“En Mosela a uva págase segundo a calidade: entre 1 e 5 euros o kilo”

Entrevista Alexander Barzen, viticultor do Mosela (Alemaña). Nesta rexión vinícola realizan vendimas diferenciadas porque “cada viñedo produce un tipo diferente de uva, polo que elaboramos ata 10 viños diferentes”. Valora a aposta de Galicia polas variedades autóctonas, o que diferencia aos seus viños en Alemaña

Publicidade
“En Mosela a uva págase segundo a calidade: entre 1 e 5 euros o kilo”

Alexander Barzen

Alexander Barzen é un viticultor e enólogo de Reil, un pequeno pobo do val do Mosela, en Alemaña. Nesta famosa rexión vitivinícola cultiva 2 hectáreas dunha adega familiar, Weinhaus Barzen, con máis de 500 anos de historia. Paralelamente organiza visitas enoturísticas, tanto á súa adega como a esta rexión vitivinícola.

Esta semana acudiu a Galicia, ao espazo enocultural Vide, Vide!, en Santiago de Compostela, para presentar os seus viños brancos da variedade Riesling, presentes xa en Cataluña e que agora está empezando a comercializar noutras comunidades. Cóntanos como é o seu viñedo e a viticultura no Mosela e como valora os viños galegos.

Como decidiches dar o paso de dedicarche á viticultura?
Dedícome á viticultura e á enoloxía porque me gusta moito o mundo do viño e da viticultura, ver como crecen as plantas e a uva, como podes influír na calidade da uva e de aí ata elaborar o viño, o produto final.

Veño do val do Mosela, unha zona de viños desde moi antigo. Na miña familia temos unha tradición de 500 anos na viticultura, e desde neno axudei aos meus pais tanto na viña como na adega.

A superficie que teño é de 2 hectáreas de viñedo, o normal en Mosela son pequenas parcelas de viñedo, como en Galicia. En toda a denominación contamos cunhas 8.000 hectáreas e uns 2.500 viticultores no val.

O río Mosela percorre uns 200 quilómetros e no seu tramo final marca a fronteira entre Alemaña, Francia e Luxemburgo. Os chans son calcáreos e ao final, chegando á fronteira con Luxemburgo, o val estréitase e é bastante pendente e profundo, parecido á Ribeira Sacra. O río ten numerosos meandros, o que provoca que o terroir cambie moito dunha aldea outra, e por tanto as calidades dos viños.

Que tipo de viños facedes en Mosela?
O Mosela é o corazón mundial do viño producido a partir da variedade Riesling. Contamos cun 55-60% da superficie con esta variedade autóctona. Hai 100 anos estaba cuberto co 100% de Riesgling pero modificouse a lei e permitiuse a plantación doutras variedades.

A día de hoxe o 95% da uva producida en Mosela é de variedades brancas e só un 5% de variedades tintas. No caso do meu viñedo, o 100% é de variedade Riesling, porque é a raíña das uvas brancas e require unhas condicións especiais como as do val do Mosela: clima frío e un chan de lousa, con moi pouca terra.

Cales son os vosos rendementos por hectárea?
Depende se se quere apostar máis pola cantidade ou pola calidade. A media está entre 5.000 e 7.000 litros por hectárea, o que en quilogramos sería un pouco máis. Algúns viñedos vellos, de cepas prefiloxera de máis de 125 anos de antigüidade, teñen uns rendementos de 3.000 litros por hectárea.

Como definirías os teus viños?
O proceso de elaboración do viño parte de conseguir a uva máis madura e sa posible e en intervir o mínimo na adega para que o viño sexa o máis auténtico posible e reflicta o carácter mineral pizarroso da solo.

Neste sentido, tamén cambiei os depósitos de aceiro inoxidable para volver ás cubas de madeira: cubas de carballo alemán de 1000 litros de capacidade. Os viños permanecen nas cubas con lías ata abril/maio, cando son embotellados.

