“En Leche Celta pensamos triplicar o envasado de leite ecolóxico en 2018”

Entrevista a José González Vila, xefe de compras de Leche Celta SL, unha das grandes industrias que xunto a Lactalis está a adquirir leite ecolóxico. Subliña que “hai unha forte demanda de leite ecolóxico en España e a nivel internacional, polo que vexo moita estabilidade nos seus prezos nos próximos 4 ou 5 anos”.

“En Leche Celta pensamos triplicar o envasado de leite ecolóxico en 2018”

José González Vila, xefe de compras de Leche Celta SL

Leche Celta, propiedade da cooperativa portuguesa Lactogal e con planta en Pontedeume (A Coruña), é hoxe unha das principais industrias lácteas de Galicia, disputándose o segundo posto en recollida con Corporación Alimentaria Peñasanta.

Con arredor de 1.000 gandeiros que lle fornecen materia prima en Galicia, e uns 460 millóns de litros recollidos no último ano a nivel nacional, unha das súas apostas estratéxicas é pola produción de leite ecolóxico.

José González Vila, xefe de compras de Leche Celta, explicou na pasada III Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que se celebrou en Friol (Lugo), que ofrece esta empresa ás ganderías de vacún de leite que se queren pasar a ecolóxico. Con el falamos deste novo mercado e da situación do sector lácteo en xeral.

¿Cales foron os motivos que levaron a Leche Celta a entrar no mercado do leite ecolóxico?
Entramos en abril de 2016 a recoller o primeiro leite ecolóxico, e nas mesmas datas empezamos a ter contactos con gandeiros que estaban en convencional para que se pasasen a ecolóxico. Neste momento Leche Celta abastécese de leite ecolóxico de 7 ganderías: tres de Galicia,unha de Madrid e tres de Asturias.

Ao longo de 2017 o noso obxectivo é envasar 3,4 millóns de litros de leite ecolóxico, o que suporá un incremento dun 80% con respecto ao 2016. O noso plan é seguir medrando, sobre todo en 2018, pois temos que ter en conta que neste momento temos 40 ganderías en conversión a ecolóxico.

É dicir, poderíamos en 2018 multiplicar por tres a nosa produción de leite ecolóxico, ata o entorno dos 11 millóns de litros anuais, sempre e cando os gandeiros en ecolóxico sigan neste sector e que ningún dos que están en conversión se quede polo camiño neste proceso. Hai que ter en conta que algúns expertos advirten de que entre un 25 e un 30% das ganderías que en Galicia se apuntaron a pasarse a ecolóxico, finalmente non seguirán, por diversos motivos.

¿Onde se atopa o mercado do voso leite ecolóxico?
É un mercado exclusivamente nacional: iniciamos envasando leite ecolóxico para unha gran cadea de distribución e agora xa temos dúas. E iso poderémolo completar coa nosa marca propia de Leche Celta. É dicir, estamos apostando por este sector para quedarnos.

O potencial de crecemento do mercado de produción de leite ecolóxico en España queremos que sexa sobre todo na Cornixa Cantábrica e en Galicia. Temos que acompasar a produción á forte demanda que hai a nivel internacional. O consumidor cada vez valora máis o benestar animal, a protección do medio ambiente e ver esa imaxe das vacas pacendo.

Vemos que globalmente descende o consumo de leite líquido, pero aumenta en leite ecolóxico e queremos aproveitar ese mercado.

¿Que condicións contractuais lles ofrece Leche Celta aos gandeiros en ecolóxico?
Non temos ningún límite a medio e longo prazo porque necesitamos máis gandeiros de vacún de leite que queiran producir en ecolóxico. De momento, non hai limitación nin de número de gandeiros nin de litros por parte da nosa empresa.

En canto aos prezos, están no entorno dos 0,50 euros por litro, máis calidades. Esa é xa unha realidade que xa estamos practicando. Os contratos que temos son por dous anos de conversión máis dous anos en ecolóxico. Estamos falando de contratos a 4 anos, e se algún gandeiro o quixese alongar a 5 anos tamén estamos dispostos.

“Aos gandeiros en ecolóxico ofrecémoslles un prezo fixo a 4 anos e mesmo a 5”

Garantimos por tanto un prezo para os próximos 5 anos e a nivel global vexo moita estabilidade nos seus prezos nos próximos 4 ou 5 anos. Para iso temos o respaldo dunha gran distribución que é a que nos marca as directrices de por onde vai o mercado e o consumo.

Na última actualización de contratos lácteos en febreiro, Leche Celta foi unha das poucas empresas que non aplicou subas nos prezos do leite para este ano…
Todo o contrario, Leche Celta foi unha das poucas industrias lácteas que aumentou o prezo do leite nos contratos de seis meses, de marzo a agosto, a prezo fixo e cun incremento que roza os 1,5 céntimos, ata situarse agora nos 0,28 céntimos por litro, máis primas fixas por explotación.

¿Como prevedes a evolución do mercado lácteo en 2017?
Con moita incerteza en leite convencional. Os prezos van depender das producións, da saída de produto industrial e da situación do mercado internacional. No sector segue habendo moita incerteza.

O que se anunciaba antes do fin das cotas, de que íamos entrar nunha situación de alta volatilidade de prezos, estase a cumprir. A estabilidade de prezos nesta primavera en prezos ao gandeiro débese a que hai contratos estables ata setembro e a que o leite spot ou leite a granel mellora con respecto ao ano pasado grazas ao valor da materia graxa. Se se puxo de moda e hai consumo manterase, pero de todas formas hai que agardar. Pero sen dúbida as boas cotizacións da manteiga están axudando a manter os prezos.

“As boas cotizacións da graxa están axudando a manter os prezos”

¿Cales son os proxectos nos que está traballando Leche Celta para os próximos anos?
Do que podo falar é dun crecente achegamento cos gandeiros para que teñan a maior estabilidade nos prezos. Estamos traballando en proxectos para darlle máis valor ao leite e aos produtores galegos.

Por último, por parte das organizacións agrarias critícase que o sistema de indexación do prezo en Galicia, o do Observatorio Galego do Sector Lácteo, é fixado unilateralmente pola propia industria, ao referenciarse aos prezos dos últimos meses pagados pola industria. ¿Cal é a súa valoración?
Eu entendo a súa postura e é certo que hai uns índices xa en Galicia, como é o caso do Xacobea, desenvolvido pola Xunta de Galicia, e os índices da Inlac. Pero para unha industria de leite líquido estes índices non teñen coincidencia entre os meses que se publican e os meses que se pagan, cun decalaxe de dous ou tres meses entre ámbolos dous. Polo tanto, non se adaptan realmente a unha industria como a nosa. Por iso, en Leche Celta de momento non aplicamos ningún índice: simplemente en vez de ir a un contrato a un ano imos a un contrato a seis meses e a prezo fixo.

Por outra parte, vexo que é o que nos demandan os gandeiros. Penso que mentres que a industria sexamos capaces de predicir un prezo fixo a tres ou seis meses, o produtor ve este sistema máis satisfactorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información