Unha terceira parte do monte galego está ocupado por masas de carballos, castiñeiros, bidueiros ou freixos. Moitas destas superficies carecen de xestión forestal algunha e a súa explotación produtiva redúcese en moitos casos ás cortas para leña.
Inflúe o modelo territorial e de propiedade do monte nesta infrautilización? Técnicos e expertos debatiron esta cuestión no Simposio Internacional celebrado en Lugo esta primavera. Estas son algunhas das súas conclusións:
“Hai que buscar fórmulas informais de xestión conxunta do monte, igual que se fai para a mobilidade de terras agrarias”
Xabier Brunha é o xefe do distrito forestal Lugo-Sarria. Enxeñeiro agrícola e de montes, incide na necesidade de planificar estas dúas realidades en conxunto e en buscar fórmulas imaxinativas para superar o minifundio que se dá tanto no sector forestal como no agrogandeiro. “Temos que buscar fórmulas informais de xestión conxunta dos montes, como se fai tamén no caso da mobilidade de terras agrarias”, afirma.
Ademais da vertente produtiva, chama a repensar o actual modelo forestal galego para loitar contra os lumes do futuro. “A Mariña non ardía, pero ardeu. E co cambio climático iso vai ir a máis. Por iso temos que empezar a planificar e a ordenar o monte, non só como xerador de materias primas, senón que tamén hai que diversificar as especies para loitar contra os lumes”, argumenta.
Temos que pensar en ter un territorio que se defenda por si só dos incendios forestais e iso pasa por compartimentar de xeito adecuado e diversificar as especies
“Temos que pensar en ter un territorio que se defenda de por si dos incendios forestais e iso pasa por compartimentar de xeito adecuado, integrando tamén ao sector agrogandeiro. Facemos unha análise moitas veces moi parcial, hai máis vida no territorio máis aló do forestal”, conclúe.
“O problema das figuras legais existentes, como as SOFOR, é a dobre tributación”
Hugo Rodríguez é o presidente dunha Sofor no concello ourensán da Veiga e preside tamén a Asociación se Sociedades de Fomento Forestal de Galicia, que reúne ás 16 Sofor existentes na comunidade, que suman 3.145 hectáreas repartidas en 9.656 parcelas de 925 propietarios.
“Socialmente está superada a agrupación, pero o problema destas figuras é a fiscalidade. E mentres non lle metamos man a iso están abocadas ao fracaso”, asegura o presidente das Sofor de Galicia.
O problema das Sofor é a dobre fiscalidade que teñen, porque tributan no Imposto de Sociedades e logo volven tributar na Declaración da Renda a nivel de propietario individual
As Sofor inscríbense no Rexistro Mercantil como unha sociedade limitada, polo que cando se corta madeira tributa sobre os beneficios como unha SL e a maiores cada propietario debe incluír os cartos que recibe na súa declaración anual de IRPF.
Hugo pide un cambio na fiscalidade, máis favorable para este tipo de agrupacións de propietarios, xa que, salienta, “os montes agrupados permiten levar a cabo unha mellor xestión, mantendo a diversidade de especies e as faixas de protección contra o lume”.
A constitución dunha Sofor non elimina a multitude de referencias catastrais que engloba, o que engade unha complexidade burocrática no seu funcionamento ordinario, recoñece Hugo, que é tamén o CEO de Ametlam SL, unha empresa de planificación e xestión do territorio que ten encomendada a xestión de máis de 17.000 hectáreas forestais.
“Estamos traballando en 7 plans pilotos de Agrupación forestal en Galicia na que os propietarios ceden a xestión a unha asociación sen ánimo de lucro”
José Martel é xefe do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, con funcións de monitorización e control de doenzas e pragas de especies forestais, subministro de sementes forestais, xestión de materiais forestais de reprodución e xestión de soutos tradicionais.
“Estamos traballando en 7 plans pilotos de Agrupación forestal en Galicia que suman 350 hectáreas. É un xeito de solucionar o problema estrutural da propiedade. En Parada de Sil logramos agrupar máis de 100 hectáreas, fundamentalmente de castiñeiros. Os propietarios ceden a xestión a unha figura intermedia que é unha asociación sen ánimo de lucro, con iso amáñase un pouco o tema da fiscalidade”, indica.
En Parada de Sil logramos agrupar máis de 100 hectáreas, fundamentalmente de castiñeiros
“O argumento para xuntalos foi a loita contra as pragas e enfermidades do castiñeiro, unha preocupación que todos tiñan en canto á sanidade forestal dos seus soutos”, conta. A Asociación de propietarios de soutos de Parada de Sil Canón do Sil está formada por 113 persoas socias e dispón de 827 parcelas catastrais, que suman un total de 110,14 hectáreas, principalmente castiñeiros.
Neste momento hai 19 entidades inscritas no rexistro de Agrupacións forestais de xestión conxunta en Galicia cunha superficie total de 3.145 hectáreas. Para lograr este recoñecemento as entidades deben desenvolver a súa actividade en terreos forestais e xestionar unha superficie mínima de 10 hectáreas de monte.
“Hai unha necesidade de planificar a maior escala para loitar contra os novos lumes que nos trae o cambio climático”
Juan Picos foi director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e un dos responsables da posta en marcha do Inventario Forestal Continuo de Galicia. Asegura que o minifundio dos montes galegos condiciona tanto aspectos produtivos como medioambientais.
“Sempre falamos do minifundio como un problema para a rendibilidade, pero agora é tamén un problema para loitar contra os lumes de nova xeración que nos trae o cambio climático”, di. “Temos a necesidade de planificar a maior escala e iso obríganos a agrupar parcelas”, afirma.
