“En instalacións e manexo estamos no mellor nivel de Europa, pero seguimos tendo o problema do minifundio da terra”

anton adial siloTras unha longa traxectoria profesional como asesor técnico no sector de vacún de leite de Galicia, Antón Camarero Suanzes ven de xubilarse. O seu trosto é moi coñecido para moitos gandeiros e gandeiras que asistiron a algunha das súas charlas sobre manexo e conservación dos silos. Non en van destaca da súa traxectoria que “os gandeiros valoraban moito esa sinceridade ao non culpar o produto da competencia. Así, máis que facer unha venda, construía un vínculo de confianza e fidelidade que duraba anos”. 

Con el falamos sobre o manexo e conservación dos silos en Galicia, a súa traxectoria profesional e a súa visión do sector lácteo galego. 

¿Como foi o teu primeiro contacto coa gandería de vacún e, en consecuencia, coas ensilaxes?
A primeira vez que oín falar dun silo tiña uns 13 anos. Eu era un “neno urbanita” do centro da Coruña. Fun cuns compañeiros do colexio a unha explotación de carne extensiva na serra do Xistral. Pasamos o día axudando a retirar pedras das pradeiras e, á hora do xantar, sentados sobre a propia herba, vimos un montículo tapado cun plástico. O dono explicounos que era un “silo de herba”, froito dunha fermentación láctica que arrecendía a caramelo. Abriuno cunha navalla; penso que el estaba impaciente por cheiralo e ver o resultado. Colleu unha manchea e deuma a ulir. Díxenlle que me cheiraba a podre, ao que o dono respondeu que podería ser, pero que o ideal era ese aroma doce. Ese primeiro contacto amosoume xa a dificultade de ensilar e a fenda entre o que era un silo e o que debería ser.

amorim 03

¿Que te atraeu maís deste sector?
De neno sempre andaba cerca dos “bichos”: rás, cobras, grilos, paxaros, liróns… quería ser naturalista. Pero un día regaláronme un libro sobre a vida dun veterinario rural en York, Inglaterra: Todas as criaturas grandes e pequenas, de James Herriot. A partir de aí decidín que quería ser veterinario. O que máis me cautivou foi, sen dúbida, a vida no campo, traballar con animais ao aire libre. Porque tampouco me vía pechado nunha clínica de cans ou nunha oficina.

¿Como foron os teus comezos a nivel profesional e cales eran os principais retos aos que te enfrontabas?
Tras dous meses de campañas de saneamento en Lugo e algunha estadía co meu amigo Esteban Cuevas, comecei a introducirme no mundo rural. O “oficio” aprendino en Carballo con Ángel García Jr., un veterinario clínico magnífico, igual que o seu pai (co mesmo nome e recordado veterinario das terras de Meira que publicou libros de cirurxía). Logo xurdiu un traballo na Capela e marchei. Quizais foi algo precipitado, porque Ángel aínda tiña moito que ensinarme e eu moito que aprender. Foi así como comecei a miña andaina en solitario como veterinario do rural.

¿Tes coñecemento de cando se realizaron os primeiros silos de forraxes en Galicia?
A mediados dos oitenta, a técnica xa estaba moi estendida, aínda que o millo era menos frecuente e en cantidades pequenas (uns 10 kg/día durante 4 ou 5 meses). O mal cheiro do silo de herba tiña asumido como normal. Máis tarde, visitando O Arneiro, na Terra Chá, souben que os silos torre —que aínda quedan en pé— foron os pioneiros dos ensilados en Galicia a finais dos anos cincuenta.

amorim 02

¿Cales foron as principais dificultades iniciais ás que se enfrontou a ralización dos sillos de herba, e posteriormente de millo, en Galicia?
O problema cos de herba era o que vivín naquela primeira experiencia de neno: cheiraban a podre e asumíase que ese era o cheiro normal. Co silo de millo, o problema era que se cortaba en tacos para toda a semana, e esta exposición ao aire durante tanto tempo facíaos quecer. Ninguén parecía consciente das consecuencias deste mal manexo; simplemente non había referentes de silos de calidade.

