Na actualidade, hai moitos produtores de castaña que mostran paixón polo que fan, pero é necesario aplicar un razoamento científico-técnico sobre as boas e malas actuacións que se levan a cabo. Por esa necesidade emerxente, dende o Centro de Investigacións de Mabegondo (CIAM) organizaron recentemente unha xornada técnica de cultivo do castiñeiro para froito, na que se xuntaron con produtores e investigadores.
Durante o encontro, celebrouse unha mesa redonda na que participaron os produtores de castaña Marcial Lobeiras Bañobre, José Queijas Palla e José Liñares Candal. A mesa redonda estivo coordinada polo membro do CIAM Xosé Antonio Meixide Fernández, quen destacou a importancia de aplicar as investigacións ás plantacións: “Vexo xente con paixón que fai investimentos, pero que necesita corrixir certos temas e para iso hai que ofrecerlles uns razoamentos científicos e que así progresen”.

De esquerda a dereita: Xosé Antonio Meixide, Marcial Lobeiras, José Queijas e José Liñares
Meixide destacou que dende Mabegondo tratarán de profundar en temas que sexan necesarios para mellorar na produción de castañas, “e estar de lado do sector”. Puntualizou que non se ven camións “cheos de castañas” e “necesitamos iso”. Afirmou que “Galicia conta cuns solos extraordinarios e unha climatoloxía axeitada, pero necesitamos que haxa unha maior aposta por esta produción”.
Experiencias dos produtores
A necesidade de saír dunha oficina e a paixón polo rural foron dous dos motivos que levaron a Marcial Lobeiras a plantar os castiñeiros. “Meus pais dedicáronse ao mundo agrario e xa plantaran algún castaño, pero eu necesitaba formarme máis nisto e visitei O Courel e O Barco de Valdeorras”. Logo, coñeceu a diferentes profesionais, a través da Asociación Forestal de Galicia, e “xa vin que sabía algo do tema, así que tocaba poñerse mans á obra”.
Mercou dúas fincas, porque as familiares estaban alugadas, e ambas estaban plantadas a eucaliptos, pero non saíran adiante por varios motivos, por iso decidiu plantar castiñeiros. “Non fixen caso ás recomendacións, e na primeira finca plantei 25 variedades, entre elas algúns híbridos, e nun marco de 20×20, donde hai 9 castaños, o do centro sempre un polinizador”, explicou. A maiores, plantou unha fila de Rapada polo centro. Tras tres anos, a tinta arrasou coas árbores que estaban preto do camiño e tivo problemas, pero “eu quería seguir apostando por isto”.
“Despois de moitas horas adicadas e de dez anos de experiencia, cheguei a un 90% de acertos nos enxertos” (Marcial Lobeiras)
En continua formación e por interese, empezou a enxertar. Para iso, volveu ao Courel, formouse e “vinme preparado para elo”. O primeiro ano “foi un fracaso”, pero tras dez anos de experiencia e de moitas horas dedicadas, “cheguei a un 90 % de acertos, pero para todo isto é necesario moito tempo”.
O produtor José Queijas Palla, da zona de Cerceda, conta con numerosos terreos plantados “e tamén moitas horas dedicadas”, así o presentou Meixide. Complementa a actividade no sector da castaña con outras de carácter rural e hortícola, formando parte dun gran proxecto entre o Concello de Ordes e Cerceda.
“Empezamos no ano 1993 e a día de hoxe é a mostra perfecta do que está mal feito”, destacou o propietario. Conta cunha plantación xunto á vivenda, na que ten mesturadas diferentes variedades e, principalmente, orientadas á madeira. “Cando vin que daban castañas, pensei que era unha soberbia deixalas perder. Indaguei sobre o mundo do froito e gustoume”. Posteriormente, levou a cabo novas plantacións e “ben feitas”.
“Tiña as castañas podrecendo no chan porque non tiña xente para apañalas, que é o eterno problema, e estiven a punto de deixar a produción” (José Queijas)
Por herdanza, tocoulle unha hectárea e cuarto de castaños. Tivo as castañas podrecendo porque buscaba xente para apañalas, “pero este é o eterno problema”, e isto levouno a pensar se continuar coa produción ou non. Mercou outra hectárea ao lado e aí xa, de maneira estruturada, fixo unha plantación no ano 2018. Deste xeito, xa empezou a recoller castaña e a profesionalizarse neste sector.
