulares e abondosas. Para a expansión da área de cultivo e a súa explotación rendible é fundamental adquirir coñecementos sobre a planta, nomeadamente as súas esixencias edafo-climáticas, as súas necesidades de nutrición, a bioloxía desta planta, a fenoloxía e os comportamentos das variedades.

En canto á comercialización é preciso que exista unha concentración da produción de maneira que se poida asegurar cantidades suficientes, así como o establecemento de circuítos de comercialización e a oferta dun produto de calidade, cunha selección rigorosa e homoxénea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información