Comentas que nos primeiros anos había bastantes retiencias por parte dos produtores ao emprego do ácido fórmico ¿Por qué?
O fórmico daquela era puro e era un produto moi corrosivo e irritante. Causou moitos accidentes e estragaba a maquinaria. Quen o probaba unha vez normalmente non repetía.

.¿Que destacarías das melloras que se realizaron na produción e procesado das forraxes para a súa conservación en silos?
Mellorou moito, sobre todo nas técnicas do cultivo, especialmente co millo: selección de sementes, control de pragas e pautas de abonado. Lembro que nos noventa a colleita traía case tantas malas herbas como millo. Tamén evolucionou a maquinaria, permitindo un picado máis rápido e preciso. Isto ten unha parte negativa, porque a velocidade de ensilado supera a capacidade de compactación dos tractores, o que compromete o pisado se non se fai con coidado. Hoxe hai máquinas que apañan ata doce regos; a antiga máquina de mallar era dun só rego, e se vai moi rápido non se dá compactado.

-¿E no caso dos productos conservantes para forraxes? ¿A veces pídense milagros con forraxes de mala calidade e en silos mal feitos?
Os conservantes, como di o seu nome, conservan. O produto final será, no mellor dos casos, o máis parecido posible á forraxe inicial, pero nunca mellor. Unha boa hixiene (con menos cinzas e restos orgánicos) favorece a fermentación láctica sobre a butírica. Factores como o picado, as capas finas e un peso axeitado do tractor son cruciais para evitar que entre aire e proliferen os fungos.

Ao longo da túa dilatada carreira profesional como asesor técnico-comercial no sector gandeiro en Galicia, ¿Como valoras a evolución na produción e conservación de forraxes nestes últimos dez anos en ADIAL?
Traballando man a man con XESGA fixemos referentes nas distintas bisbarras: gandeiros capaces de facer silos de alta calidade nutritiva e ben conservados. Estes “núcleos” serviron de modelo para outros veciños que tamén foron mellorando. Hoxe, en calquera concello gandeiro, podemos atopar explotacións que fan silos excelentes de forma regular. O uso de moléculas eficaces, tanto no Optisil como no Kofasil, como é o E250 (nitrito sódico), permítenos traballar con silos húmidos garantindo unha fermentación óptima, boa compactación e estabilidade aeróbica, sen clostridios nin fungos. O resultado son silos que arrecenden ben e non quecen.

¿En que aspectos consideras que aínda hai marxe de mellora?
Moitos gandeiros, aínda que evitan os silos secos para facilitar a compactación, non usan conservantes. Isto é un risco nun silo de alta humidade: un ano os clostridios poden arruinar a fermentación e causar problemas graves no rabaño. Non é todo branco ou negro, hai moitos tons de gris: silos pasables que non cheiran de todo mal pero que teñen certa carga de clostridios. Os que usan conservantes saben do que falo: conseguen silos amarelos, con bo aroma e un alto consumo de materia seca a pesar da humidade.

Nos últimos anos, coas normas da PAC, cada vez é máis habitual incluír leguminosas nas mesturas para pradeiras temporais e mesmo tamén se están probando alternativas ao raigrás, como cereais. Como valoras o seu valor nutricional, e sobre todo as súas características á hora de realizar un bo silo?
As leguminosas son clave para fixar nitróxeno e aforrar fertilizantes; ademais, en terras profundas, aguantan mellor a seca, podendo dar ata seis cortes ao ano. O problema é que son máis difíciles de ensilar pola súa baixa cantidade de azucres e a súa alta capacidade tampón, que non deixa acidificar o silo. Aqueles gandeiros que xa obteñen silos de herba de alta calidade non adoitan notar unha mellora significativa coa alfalfa.
Cos silos de cereais teño certa experiencia en Portugal; alí buscan cantidade e sacrifican calidade. Rebaixan a densidade enerxética da ración, dificultando así as altas producións.

