“Gústame que as vacas saian ó aire libre e disfruten dos pastos”

Inés Otero e o seu marido José Gago atenden unha das poucas ganderías de pastoreo que quedan na parroquia cruceña de Bascuas. Coñecemos como traballan nesta explotación, unha das que subministra o leite para elaborar os queixos Dona Cobiña, da queixería de Cobideza, que se distingue por traballar con ganderías en pastoreo

“Gústame que as vacas saian ó aire libre e disfruten dos pastos”

Inés e José con parte do seu rabaño, nun dos pastos próximos á explotación.

Inés Otero e o seu home José Gago vivían e traballaban na Coruña, pero un imprevisto familiar fixo que regresasen á casa natal de Bascuas, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, onde ela se criara, para dar continuidade á explotación familiar. Dende aquela pasaron xa case 30 anos, pero Inés aínda recorda como lles custou adaptarse ó cambio de vida. “Eu criárame nisto, pero para el, que traballaba de albanel, ó principio costoulle, pero agora está case máis contento ca min coas vacas”, recoñece Inés. Entre os dous atenden unha das poucas explotacións de pastoreo que quedan nesta parroquia.

Cando comezaron, nos anos 90, a explotación contaba cunhas 15 vacas. Hoxe, o rabaño fórmano 47 vacas frisoas. “Temos tamén unha becerra de cruce, un capricho”, recoñece. “Tampouco aumentamos moito nestes anos, sempre quixemos ir sobre o que dabamos atendido e nos facía falta”, comenta Inés. Muxen unhas 24 vacas e o resto repártese entre o lote das vacas secas e arredor de 20 xovencas para a recría.

Saír ó pasto todo o ano

Verán e inverno, as vacas saen ó pasto, aínda que dependendo da estación farano nun horario ou noutro. Agora no inverno e no outono aproveitan as horas centrais do día para saír a pacer. Pola mañá, permanecen na explotación, onde complementan a súa alimentación cunha ración diaria a base de preto de 20 quilos de silo de millo, outros tantos de silo de herba e con herba seca e o penso estipulado polo nutrólogo.

Explot.-pastoreo-Cobideza-Frisonas-_-

“Dependendo da calidade do pasto que haxa, tamén se vai variando a ración que comen na corte, porque senón déixana”, apunta José. “No noso caso é máis difícil calcular estas cantidades exactas, sobre todo de silo de herba e herba seca, ó non empregar carro para elaborar a ración”, comenta.

No verán, as vacas permanecen boa parte do día na explotación, onde están máis frescas e contan con sistemas de ventilación. Neste caso, saen pacer ó que rematan de muxilas, á tardiña. “Aínda quedan moitas horas de luz e fresca e elas aproveitan”, explica Inés. Cando xa é de noite, acércanas a unha zona máis próxima á explotación onde permanecen toda a noite á fresca. “Os únicos días que saen menos tempo ó pasto é cando chove, porque a elas non lles presta estar fóra. O frío non lles importa, pero coa auga enseguida queren volver para a granxa”, explica Inés.

Pacer a carón da granxa

Inés recoñece que unha das vantaxes que teñen é dispoñer de case 10 hectáreas de pasto e arborado nas proximidades da granxa. “Esta finca que temos arredor da granxa quédanos cómoda e ademais dálle o sol cando sae e está ó abrigo do vento frío do norte. Tamén está protexida do sol máis intenso no verán. O único defecto que ten é ser bastante encostada” explica. Nestas terras pacen as vacas a diario.

Frisonas-pastoreo-Vila-de-Cruces-Bascuas-

As vacas pacen nas fincas máis próximas á granxa.

Ademais, contan con arredor doutras 15 hectáreas algo máis afastadas onde cultivan as forraxes. Boa parte da terra é en propiedade, pero tamén teñen unha parte alugada e algunhas terras cedidas por outros veciños para o seu aproveitamento. Cultivan arredor de 8 hectáreas de millo que van alternando coa produción de herba. “Temos as vacas que damos mantido coas forraxes que producimos. A nosa aposta é pola calidade”, apunta Inés. Así, só mercan palla para as xovencas.

“Temos as vacas que damos mantido coas forraxes que producimos. A nosa aposta é pola calidade”

O resto destas terras permanecen sempre a pradeira. Inés opta por unha mestura forraxeira composta por gramíneas e leguminosas para manter o pasto dos prados. Decide combinar distintos tipos de trevo con raigrás inglés e italiano. “Sempre me gusta apostar por sementes de calidade, xa que tamén son garantía de que despois a herba non se pase tanto á hora de cortar”, comenta a gandeira.

A calidade que procuran nas forraxes e nos pastos buscan que se traduza no leite das súas vacas. Contan cunha produción regular diaria de entre 28 e 30 litros por vaca, cun 4,2% de graxa e un 3,3 de proteína. O reconto de células somáticas en tanque sitúanse nunha media de 103.000.

