
Público asistente aos IV Encontros Ibéricos de Calidade do Leite
Cristian Paniagua dedícase a asesorar a granxas tanto de vacún como de ovino en calidade de leite e certificación de benestar animal. Entre os seus clientes atópase a empresa Gaza, formada por 70 gandeiros da provincia de Zamora. Nos IV Encontros Ibéricos de Calidade do Leite, organizados por Anembe e o Conselho Portugués de Saúde do Úbere, contou cal é a súa estratexia de traballo.
Fundada en 2012 por dous socios, Cristian e Patricia, Gescal veterinarios conta con 40 granxas en carteira, 22 delas en xestión mensual, sumando 7.500 vacas en muxido, das que o 59% se atopan en Control Leiteiro. “Son 22 granxas en zonas similares, con climas similares e sistemas de muxido similares. Polo tanto, podemos comparar unhas con outras”, indica.
“A nosa filosofía de calidade de leite é unha xestión continua e visitas mensuais. Levamos poucas granxas porque co noso sistema de traballo é imposible levar máis. Facemos visitas mensuais e atendemos chamadas cando hai problemas e mantemos unha relación de confianza e fidelización cos nosos clientes”, explica Cristian.
Dime cantas granxas levas e direiche a calidade de leite que fas
“Apostamos por unha visión a longo prazo, traballando para non apagar lumes e para que sexan o máis pequenos posible. Temos unha visión global pero temos en conta o factor granxa”, destaca.
“Os veterinarios de calidade de leite somos veterinarios epidemiólogos, porque a mastite é unha patoloxía médica infecciosa endémica, con brotes epidémicos, que é multifactorial e que require medidas de control. Ademais, somos decisivos na prescrición e sinatura das receitas”, defende.
Os veterinarios de calidade de leite temos que ter claro o valor que achegamos nas explotacións
“Temos que ter claro o valor que achegamos nas explotacións. A media de reconto de células en tanque en toda Castela e León sitúase en 300.000, mentres que a media destas 22 granxas é de 200.000, cunha media mensual de mastite do 3% e un 80% de vacas sas”, destaca.
Menos vaca, máis rabaño
Cristian traballa con granxas de distinto tamaño, tanto pequenas como de ata 2.500 vacas. “Granxas que xestionan persoal de máis de 500 vacas en muxido poderiamos consideralas XL”, considera.
“Nestas granxas grandes o valor do individuo é menor. A vaca individual importa menos, traballas máis cos lotes e dás menos solucións individualizadas para cada animal. Aínda así, temos un informe individual vaca a vaca que nos axuda a tomar decisións de tratamento, secado ou descarte”, explica.
Hai que traballar con obxectivos e observar tendencias máis alá do informe mensual
De todos os xeitos, o plantexamento de Gescal é diferente: “hai que traballar con obxectivos e observar tendencias a máis longo prazo, xa que a foto fixa de cada mes non nos achega moito a nivel de estratexia”, defende Cristian.
O tamaño non importa
A metodoloxía de traballo de Cristian e Patricia segue unha serie de principios: “En granxas en Control Leiteiro, as visitas facémolas sempre unha vez saen os datos. No caso de non estar en control leiteiro, facemos Test de California en todas as vacas, nalgún caso, a máis de 200 vacas en muxido”, explican.
En granxas que non están en Control Leiteiro facemos Test de California en todas as vacas en muxido, aínda que nas granxas robotizadas ao mellor ten menos sentido
“O nivel de esixencia nunha granxa XL teoricamente é maior, pero non ten por que selo. Tampouco o feito de ter máis vacas implica que se fagan as cousas mellor”, matiza.
“É importante ter un bo entendemento co resto de profesionais e técnicos da granxa: reprodución, nutrición, podoloxía, etc., porque todas as enfermidades e todos os problemas están relacionados”, asegura.
Maior vixilancia da sala de muxido
En canto aos sistemas de muxido, as explotacións que Cristian asesora dispoñen de todo tipo de máquinas, desde rotativas de 72 puntos, a granxas de 10 robots ou salas convencionais de 24 puntos que están 14 horas ao día muxindo sumando os 2 muxidos.
