“En Galicia temos un gran potencial no kiwi, pero fáltannos parcelas con tamaño e axudas públicas”

Entrevista a José Carlos Vila Costas, xerente de Kiwi Atlántico, empresa organizadora da Conferencia Internacional IKO (International Kiwifruit Organization) que estes días se celebrou na illa da Toxa, reunindo a representantes dos principais países produtores.

Publicidade
“En Galicia temos un gran potencial no kiwi, pero fáltannos parcelas con tamaño e axudas públicas”

José Carlos Vila Costas, xerente de Kiwi Atlántico

Galicia converteuse estes días na capital mundial do kiwi. Uns 60 representantes dos principais países produtores deste froito reuníronse na illa da Toxa na Conferencia Internacional da IKO (International Kiwifruit Organization) para analizar a situación do sector e abordar as problemáticas que lles afectan.

A organización da conferencia correspondeulle á empresa galega Kiwi Atlántico, líder na produción de kiwi en España. O seu xerente, José Carlos Vila Costas, fala das conclusións desta conferencia e da situación do sector do kiwi en Galicia.

¿Cales son as principais conclusións da 35 Conferencia Internacional IKO (Internacional kiwifruit Organization)?
O resumo final é que en canto a produción, en Europa vai estar por debaixo da do pasado ano, en torno a un 15% menos, aínda que cun calibre maior, con froita máis grosa, pero en principio pensamos que a calidade gustativa de sabor vai ser moi boa. A baixada da produción no Hemisferio Norte, que abastece o mercado de novembro a xuño, débese a que houbo poucas horas de frío o pasado inverno, o que se traduciu nunha peor floración. O verán e a primavera foron secos, con temperaturas moi elevadas, que na zona do Baixo Miño chegaron aos 40 graos. Sen embargo, grazas a que as nosas plantacións teñen sistema de rega, a maior cantidade de luz e calor esperamos que se traduza na froita nun nivel de azucre máis elevado. Agora só falta que chova algo en outubro e que veña frío.

En canto ao Hemisferio Sur (Chile e Nova Zelanda, fundamentalmente), que abastece o mercado mundial de xuño a novembro, e que neste momento están a finalizar a súa colleita, prevén que para o vindeiro ano a produción se manteña ou mesmo se reduza lixeiramente.

¿E cales son as previsións de evolución do consumo desta froita?
Estamos a percibir un aumento considerable do consumo de kiwi, sobre todo en Asia, fundamentalmente en China, Taiwan e Corea, pero máis de cultivos amarelos (Kiwi Gold), e non tanto do kiwi verde, que é o que temos en Galicia. Tamén está a incrementarse algo o consumo en Estados Unidos. En xeral, o consumo segue subindo lentamente e o que nos gustaría é acompasar a produción ao mesmo.

¿A menor produción que se prevé anticipa unha suba de prezos para os produtores?
Os prezos do ano pasado foron malos en toda Europa, e é algo que tamén está a ocorrer agora no Hemisferio Sur, sobre todo en Chile. Isto debeuse a que en Europa o calibre foi máis pequeno e Chile arrastrou eses baixos prezos.

Para esta campaña pensamos que os prezos van remontar e estar máis altos. Así, se na pasada campaña os prezos de venda xeral estiveron roldando os 1,25 euros o kilo, para este ano a previsión é que suban ata os 1,40 ou 1,50 euros. Tamén se prevé unha suba para os produtores, que despois de padecer este ano as cotizacións máis baixas das últimas cinco campañas, este ano creo que se recuperarán os prezos ata unha media de 0,70 euros o kilo.

¿Que situación ocupa Galicia na produción de kiwi en Europa e que potencial ten?
No Hemisferio Norte temos unha cota de participación baixa: arredor do 6% da produción europea. Se en España producimos 14.000 toneladas de kiwi, sen embargo consumimos 85.000, co cal temos posibilidades grandes de aumentar a produción, xa que estamos a importar unhas 70.000 toneladas anuais de Francia, Portugal, Italia ou Grecia.

 “En España consumimos 85.000 toneladas de kiwi pero só producimos 14.000”

Sen embargo, en Galicia é complicado porque para ser rendible unha plantación de kiwi debe ter unha superficie mínima dunhas 4 hectáreas e en Galicia é moi difícil atopalas. Hai anos a Xunta de Galicia puxo en marcha o Banco de Terras, pero os alugueiros son por un período de 5 anos, e iso para os investimento que se precisa facer nunha plantación deste tipo non é viable. Neste sentido, durante a clausura do congreso a Conselleira comprometeuse a realizar cambios no Banco de Terras para atender as nosas demandas de prazos máis longos de alugueiro.

Kiwi Atlántico é a principal empresa do sector do kiwi en Galicia e en España, con 380 das 673 hectáreas de plantacións que hai na Comunidade. ¿Tedes previsto aumentar a produción?
En Kiwi Atlántico aumentamos a produción porque adquirimos a plantación doutra empresa en Galicia. Debido á dificultade de atopar parcelas dunha superficie rendible na costa estamos realizando unhas probas de plantación en Cualedro, na provincia de Ourense, pero é complicado.

Galicia ten un gran potencial para producir kiwi e crear riqueza e emprego no rural, porque hai demanda desta froita, pero é imprescindible que o Banco de Terras funcione mellor e que volva haber axudas para realizar plantacións de kiwi, porque vimos que nos últimos anos as axudas públicas centráronse case en exclusiva no sector lácteo.

Por último, ¿Cales son as principais enfermidades que ameazan a viabilidade deste cultivo?
No ano 2010 tivemos un problema en todo o mundo cunha bacteria, a PSA, que debilitaba e chegaba a provocar a morte das plantas de kiwi. Sen embargo, estamos vendo que as plantas están aprendendo a convivir con esta bacteria e as producións por hectárea estanse a recuperar, aínda que máis lentamente do que pensabamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información