Xunto coas pradeiras, tamén dispoñen de zonas de arborado que aproveitan para que a recría poida estar parte do día en liberdade, á par que contribúe a manter sen broza este monte de gran diversidade onde medran sobreiras, carballos e castiñeiros, así como piñeiros ou loureiros e freixos, entre outros.

Do pastoreo a un rabaño de carne

Ós seus 56 anos, Inés recorda que non quixeron facer máis inversión en modernizar as instalacións pola falta de relevo xeracional e porque tanto para as vacas como para o seu manexo resultábanlles cómodas e eficaces. En máis dunha ocasión a teñen animado a dar o paso á produción ecolóxica, pero manifesta non sentirse “tentada” polo cambio. “A min gústame ter a explotación equilibrada, tratalas vacas cando é preciso para que estean o mellor posible e empregar os xurros no abonado da pradeira, e aínda que xa case producimos en ecolóxico habería que facer algúns cambios nestes temas”, comenta. A fertilización das terras faise a base dos xurros da gandería e compleméntase con cal.

Novillas-Frisonas-pastoreo-Vila-de-Cruces-Bascuas-

As xovencas permanecen nunha zona de pasto e arborado.

Dende sempre, Inés optou polo pastoreo, xa que non lle gusta que as súas vacas estean todo o día dentro. “En intensivo é unha produción máis industrial, aquí as vacas saen e disfrutan no pasto”, xustifica. Este manexo tamén lle permite que apenas teñan problemas de patas no rabaño. “Aquí nunca precisamos que veña o ferrador”, afirma.

Nos próximos anos, cando afronten a xubilación de José, non descartan que a explotación pase da produción de leite á de carne. “Esta terra só a podemos manter limpa co gando, senón teríamos que estar pagando continuamente por un servizo que nalgúns sitios nin sequera se pode facer con maquinaria”, explica.

quesos-Cobideza-

Parte da gama de queixos de Dona Cobiña.

Queixos Dona Cobiña

A de Inés é unha das explotacións de pastoreo da zona que subministra o leite co que se elaboran algúns dos queixos da queixería da cooperativa Cobideza. Baixo a marca Dona Cobiña están a comercializar un abano de queixos que abarca dende os Arzúa Ulloa (de 500 gr, 800 gr e 3,5kg), os queixos ecolóxicos, os queixos elaborados con leite cru ou os de Tetilla, dos que acaban de sacar tamén a versión elaborada con leite ecolóxica. A oferta compleméntase co queixo en barra (1,5 e 2,5 kg) e o requeixo.

Contan cunha produción de entre 8.000 e 9.000 quilos de queixo ó mes

Despois de apenas dous anos e medio no mercado, estes queixos xa se fixeron co recoñecemento dende o sector, logo de que o pasado mes de decembro lograsen o primeiro posto na denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa na XXI Cata dos Queixos. Dende a cooperativa a aposta é continuar a ampliar a súa oferta. “Estamos facendo probas tamén en ecolóxico de queixos curados e semicurados, xa que é un queixo que pensamos que pode competir no mercado exterior”, apunta Román Santalla, presidente de Cobideza.

Entrar no mercado dos queixos curados non é a única aposta de cara ó futuro para esta queixería que opera dende Agolada e na que traballan oito persoas, a maioría delas mulleres. Outro dos retos que valoran é comezar a producir tamén algúns queixos co leite de explotacións de cabras e ovellas “Serían producións pequenas, pero estámolo valorando para poder colaborar en ofrecer maior valor a explotacións de xente nova que está empezando na zona”, comenta Santalla.

Traballadores na queixería de Cobideza, en Agolada.

Traballadores na queixería de Cobideza, en Agolada.

Na actualidade, están a ter unha produción media que oscila entre os 8.000 e os 9.000 quilos de queixo ó mes. “Estamos satisfeitos co volume que estamos conseguindo, xa que en Dona Cobiña apostamos por unha elaboración artesanal dos queixos”, valora Santalla. De feito, buscan que esa produción artesanal sexa símbolo de identidade. “Os queixos de Dona Cobiña sempre saben ben, pero nunca un queixo sabe igual ca outro, teñen as variacións que chegan dende o campo e que non se ven alteradas polo proceso de produción”, reivindica Santalla.

Os queixos da cooperativa comercialízanse en Carrefour, Gadis, Vegalsa-Eroski, nalgúns centros de Alcampo e en tendas gourmet de El Corte Inglés. “Ademais boa parte dos restaurantes e comercio local da zona contan cos nosos queixos e requeixo”, detalla Santalla. Tamén están a comercializalos en cidades como Vigo, A Coruña, Pontevedra ou Lugo e comezaron a venderlos en Madrid, Cantabria, Baleares, Andorra ou Reino Unido, entre outros destinos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información