En salas de muxido que traballan moitas horas, é necesario que haxa alguén pendente do mantemento
“As salas de muxido neste tipo de granxas traballan moito máis tempo e é necesario estar máis enriba delas. É importante que haxa alguén neste tipo de granxas pendente do mantemento, cambio de pezoneiras, tubos que se rompen, etc. O cambio de pezoneira é no que fago máis presión, porque é a peza da máquina que toca o pezón. O cambio debe facerse no prazo que indica o fabricante”, explica Cristian.
Nós facemos unha revisión da máquina de muxido mensualmente ou trimestralmente, en función do tempo de traballo
En canto á regulación dos distintos parámetros de funcionamento, considera que non en todas as granxas se pode establecer o mesmo baleiro. “Se o muxido é bo e a retirada se fai ben, pódese traballar con baleiros máis altos, pero normalmente procuramos ser conservadores. Preocúpame ás veces máis que os pulsadores estean ben, que é algo que se dá xa por superado pero que ás veces en granxas con moito uso non é así”, relata.
Traballar con protocolos
A medida que o tamaño da explotación aumenta, faise máis necesario establecer protocolos de traballo. “Son imprescindibles cando traballas con tanta xente”, defende o veterinario de Gescal.
Son recomendables protocolos para cada unha das tarefas da granxa: protocolo de muxido, tratamento de mastite, secado, manexo de camas, mantemento e limpeza, vacinación, etc. Pero o feito de contar cun método estandarizado de traballo non garante o seu cumprimento. “O protocolo que se indica é sempre o ideal, pero logo choca moitas veces coa realidade”, recoñece Cristian.
O feito de contar cun método estandarizado de traballo non garante o seu cumprimento
En materia de calidade de leite e saúde de ubre o protocolo de muxido é un factor clave. Este debe ser adestrado e o seu cumprimento supervisado e controlado. “É importante que haxa un responsable do muxido e que sexa el sempre o que forme a cada persoa que entra a traballar, non outro muxidor que leve máis ou menos tempo”, argumenta.
“O muxidor non sempre te ve como un referente. Nas granxas máis grandes, o posto intermedio é fundamental. Necesitamos mandos intermedios cos que implementar estratexias, protocolos e formación de traballadores porque é imprescindible formación continua e refrescar ideas periodicamente”, asegura.
Motivación do persoal con mellores condicións salariais e horarias
Por tamaño, as granxas grandes non son mellores nin máis eficientes, afirma. “As granxas cando medran o primeiro que se queren quitar de enriba é o muxido. É o primeiro que delegan e ás veces con resultados nefastos. O gandeiro pode muxir mal pero normalmente é máis permeable ao que lle dis, porque lle vai no peto”, razoa Cristian.
En cambio, recoñece, “é difícil atopar un método axeitado para a motivación do persoal”. “Se o pago é por un índice de mastite máis baixo, o que pode pasar é que os empregados comecen a identificar menos mastites na sala, deixando pasar ás vacas enfermas, co que o efecto é o contrario ao desexado”, relata.
Recomendamos ás granxas que as ofertas de traballo sexan mellores para optar a un perfil de empregado máis cualificado
Mellorar as condicións de traballo é o mellor incentivo para os empregados, afirma Cristian. “Un traballador cualificado pódeche facer gañar moito diñeiro nunha explotación e se de inicio ofrecemos un salario mellor e mellor horario optaremos a traballadores mellores e máis cualificados”, argumenta.
Á hora de dar consellos e ofrecer recomendacións para mellorar a saúde de ubre, ten moita influencia tamén se a granxa ten relevo ou non. “Se o gandeiro está esperando para xubilarse é menos permeable aos cambios”, afirma.
Traballar con datos e certezas
Cristian defende a utilidade de contar con datos obxectivos e resultados analíticos á hora de definir a estratexia a aplicar en cada granxa. “Temos que traballar con datos, é dicir, con certezas, e non con sensacións. Necesito ter datos para ter controlada a granxa e saber como vai evolucionando unha enfermidade que é endémica na granxa e que se pode volver epidémica”, afirma.
Por exemplo, é importante, asegura, ter datos de mastite por cuarterón. “O gandeiro sempre che di, teño máis mastites no cuarterón traseiro dereito, por exemplo, pero pode non ser real. Para iso sérvennos os datos”, exemplifica.
