A necesidade de facer cultivos máis sostibles co menor impacto medioambiental tamén está presente na viticultura. A defensa contra enfermidades como o mildeu conta con cada vez menos ferramentas químicas que obrigan a utilizar os solos para favorecer o sistema inmunolóxico da planta. Falamos con Jesús Sánchez, asesor técnico de viticultura de Delagro, que nos conta o seu punto de vista destacando o privilexio de Galicia fronte a outros países.
Ofreces un asesoramento técnico en viticultura, que abrangue?
O meu traballo abrangue básicamente asesorar aos viticultores que traballan con nós sobre todo en nutrición, isto é, en torno ás carencias que poden ter algúns cultivos ou vendo o que necesitan con precisión; tradicionalmente temos unha cultura de abonar moi forte e moitas veces non chega a ser necesario, co cal acarrea un sobrecuste para o agricultor que desde o meu traballo intento evitar. Outra das cuestións é que axudo aos viticultores cos tratamentos necesarios, principalmente para reducir o seu uso, tanto de cara a aforrar custes como para facer unha xestión máis eficiente e sostible dos viñedos, aportando solucións de baixo perfil toxicolóxico, integrándoas nas estratexias tradicionais, e buscando sempre un óptimo de produción, cunha boa saúde na viña.
Sobre que cuestións traballas máis nos viñedos? Que preocupa máis ós viticultores?
O que máis preocupa é a defensa contra o mildeu, que se trata dunha enfermidade fúnxica, a cal nesta zona na que estamos agora mesmo, no Salnés, é un auténtico calvario porque temos unha condición óptima para o desenvolvemento desta enfermidade. Cada vez hai menos ferramentas fitosanitarias para combatelo, co cal é unha auténtica loita diaria para intentar manter un volume de produción e unha uva de calidade para facer os viños de gran calidade que se fan aquí no Salnés.
Esta campaña estase a presentar complicada, como as últimas. Non houbo moito frío no inverno, polo que o mildeu resistiu moi ben dun ano para outro
Como se está a presentar esta campaña nos viñedos galegos?
Esta campaña estase a presentar complicada, como as últimas. Non houbo moito frío no inverno, polo que o mildeu resistiu moi ben dun ano para outro. Xa había esporánxios activos antes incluso da brotación da viña. Temos un tempo bastante complicado este ano, con temperaturas altas, moita humidade, e incluso nos días que hai sol temos unha media de 90% ou 95% de humidade, co cal, complica moito a defensa da planta.
O ano pasado houbo moita merma por este tema. Este ano parece que os viticultores están máis atentos, e mesmo pola parte de asesoría tamén parece que estamos máis concienciados. A idea é manter a máxima produción posible dentro dos límites da D.O.
En que estado sanitario se atopan os viñedos?
Para as condicións que tivemos os viñedos atópanse nun estado sanitario de boas condicións. Está sendo un ano moi complexo desde o inicio de brotación e o tempo está castigando moi duro toda Galicia para este tema. Para as condicións tan adversas que temos, a verdade é que na maioría dos casos están nun bo estado sanitario.

Imaxe aérea dunha zona de cultivo das Rías Baixas. / Fonte: Elaboración Propia
Está a haber moita incidencia fúnxica nas viñas das Rías Baixas?
Hai incidencia. De feito, agora como podemos ver aquí hai algo de mildeu larvado que comezou a semana pasada, e parece que non avanza máis. O mildeu é unha loita de todos os anos, de feitos dos últimos 4-5 anos non recordo un ano bo. Igualmente, temos viticultores que controlan moi ben este tema, e as cooperativas ou empresas teñen técnicos ben preparados que acompañan todo este proceso. Os viticultores teñen sorte de poder contar coa asesoría que teñen accesible nun sector cada vez máis profesionalizado, e iso axuda moito na defensa.
As restricións do uso de fitosanitarios está mudando o xeito de enfrontarse a patóxenos coma o mildio ou o oídio?