¿Cales foron os teus referentes formativos en materia de conservación de forraxes e por qué?

amorim
Nos meus comezos nos anos oitenta, recordo que as charlas de LEYMA-CAP en Mabegondo foron referentes neste tema. Máis tarde, como técnico de AFRIGA (embrión de SERAGRO), viaxei a principios dos noventa a Holanda para ver os silos tipo “tabaco”, que daquela tiñan moita sona. Nesa mesma etapa, co enxeñeiro agrónomo Adolfo Álvarez, tamén traballamos no manexo de cultivos forraxeiros e de ensilados.

afriga
Xa traballando en UTEGA-GUYOMARCH-EVIALIS (2000-2010), fixen varias viaxes á Bretaña francesa, a Saint-Nolff (Vannes), onde Isabel Bogniart, no centro do INRA LAREAL, colaborou na nosa formación en nutrición e, sobre todo, en forraxes.

normas nutricionais
No mundo das vendas de penso, tanto como nutricionista en UTEGA como despois en XALLAS S.C.G., puiden comprobar como moitos dos fracasos nas vendas de fórmulas de pensos tiñan os silos detrás. E é que os silos de mala calidade facían fracasar o racionamento e, ás veces, daban un novo cliente, pero outras tantas cho quitaban. Con frases lapidarias tipo: “eu os silos sempre os fixen así” ou “a algo terás que botarlle a culpa”, o cliente esvaecíase.

charla vertical

Alex Udina no congreso de ANEMBEde Vitoria de 2026

Xa en ADIAL (2016-2026) atopei fórmulas de conservantes para silos que funcionaban sen seren corrosivas nin irritantes. O nitrito sódico (E250) era a molécula máis importante na composición dos conservantes, por ser un axente moi efectivo contra os clostridios. En ADIAL aprendín moito sobre silos do meu director técnico, Alex Udina.

Tamén neste período colaboraron na miña constante formación dous doutores expertos, Andreas Millimonka e Horst Aurebach, de ADDCON (fabricantes de Optisil-Kofasil). Co meu gran amigo, o nutricionista Javier López Vila, de SERAGRO, continúo a compartir información e interese polos silos.

ensilado

Na túa traxectoria profesional realizaches numerosas viaxes aos principais países productores de leite. Que leccións destacarías no relativo á produción e conservación de forraxes?

album fotos 01

Dairy Training Center, Frisia (Holanda) 1995 con técnicos de SERAGRO

album fotos

Como xa dixen, a calidade de conservación e nutritiva dos silos que viamos nas granxas era moi ruín. Nos meus comezos en AFRIGA, visitamos dúas veces en Frisia (Holanda) o “Dairy Training Center” para ver como facían en Holanda os silos tipo tabaco, de tanta sona. Daquela, para nós estaban a anos luz. Eles traballaban todo con raigrás inglés con semente certificada, tiñan moitas mellores máquinas, autocargadores con corenta coitelas e acondicionadores; por iso, aínda que eran silos secos, conseguían premelos.
Ainda así os silos encanotados e pouco picados que faciamos aquí terminaban fumegando e cheos de fungos cando os sometiamos a presecados (e podres cando ían húmidos). A experiencia non foi moi exitosa.

Os teus “Siloaprendes” ou as pílulas sobre conservación de silos de millo e de herba son un referente innovador na difusión de boas prácticas agrarias. Como valoras a súa recepción?

amorim 01
Quero destacar neste punto o esforzo innovador para a divulgación e a aprendizaxe que desde ADIAL vimos realizando mediante o uso de ferramentas divulgativas nas redes sociais, radio, blogs científicos (“ciencia carbónica.es”), pílulas, pósteres, folletos, dípticos ou artigos que publicamos nas revistas especializadas. Tamén facemos auditorías, ofrecemos un servizo de posvenda, apoio técnico ou un servizo de analíticas especiais de fermentativo e micotoxinas.