“O epidemiólogo o primeiro que ten que ter controlado é a poboación que está manexando, por exemplo o número de vacas secas que hai cada mes, porcentaxe de xovencas ou cantas vacas hai por lote, porque canto máis ocupación teñamos nas camas maior risco de contaxios teremos”, afirma.
En granxas grandes é importante dispoñer dunha zona de enfermaría onde apartar ás vacas tratadas e muxilas sempre ao final
“Cando facemos as visitas mensuais, miramos con test de California as vacas que pasaron un episodio de mamite para saber como está funcionando o tratamento, as novas infeccións e os animais millonarios en células somáticas”, indica.
En granxas grandes é importante ademais dispoñer dunha zona de enfermaría onde apartar ás vacas tratadas, que se muxirían ao final para non ter problemas de inhibidores nin de contaxios.
Maior vixilancia en granxas que compran animais
O plan de traballo de Gescal veterinarios varía en función da granxa. “Tomamos mostras sobre todo en granxas con patóxenos contaxiosos e nas granxas abertas facemos unha PCR cada vez que entra un animal novo de fóra. Nunha granxa pechada cunha análise de contaxiosos en tanque unha vez ao ano é suficiente. Se é unha granxa que compra animais, cada vez que entran vacas deberíase facer unha análise do tanque”, diferencia.
Na maioría das granxas non conseguimos segregar aos animais que entran
“Necesito saber como se distribúe a miña poboación para poder valorar os resultados da granxa, porque os animais de cuarta lactación sempre van ser máis problemáticos e os resultados globais serán peores que nunha granxa cun 40% de xovencas”, exemplifica Cristian.
“Se teño problemas no posparto, é dicir, se teño mastites nos primeiros días en leite, é posible que teñamos un problema no lote de vacas secas ou no posparto en canto a instalacións ou protocolos de manexo. Nas granxas grandes, nas que se pode, intentamos facer presecos, baixando a produción por debaixo de 20 litros antes de secar”, explica.
As granxas XL non fan máis cultivos en granxa que as pequenas
Tampouco é o mesmo que teñamos problemas de mastite nas xovencas, que pode ser un problema ambiental nos lotes de recría, que nas vacas vellas, que xa se van ir da granxa, relativiza.
Manexo da cama
A cama na que se deita a vaca é un dos principais factores ambientais relacionados cos casos de mamite. “Nesta zona hai bastante cama quente libre con palla, que é máis problemática”, recoñece Cristian.
“Na zona noroeste de España temos clima continental, seco e frío no inverno, pero cálido a partir da primavera. Por iso cambiamos a palla do inverno por area no verán, con moi bos resultados a nivel de mastite. É certo que a area ten menor capacidade de absorber humidade e as vacas están máis sucias, pero a nós non nos pagan por ter as vacas máis limpas senón máis sas”, afirma.
En granxas de cama quente de palla cambiámola por area no verán durante 6 meses e dános mellores resultados
“No inverno non podemos utilizar camas de area en zonas de libre disposición, porque no inverno a cama está fría e húmida (a area ten menor capacidade de absorción de humidade que a palla), polo que a vaca non se deita e prodúcense caídas importantes na produción. Pero a medida que sobe a temperatura esa cuestión cambia e xa non é un problema porque a vaca xa se deita. O mes de abril é un mes delicado, porque temos temperaturas máis altas pero o gandeiro non se atreve aínda a facer o cambio a area e temos picos de mastite nese mes”, explica.
Canta máis ocupación teñamos nas camas maior risco de contaxios teremos
“Se cremos que a mastite é a patoloxía que en vacún de leite produce máis perdas nunha explotación láctea, todas as decisións que tomamos están fundamentadas nunha decisión económica. O custo da area é maior que o custo da palla, pero se vemos os resultados económicos compensa”, afirma Cristian.
Ao contrario, di, ocorre cos cepillos de limpeza predipping e cos pulverizadores automáticos postdipping. “Nunha granxa grande, a colocación dun sistema automático de spray postdipping pode supoñer aforrar tres salarios, e iso pode representar 100.000 euros ao ano, aínda que non sexa o mellor para as vacas. Custo e eficacia son ás veces os dous extremos dunha balanza e no medio sitúase a eficiencia”, conclúe.
Galego









Control OJD