“En Holanda ante a crise do leite aumentamos a calidade das forraxes e a eficiencia”

Estes días están de visita por Galicia un grupo de estudantes holandeses para coñecer a produción de leite no noso país. O profesor Henk Valk, da universidade CAH-Vilentum, de Dronten, explica cal é a situación do sector lácteo en Holanda.

“En Holanda ante a crise do leite aumentamos a calidade das forraxes e a eficiencia”

O profesor Henk Valk, no centro, nunha visita a unha explotación da Pastoriza (Lugo). Foto: Eloi Villada

Un grupo de 22 estudantes holandeses da Universidade CAH-Vilentum, de Dronten (Holanda) visitan estes días Galicia para coñecer o sistema de produción de leite no noso país. Acompañados polo profesor de alimentación animal, Henk Valk, o interese dos estudantes céntrase especialmente na nutrición, manexo do pasto, utilización de forraxes e manexo xeral da explotación.

Tras coñecer explotacións en diversas comarcas gandeiras de Galicia, o profesor Henk Valk, explica cal é a situación do sector lácteo en Holanda, un país cun territorio lixeiramente maior que Galicia (33.000 kilómetros cadrados), pero con arredor de 18.000 explotacións lácteas, 1,5 millóns de vacas (83 de media por explotación), e uns 12 millóns de toneladas de produción. Exporta o 65% dos produtos lácteos que elabora (fundamentalmente queixos), unhas exportacións que en 2012 acadaron un valor de 5.900 millones de euros.

En canto ás calidades do leite, en Holanda móvese entre 4,3 de graxa e 3,6 de proteína, marcándose un obxectivo en alimentación dun máximo de 200 gramos de concentrado por litro de leite.

Cal é a principal diferencia que atopa entre as explotacións de leite de Galicia e as de Holanda?
En Holanda temos un problema grave co exceso de xurro, debido a que o nitróxeno e o fósforo dos resíduos gandeiros contaminan os acuíferos. Este é un problema que en Galicia non tedes de momento. En Holanda somos un país pequeno, cunha cabana gandeira moi elevada, o que nos provoca un problema de exceso de carga gandeira que temos que resolver. O goberno holandés é moi vixilante para que os gandeiros non incrementen a produción de leite pois temos o problema dos excesos de xurro.

En Galicia non tedes ese problema e podedes incrementar a vosa produción de leite sen estas limitacións.

Como é o sistema de alimentación do gando en Holanda?
O sistema de alimentación do vacún de leite en Holanda é diferente a Galicia. As explotacións tamén son intensivas, pero as principais fontes de forraxe son ao 50% o silo de herba e o silo de millo, mentres que en Galicia o silo de millo ten moito máis peso. Isto débese a que en Holanda o millo ten máis dificultades para o seu cultivo.

En canto ás especies herbáceas, cultivamos sobre todo Raygrás inglés. O trevo e demais leguminosas utilízanse nas explotacións lácteas en ecolóxico.

“Aumentamos a calidade das nosas forraxes e a produción por vaca para ser máis competitivos”

O primeiro corte de herba os gandeiros fano a primeira semana de maio, dependendo da metereoloxía, e en total fan uns 4 ou 5 cortes por ano, e incluso máis, dependendo das condicións de crecemento.

Cales son os seus costes de produción e de alimentación?
Os costes de produción son de 29 a 30 céntimos por litro, e os custos de alimentación andan entre 10 e 12 céntimos por litro. Sen embargo, o prezo do leite en Holanda está arestora entre 27 e 28 céntimos por litro, uns prezos moi baixos que están a provocar tamén unha difícil situación para os gandeiros holandeses.

E cal é a estratexia que se está a seguir en Holanda para afrontar os baixos prezos do leite?
Trabállase fundamentalmente con dúas alternativas. Unha é a de ser menos intensivos e reducir os custes de produción a 23 ou 24 céntimos por litro. A outra opción é intentar incrementar a produción por vaca, incrementando a eficiencia. É dicir, reducir o número de vacas pero aumentar o rendemento por animal e por hectárea.

En calquera dos dous escenarios estamos traballando para aumentar a calidade das nosas forraxes xa que son máis baratas como fonte de alimentación que o concentrado, e polo tanto un factor de competitividade. En Holanda contamos con que os prezos do leite suban ao final deste ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información