“Cada viñedo produce un tipo diferente de uva polo que elaboramos ata 10 viños diferentes”

En canto á gradación alcohólica, os viños secos que elaboro teñen entre 11 e 13 graos e os viños afroitados entre 7 e 10 graos. O viño afroitado é tradicional en Alemaña e realízoo parando a fermentación, para lograr reter a dozura natural da uva. É un proceso tradicional que se ve favorecido pola fermentación lenta que se realiza, grazas ao frío da adega e a un PH baixo.

Os viños secos e semisecos envellézoos en botella, porque a maceración é máis lenta e suave. Os viños de variedade Riesling son suaves, afrutados e elegantes, e se os envellecese en barrica perderían eses aromas delicados.

Tamén elaboro un viño espumoso, con fermentación en botella, e un viño doce para sobremesas, tamén chamado Eiswein, ou viño de xeo, para o que a uva utilizada ten que atoparse aínda xeada durante a colleita e o prensado.

Resulta rechamante que con 2 hectáreas de viñedo elabores cada ano entre 5 e 10 viños diferentes. A que obedece esta práctica?
A cantidade de viños que se elaboran depende do ano, pero temos viñedos que, polas características do terroir e dependendo do ano, producen unhas uvas que son máis adecuadas para elaborar viños secos, semisecos ou afrutados.

“O prezo da uva en Mosela vai de 1 a 5 euros, dependendo da calidade·

Facemos unha vendima diferenciada porque cada uva de cada parcela serve para elaborar un viño concreto e sería un crime mesturala toda para facer un único viño que tería pouco carácter.

Como está o prezo medio da uva en Mosela e cal é a clave para mantelo de forma que sexa rendible o cultivo?
A uva para o viño máis básico está entre 1 e 2 euros, mentres que a mellor uva pódese pagar entre 4 e 5 euros o quilo, pero esta é case imposible conseguila porque os propios viticultores encárganse de realizar viños diferenciados con ela.

Paisaxe do Mosela

Paisaxe do Mosela

En Galicia é un reto para a viticultura combater o mildiu ou o oídio con cada vez menos produtos fitosanitarios. No Mosela tedes tamén un clima húmido. Como afrontades este problema?
Tamén é un problema porque temos un clima húmido e cunha gran densidade de plantación. Con todo, cada vez son máis as adegas que traballan en biolóxico e en biodinámico. Na miña adega tamén traballamos un viñedo de cepas vellas en ecolóxico.

O problema dos fungos debémolo afrontar con varias prácticas culturais. En primeiro lugar, debemos airear mellor as cepas e a plantación debe ser menos densa. En segundo lugar, non debemos fertilizar tanto a planta, para que sexa máis resistente. E cando utilizamos os funxicidas facelo no momento adecuado, non por rutina cada dez días, senón cando é necesario en función dos datos climatolóxicos.

Outro reto en Galicia é a substitución xeracional. Como está a situación en Mosela?
É igual que en Galicia: cada vez os viticultores novos que quedan collen máis viñedos que non teñen substitución xeracional. Por outra banda, os terreos máis difíciles e con maior pendente abandónanse, e trabállase o mellor terreo. Isto permite que as adegas cada vez sexan máis grandes e con persoal asalariado.

Que coñeces dos viños galegos?
Xa coñecía o Albariño e sabía que en Galicia se aposta polas variedades autóctonas, algo que para min é unha vantaxe e un elemento diferenciador dos viños galegos. Estes días estiven a visitar varias adegas de Rías Baixas e comprobei que teñen uns grandes viños.

 “En Alemaña valórase dos viños galegos que estean elaborados con variedades autóctonas”

Os viños galegos teñen a Alemaña como un dos principais destinos das súas exportacións Crees que teñen potencial no mercado alemán?
Os viños galegos están presentes nas viñotecas de Alemaña e percíbense como uns viños diferenciados. Coñécese sobre todo o Albariño, ao que se relaciona co Vinho Verde do Norte de Portugal e tamén se valora que se elabore con variedades autóctonas, algo que o diferencia no mercado.

Polo demais, exportar viño a Alemaña é difícil porque é un mercado moi competitivo e sobresaturado. Hai que ter en conta que importamos a metade do viño que consumimos e os exportadores compiten en prezo, algo no que se fixa o consumidor, xunto coa calidade. Pero traballando ben, vexo posibilidades para os viños galegos en Alemaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información