Si. As novas restricións, sobre todo as que veñen por diante no 2030 fan que todos nos teñamos que adaptar. Xa desde fai uns anos vemos como se están integrando produtos de residuo 0 ou baixo perfil toxicolóxico dentro das estratexias, o que permite reducir, en parte, o mildeu, dentro dunha zona que representa un caldo de cultivo perfecto para a súa proliferación. Estanse integrando productos que están funcionando moi ben e os viticultores ao estar ben asesorados tamén teñen un montón de produtos do baixo perfil que comentabamos integrados nas súas estratexias, o que fai que cada vez sexa máis posible acceder aos obxetivos de desenvolvemento sostible, aínda que nos queda moito avance por facer.
A saúde do solo é un dos temas sobre o que se está a incidir moito nos viñedos, como é a saúde dos solos dos viñedos galegos?
A saúde dos solos era ata fai uns anos un gran olvidado dentro do manexo cultural dos viñedos pero, cada vez máis, vaise integrando en estratexias para rexenerar os biomas do solo, axudar a mineralización da materia orgánica que é un recurso que temos en Galicia que é a envexa do mundo; temos unhas cantidades de materia orgánica no solo que é o recursos da nutrición que poden tomar as raíces impresionante, o que pode aportar unha fertilidade maravillosa.
Cada vez se está facendo maior fincapé en castigar menos o solo, incidir nun menor laboreo, intentar manter cubertas vexetais -naturais ou espontáneas- sempre a raso porque un mal manexo dunha cuberta vexetal pode traer os seus prexuizos. Pero eu penso que cada vez, tanto viticultores como grandes bodegas e cooperativas están poñendo máis ollo nesta cuestión, que vai repercutir positivamente na saúde dos viñedos do noso país.
Dicían un profesor na miña facultade que un gramo de solo ten máis organismos e biodiversidade que todo o Amazonas xunto e iso é algo do que Galicia podemos estar orgullosos
De que maneira se pode coidar e mellorar a fertilidade dos solos nos viñedos? Que se está a facer?
A maneira que vexo eu de coidar a saúde dos solos é valorar a materia orgánica que temos e buscar a maneira de sacarlle partido. Outro beneficio engadido é que canto máis traballemos a materia orgánica e maior capacidade teñamos de obter recursos nutritivos a raíz dela menos gastaremos en abonados, tendo solos mellor fertilizados cunha biodiversidade enorme que dificulta o establecemento de enfermidades fúnxicas perigosas para a viña.
Dicían un profesor na miña facultade que un gramo de solo ten máis organismos e biodiversidade que todo o Amazonas xunto e iso é algo do que Galicia podemos estar orgullosos. A idea que hai que recoller é que hai que fomentar esa biodiversidade para fomentar solos equilibrados, chegando a ter solos subversivos nos que a expresión dos patóxenos sexa difícil.
Asesoras tamén a adegas do norte de Portugal, trabállase de xeito diferente nos viñedos do outro lado da raia?
Si. O norte e centro de Portugal ten unha característica que dificulta moito o traballo, dentro do que é facer un traballo óptimo, que é o prezo da uva. Teñen un prezo moi baixo co cal dificúltalle moito ao agricultor poder invertir horas de man de obra, en analíticas, en produtos altamente tecnolóxico para o solo, etc. Tamén, non tanto no norte, senón cara abaixo, cara o Douro, a presenza de materia orgnánica no solo é prácticamente nula co cal eles, basan o pouco que poden invertir na viña en aportar materia orgánica. Sen embargo aquí, en Galicia, a materia orgánica por fortuna non é un recurso limitante e estamos con porcentaxes de entre o 6-7%, mesmo chegando ao 12% nalgunhas parcelas, co cal esa é a gran diferencia que vexo.
Que sería interesante incorporar ou ter en conta do manexo que fan os viticultores portugueses?
O que nos debería chamar a atención do manexo dos viticultores portugueses é que como eles non teñen materia orgánica no solo -que se manifesta en porcentaxes moi baixos de entre un 1% e un 2%-, eles si que lle dan importancia e destinan gran parte dos recursos a aportala. Nós temos a sorte que neste país a materia orgánica é un recurso ilimitado practicamente, entón temos que aprender a traballar máis con ela e a valorizala máis porque eles non a teñen e danse conta da importancia que ten. Moitas veces, como para nós non é un factor limitante non nos damos conta da sorte que é dispoñer deste recurso.