En especial, síntome orgulloso da creación, deseño e impartición dos talleres “SILAPRENDE”, dirixidos á formación, dunha forma intuitiva e divertida, de gandeiros e técnicos en silos. Xa levamos realizados máis de noventa destes talleres por toda a Península Ibérica, desde Galicia a Andalucía, pasando por Portugal. Os protocolos de auditoría de silos que deseñamos xa os están implantando os meus compañeiros de ADIAL noutras comunidades e no país veciño.

Representa un gran orgullo para min ter contribuído a unha mellora tan significativa na calidade das ensilaxes, especialmente na miña terra. Isto demostra que, aínda cun obxectivo comercial como é a venda de conservantes, tamén se pode facer unha achega valiosa ao progreso do sector.
Este éxito non é só meu: en Galicia contei co apoio incondicional dos meus compañeiros de ADIAL —por suposto Alex, tamén Paco, Frederico, Xavier, Narcís, Eduard e Bea—, e de todo o equipo de XESGA: Sergio, Estiven, Paco, Crisanto, José Manuel, Pablo, Miguel, David, Carlos, Damián, Antonio e José Antonio. Tamén cos enxeñeiros Frederico e Eliana en Portugal.

Entre todos estamos logrando que o manexo eficiente dos silos sexa unha realidade en moitas explotacións.

Que fortalezas e debilidades ou retos detectas nas ganderías galegas de vacún de leite?
Ata hai uns vinte anos, era case obrigatorio saír fóra de Galicia para aprender e visitar granxas que servisen de modelo. Hoxe, sen querer caer no chauvinismo, podo dicir que, tras visitar ganderías intensivas de referencia en Alemaña, Italia, Francia ou Holanda, non temos absolutamente nada que envexar en canto a manexo e instalacións. Estamos ao mellor nivel europeo.

O minifundismo segue presente. Creo que esta debilidade foi tamén o noso revulsivo: obrigou a “espabilar” e a ser moito máis eficientes, especialmente naquelas épocas de “vacas fracas” que curtiron o sector. O reto agora é seguir medrando en calidade e profesionalización, optimizando cada metro cadrado de forraxe que producimos.

Algunha anécdota ou lembranza en especial que leves de todos estes anos traballando no sector?
Na etapa na que traballei en nutrición para fábricas de pensos lembro que sempre supervisaba os silos cos que traballaban nas granxas. En varias ocasións detectei problemas graves de saúde animal, como cetose provocada por silos con altos niveis de clostridios. Antes de ofrecerlles o noso penso prefería ser honesto: explicáballes que o problema non era o alimento que mercaban, senón o propio silo. Recomendáballes pechar o silo un mes e substituílo por alfalfa. Os gandeiros valoraban moito esa sinceridade ao non culpar o produto da competencia. Así, máis que facer unha venda, construía un vínculo de confianza e fidelidade que duraba anos.

Algo máis que queiras engadir?
Quero ter unha lembranza para as técnicas comerciais de AMORIM LDA, as miñas compañeiras en Portugal: Eliana, Rita e Natalia. En Asturias, os técnicos de forraxes de ASA, Manuel e Pedro. En Benavente, a Juan Brime. Tamén para Sara, veterinaria de XALLAS, en parte cliente, en parte competencia, coa que comparto interese polos silos. Os gandeiros de AGROCIOCENDE, a familia LISTE de Trazo e un longo etcétera de gandeiros cos que tamén aprendín moito.

Teño a seguridade de que o meu sucesor, Daniel Sever, o novo veterinario responsable de ADIAL no noroeste, vai continuar na labor con moito éxito. Coñece ben os temas de robótica, índices técnico-económicos, sistemas novos de alimentación e esas cousas tan importantes, pero nas que, por vello, dá algo de preguiza afondar.

gandeiro

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información