Os retos do cambio climáticos obrígannos a cambiar a escala, xa non só para a xestión directa do monte, senón para a planificación e iso obríganos a agrupar parcelas
Juan defende a necesidade de “compaxinar protección e produción” nos montes ocupados por masas de frondosas. “Temos unha superficie moi grande de frondosas e dentro desa superficie haberá áreas destinadas á protección pero tamén outras que con función produtiva”, asegura.
“Hai que buscar fórmulas para que os propietarios de frondosas poidan obter un mix de ingresos a curto, medio e longo prazo”
Ricardo González é o xerente do Clúster da Madeira de Galicia e pon o foco na necesidade de “buscar produtos en base á madeira de frondosa de alto valor engadido e, a partir de aí, ir cara atrás na cadea de subministro”. “Para involucrar ao propietario forestal na plantación de frondosas ten que velas como un produto de valor”, defende.
En Galicia non hai cultura de explotación de frondosas, está asociada a montes primixenios que non se explotan
Ricardo recoñece que “as frondosas son un produto de investimento a longo prazo” polo que propón “buscar fórmulas para que os propietarios poidan ter un mix de ingresos a curto, medio e longo prazo”.
Tamén considera necesario incidir no cambio de mentalidade tanto dos titulares dos montes como da cidadanía no seu conxunto en relación á función produtiva do monte. “Ten que haber un cambio de percepción social e tamén na sensibilización en relación ás frondosas. En Galicia non hai cultura de explotación de frondosas, está asociada a montes primixenios unicamente con valor natural. En Francia, sen embargo, cando ardeu Notre Dame foi un orgullo patrio cortar carballos centenarios para rehabilitar a catedral”, compara.
“Ou se incentivan de verdade as plantacións de frondosas ou seguirán sen ser competitivas cos piñeiros e os eucaliptos”
Antonio Rigueiro é profesor emérito e catedrático de Produción Vexetal da USC e un dos grandes coñecedores dos bosques galegos de frondosas. Asegura que o minifundio é “un problema recurrente do monte galego” e, xunto co abandono, “os dous lastres fundamentais que ten o sector forestal galego neste momento”.
O monte en mans privadas e en estrutura de minifundio correspóndese, di, coa superficie máis produtiva “e coa que está máis infrautilizada”. Por iso, propón “crear unidades de xestión forestal conxunta viables e sen necesidade de que os donos do monte perdan o vínculo con esa propiedade forestal que vén de xeracións pasadas”.
Ás veces o reto non é xa agrupar, senón simplemente identificar o propietario ou localizar a propia parcela no monte
“Se queremos cambiar a estrutura da propiedade iso require un investimento moi grande e implica esperar, porque os resultados non son inmediatos. Estamos falando de turnos de corta 30-40 anos no castiñeiro, 40-50 anos na cerdeira e 80-100 anos no carballo”, exemplifica.
Por iso, asegura, “ou se incentivan de verdade as plantacións de frondosas ou seguirán sen ser competitivas con plantacións de piñeiros e eucaliptos”. Propón axudas para o coidado das masas actuais e a creación de novas masas de frondosas, así como “reconducir a masas produtivas algunhas zonas dos mellores bosques naturais de Galicia”, como os situados en zonas de montaña como os Ancares ou O Courel, con actuacións encamiñadas á selección de árbores de porvir e aproveitamentos intermedios.
“Facer unha agrupación forestal non é cuestión de diñeiro, senón sociolóxica; pasa por xuntar a 200 veciños que non se falan entre eles”
Fermín Olabe é director de Xestión Forestal do Goberno de Navarra, unha comunidade que conta con dúas zonas de monte diferenciadas: bosque natural na zona do Pirineo e produción de piñeiro na zona máis ao sur.
O Goberno foral leva anos tratando de impulsar as agrupacións de propietarios pero atópase con problemas recurrentes, como o do despoboamento e o do avellentamento da poboación. “En Navarra temos unha figura que é a das agrupacións forestais, pero ese proceso é complexo porque pasa por xuntar a 200 persoas que non se falan entre eles. Xuntalos xa leva 5 anos e cando o logras a metade xa morreron. E unha vez que os xuntas tes que poñelos de acordo. Facémoslles un Plan de Xestión Forestal para ese monte e ao mellor logras que se poñan de acordo para cortar a madeira pero non para outro tipo de actuacións”, relata.
Ás veces non temos a quen agrupar, porque temos pobos de 7 veciños e todos teñen máis de 80 anos
“Non é unha cuestión de diñeiro, senón sociolóxica. Ás veces non temos a quen agrupar, porque temos pobos de 7 veciños e todos teñen máis de 80 anos”, describe. “Por iso estamos plantexando a cesión da xestión ao Goberno. O diñeiro das cortas dámosllelo a eles, para iso normalmente póñense dacordo, pero se despois lles propós abrir unha pista ou facer algún tipo de actuación de ordenación xa é imposible porque sacar cartos do monte vale, pero gastar cartos nel xa non, e menos se iso vai beneficiar ao veciño co que non me falo, é dicir, se a pista lle deixa un acceso marabilloso ao seu monte”, exemplifica.
A solución pasa por fórmulas diferentes e máis imaxinativas. En Navarra xa creamos un fondo climático para reinvestir eses cartos no monte
“Temos que buscar outras fórmulas; a solución pasa por fórmulas diferentes e máis imaxinativas”, opina Fermín. “Nós xa creamos un fondo climático para reinvestir eses cartos no monte”, explica.
“A realidade é unha despoboación desbocada e desarraigo da xente nova. Os fillos dos propietarios non queren saber nada do monte e a xente nova que vén teletraballar ten unha imaxe de fotografía do monte, non de xestión forestal produtiva. Por iso non pode haber solucións homoxéneas, porque a cultura forestal e a vinculación co monte tamén é diferente”, defende.