As cubertas vexetais están cada vez máis implantadas en Portugal. Que valoración fas desta alternativa? Que potencial lle ves en Galicia?
A zona tamén marca a diferencia. A rexión na que máis tendo a traballar é o Douro e alí si que aran os terreos pero hai moita pedra e a penas sae herba, é complicado manter unha cuberta vexetal. Sen embargo, máis cara o norte, en rexións como Monção, tanto o manexo como a terra de cultivo é máis parecida a Galicia, polo que se percibe unha maior presencia de cubertas vexetais.
Portugal non é a túa única experiencia como asesor noutros países, xa tes traballado tamén en Suíza. Como foi a experiencia? En que cultivos estabas centrado?
Despois de titularme fun a Suíza. Alí estiven traballando 5 anos en tomate hidropónico, o que me permitiu ampliar coñecementos en nutrición, principalmente. Este tipo de cultivos necesitan unha nutrición moi acertada e ante un desequilibrio non ten o efecto tampón que ten o solo, que che permite máis marxe para corrixir. En cultivos hidropónicos un pequeno desaxuste en calquera elemento pode supoñer un grave custo económico.
Deste xeito, todo o que aprendín alí en hidropónico sérveme para ser máis consciente das dinámicas de produción da planta porque, como xa dixen, os sustratos hidropónicos non teñen o efecto tampón que ten o solo -o que amortigüa moitas veces excesos ou carencias-. Isto permitiume darme conta da importancia que ten a nutrición nunha planta.
Tamén estiveches en Chile, neste caso tamén en viñedos?
Si, en Chile estiven no final da miña etapa universitaria cun programa da Universidade de Santiago de Compostela. Estaba na quinta rexión, unha zona con alta presencia de cítricos aguacates e viña tamén. Fixen cursos de viticultura e traballei conectado coa Universidade Católica de Valparaíso con plantacións deses tres cultivos.
A verdade é que foi unha experiencia maravillosa. Facíamos visitas continuamente a Arxentina, a zonas de alta produción vitícola como pode ser Mendoza, San Rafael, etc., para ver os métodos de manexo que fan alí, que moitas veces é impresionante.
Supoño que son xeitos moi diferentes de traballar as viñas, hai problemáticas comúns cos viñedos galegos que asesoras na actualidade?
Si, o manexo é totalmente distinto porque son parcelas moito máis grandes. Ao ser outro tipo de orografía, outro tipo de uvas -traballan a miúdo con uvas francesas- e outro tipo de condicións climáticas, o mildeu é un problema anecdótico, sen embargo, compartimos enfermidades como o oídio, a botrite, pragas como a lobesia, etc.
Penso que en Galicia temos un sector vitivinícola previlexiado. Desde o viticultor máis pequeno ata as adegas máis grandes hai unha ansia de coñecemento e unhas gañas de mellorar
Algo máis que queiras engadir?
Penso que en Galicia temos un sector vitivinícola previlexiado. Desde o viticultor máis pequeno ata as adegas máis grandes hai unha ansia de coñecemento e unhas gañas de mellorar, que se percibe tamén no apoio na parte técnica para intentar sacar as mellores uvas posibles para facer os mundialmente recoñecidos viños que se fan aquí en Galicia. viticviti
Hai grandes técnicos e grandes equipos técnicos que a verdade é unha delicia traballar con eles, e que teñen un afán de superación destacable. Podería citarche, por exemplo, na Ribeira Sacra desde Pazo de la Cuesta, tanto o equipo enolóxico como de campo, a Ponte da Boga, que fai unha aposta de implementar parcelas con residuos cero. Logo, aquí, nas Rías Baixas, no Rosal podería dicir Altos de Torona, con Susana Gulín e todo o equipo que a rodea; aquí no Salnés, Cooperativa Condes de Albarei, etc. En definitiva, temos un sector moi pouco conformista, con ansia de coñecemento, de mellorar, e que fan as cousas moi ben.