Unha terceira experiencia é a de José Liñares, quen despois de 30 anos coa horta ás voltas, decidiu empezar a plantar castaños nunhas fincas. No inicio, valora que ía “ao tolo”, pero no camiño, “fun coñecendo aos dous compañeiros e a profesionais, e marquei como obxectivo chegar a 12 hectáreas de plantacións, pero vin que con 8 xa tiña suficiente”.
As axudas das Administracións incentivan que se planten castiñeiros, pero logo estes son abandonados e ofrecen mala imaxe da produción de castañas
Axudas das administracións e máis formación
Os tres produtores formaron a Asociación Galega da Castaña e dos Soutos, un organismo para impulsar e apoiar as investigacións sobre os castaños e tamén para potenciar a formación. Desde as súas experiencias, cando quixeron dar o paso para producir castañas atopáronse cun grande problema: “non tiñamos case a quen consultar para ter algo de coñecementos sobre estas árbores”.
Destacan que este colectivo está a medrar e “desde que formamos a Asociación, hai moita xente interesada e coméntannos que é unha ferramenta útil para compartir as experiencias ao momento”, puntualiza Liñares. Destacan que a través de cada experiencia individual poden coñecer que prácticas son útiles e cales non funcionan en diferentes zonas. “Non é o mesmo unha plantación preto do mar, que outra que xa estea cara ao interior”. Ademais, dentro do colectivo contan con xente formada “e con moito coñecemento”.
Os tres coinciden en criticar que as axudas que dan desde a Administración non son suficientes, xa que incentivan que se planten soutos, “reciban esas axudas e logo os abandonen”. Con isto, “fomentan as malas praxes e unha mala imaxe do castiñeiro que non é real”. Logo, engaden que “unha persoa que de verdade está interesada en plantar castiñeiros e traballalos, ten unha finca desas abandonadas ao seu carón e perde o interese”.
Queijas recalca que en numerosas ocasións lle comentaron que produtores se decantaron polas froiteiras porque “vían que os castaños secaban todos”. E engade que todas esas plantacións que se fixeron polas subvencións “son un mal escaparate”. Por iso, intentan fomentar a idea de que hai que traballalos para conseguir bos resultados: “Non se poden plantar, deixalos e ir mirar se teñen castañas para recollelas”.
A falta de man de obra cualificada tamén saíu a debate. Así, Lobeiras indicou que, por exemplo, para a plantación eu “prefiro facela eu”, pero para os furados tivo que contratar. “Non é o mesmo poñer castiñeiros, que custan entre 10 e 15 euros, que eucaliptos que son céntimos, por iso hai traballos que mellor facelos un para evitar perdas”.
Contar cunha cámara de frío ofrécelles aos produtores máis marxe para as vendas
Por iso, considera que as subvencións deberían ir para formación no mantemento, a investigación e transferencia desa investigación. Actualmente, considera que hai dous problemas graves: o chancro e a tinta. “Pero están chegando outros, que son os fungos, incentivados por esta climatoloxía quente e é necesario investigar máis e tratar de buscar solucións”, resaltaron. Pero para que esas investigacións cheguen ás persoas produtoras, son precisas máis xornadas de transferencia.
Hai dous problemas graves, o chancro e a tinta, pero os fungos da castaña, co cambio climático, cobran tamén maior presenza
Venda das castañas
Recoller as castañas é un problema, “xa que non hai man de obra, como sucede noutros sectores”, e, en moitas ocasións, na venda directa as castañas precisan ser recollidas uns días concretos para evitar o crecemento de fungos. Como exemplo, Lobeiras explica que llas leva a un rapaz que conta cun posto na praza de abastos de Lugo. “Nesta campaña leveille as primeiras híbridas e vendeunas moi ben. A segunda vez que lle levei, a venda non foi tan rápida e cando cheguei por alí xa case tiñan patas”, bromeou o produtor.
Para poder conservar as castañas máis tempo, Queijas explicou que este ano probaron a cámara de frío, conxuntamente con Liñares. “É necesario ir aprendendo, pero temos claro que é unha tranquilidade”. Así, expuxeron que apañaron, pesaron e metéronas na cámara, logrando así perder tan só un 2 % da produción, podendo chegar a vender no sexto día despois de apañar. “Contar con isto, dános máis marxe para que saian máis”.
Liñares aclarou que tamén neste aspecto, na entrega do produto, “fai falla unha maior profesionalización”. Indicou que en moitas ocasións apañan e case non escollen, buscan darlle unha saída pronto e sen case ningún control. “A industria quere produto, pero é necesario entregarllo en boas condicións. Non podemos esixir prezos e que non poñan límites, cando se lle entrega sen filtro, case”, recalcou.