A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“En planta de albariño, godello ou mencía somos un referente pola nosa calidade”

Aos seus 80 anos, Benjamín Vedo Núñez, propietario de Viveros Vedo, en Vilamartín de Valdeorras, é un referente na produción e venda de vides de variedades autóctonas en Galicia. Falamos con el do presente e do futuro do sector.

“En planta de albariño, godello ou mencía somos un referente pola nosa calidade”

Benjamín Vedo no seu viveio

A empresa Viveros Vedo, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), é un referente en Galicia na produción e venda de vides de variedades autóctonas galegas. Á súa fronte, á espera de que tomen o relevo as novas xeracións, está Benjamín Vedo Núñez, que con 80 anos dá mostra dunha vitalidade e paixón polo seu oficio, que explican que sexa un auténtico referente no sector.

En Viveros Vedo acumulades 70 anos de experiencia na produción e venda de vides, algo do que poucas empresas poden presumir. ¿Como te iniciaches neste sector?
O meu pai Manuel Vedo Álvarez, foi o que puxo en marcha o viveiro, e eu collín o relevo cando tiña 30 anos; é dicir, hai uns 40 anos. Neste tempo fun introducindo todas as innovacións, de forma que hoxe malia que somos un viveiro pequeno, contamos cunhas instalacións modernas que nos permiten ofrecer planta da mellor calidade con todas as garantías fitosanitarias.

Así, puxemos en marcha un campo de cepas nais, facemos xemas para clons certificados, temos regadío por goteo soterrado, unha pequena cámara de calor para inxertar, e colaboramos cos centros de investigación para introducir as últimas innovacións.

Neste momento, contamos cunha parcela de 1,5 hectáreas onde temos as plantas nais, todas certificadas e sobre patróns Richard 110 e 196-17 Castel. Tamén dispoñemos doutros patróns como Paulsen 1103 e o S04. Ademais, contamos cunha finca de 3 hectáreas onde facemos a plantación, sempre con variedades certificadas.

“Os primeiros viveiros de vide de España puxéronse en marcha en Vilamartín de Valdeorras”

¿Por qué nesta comarca de Valdeorras se concentran os viveiros de vide de Galicia?
Na zona de Vilamartín de Valdeorras había moitos viveiros, fomos pioneiros en España, e exportábase planta de vide para toda España. O que pasa é que non se innovou como se debería e os viveiros de Valencia e de Navarra foron tomando a dianteira.

Por qué se implantaron aquí? Creo que empezou hai uns 150 anos por un tal Ferrandis, un home nado en Valdeorras pero que estivo emigrado polas Américas.

Daquela houbera a praga da filoxera, que arrasara os viñedos en toda a comarca, ao igual que no resto de Europa, e había que empezar a plantar todo de novo empregando outros patróns. Foi así como el comezou co viveiro en Vilmartín de Valdeorras, e logo tamén se fundaron outros na Rúa, en Viloira e no Barco.

¿Cales son as variedades que máis vos demanda o mercado?
O que máis plantamos e vendemos é Godello, Treixadura, Albariño, e tamén inxertamos moita mencía. Despois temos as castes minoritarias, como Caiños, Merenzao, Sousón, Brancellao..etc. E tamén facemos e vendemos planta de variedades foráneas como Tempranillo, Cavernet, Merlot…

O noso mercado está en toda Galicia, pero tamén comercializamos algo en León e Valladolid e facemos algúns envíos para Italia, sobre todo da variedade Godello.

En todo caso, a maior parte da demanda correspóndense a Godello, Albariño e Mencía, e as outras vanse vendendo pero sen moito incremento.

viveiros vedo valdeorras Bejamín 4 apaisada

¿Que garantías lles ofrecedes aos viticultores?
Nós damos todas as garantías na planta de primeira. Depois quedan segundas ou terceiras, pero iso xa non é como a primeira e non ten as mesmas garantías. Cando vendemos para as plantacións vai todo co seu pasaporte fitosanitario, e con todas as garantías.

A veces os erros dos viticultores, como non regar as plantas cando o precisan e non darlle os tratamentos, pagámolos os viveiristas, que en xeral creo que o facemos ben.

“Os viveiros de fóra non ofrecen a calidade nas variedades galegas que ofrecemos nós”

¿Incorporades o tratamento con calor para previr as enfermidades da madeira?
De momento non, porque vexo que as estacas quedan moi paradas e a planta non tira tan ben. Nós de momento non o facemos e cando o esixan incorporarémolo.

Tamén estades a colaborar co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na recuperación das variedades galegas de oliveira….
Estamos colaborando co CSIC para propagar as variedades autóctonas de oliveiras galegas, en concreto a brava e a mansa. Este ano estamos facendo a plantación, e en dous ou tres anos teremos xa a venda as variedades para comercializalas con todas as certificacións. Tamén vendemos variedades foráneas de oliveira como a arbequina, picual, cornicabra…etc.

Que vos fai competitivos fronte aos grandes viveiros valencianos, de Navarra ou portugueses?
Os viveiros de fóra veñen coller aquí xemas de Godello, Mencía e o mesmo do Albariño, pero lévanas sen clasificar e non teñen as mesmas garantías que ofrecemos nós. Por iso nós somos moito máis competitivos en calidade, e incluso en prezo.

Como ves a situación actual da viticultura en Galicia?
Vexo moito futuro no sector do viño en Galicia. A febleza nosa é que as nosas bodegas son moi pequenas e iso réstalles competitividade fronte aos grandes grupos foráneos. Tamén nos queda por mellorar todo o que é o enoturismo e en definitiva o coidado da paisaxe vitícola e das adegas para que sexa tamén un atractivo turístico.

O problema é que a xuventude do rural moitas veces non ve este gran potencial que ten diante dos ollos e prefire o diñeiro rápido de ir traballar ás canteiras ou a outro sitio. E logo veñen os de fóra facer o negocio coa nosa viticultura.

Con 80 anos, que che motiva máis para seguires con tanta ilusión no teu traballo de viveirista?
Motívame todo. Se tivera vinte anos menos metíame noutras innovacións, a facer planta, a facer un viveiro máis grande, macetar planta, facer reparto de planta de temporada…etc. Hai moito percorrido, pero iso queda para os veñan.

Aquí sempre hai posibildade de traballo e é unha mágoa que a xente nova non vexa as oportunidades. Teño un neto que me gustaríame que continuase co viveiro.

viveiros vedo valdeorras Bejamín 2 viveiros vedo valdeorras Bejamín 8 viveiros vedo valdeorras Bejamín 7

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *