O enxeñeiro forestal da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, Rafael Zas é un dos investigadores especializados e involucrados en coñecer o impacto que o cambio climático terá nas masas de coníferas. Con el coñecemos as previsións que barallan derivadas das variacións ambientais, que deixan tanto oportunidades como ameazas para os piñeirais galegos.
-Qué factores hai que ter en conta para a mellora xenética do piñeiro en Galicia?
-Nestes momentos o que se pretende é mellorar a calidade da madeira para que se poida utilizar en usos máis nobres. Búscase, ademais, que os piñeiros estean adaptados aos cambios que se prevén, tanto no clima como en canto aos riscos sanitarios, con novas enfermidades.
-De que maneira se notan os cambios do ambiente nas coníferas?
-A situación sanitaria forestal está a decaer paulatinamente, en xeral, en toda a Península. Empézanse a ver problemas de decaimento nalgúns casos derivados de afeccións patolóxicas identificadas e coñecidas, pero noutros o axente causante non se coñece ben e este decaimento asúmese máis asociado ao cambio ambiental. Hai dúas frontes polas que as coníferas poden verse afectadas: unha centrada na entrada de patoloxías novas e outra de adaptación ao medio e ao clima.
-Poden facerse predicións sobre a evolución do piñeiro co cambio climático?
-Non sabemos ben como vai afectar este cambio, só sabemos que o clima está a cambiar a unha velocidade de vértixe en comparación co prazo de vida das especies forestais. A envergadura do cambio e o impacto que terá está aínda por determinar. Doutra banda, as patoloxías asociadas ao cambio global é algo bastante impredicible. Non sabemos como serán as enfermidades do futuro e o risco increméntase naquelas especies cunha menor diversidade.
“A ampla variabilidade xenética do piñeiro do país permitiralle adaptarse mellor ás condicións derivadas do cambio climático”
-Hai especies de piñeiro, de entre os que teñen presenza en Galicia, que son máis resistentes ao cambio climático?
-En Galicia temos principalmente 2 especies: Pinus pinaster (piñeiro do país, nativo da Península) e Pinus radiata (procedente de Estados Unidos, que aquí se plantou sobre todo na zona da Coruña e Lugo). No caso de P. pinaster, é unha especie que se desenvolve de forma natural por todo o suroeste de Europa e o norte de África e dentro desta especie hai unha xigantesca variedade xenética e unha diversidade intraespecífica enorme, que abre un abano moi grande de posibilidades de materiais a plantar. Ademais, hai programas de mellora xenética específicos que están a tentar mellorar as variedades tanto para a produción como para a protección fronte a problemas sanitarios, polo que no caso de Pinus pinaster, a especie dispón dunha ampla variabilidade xenética que lle permitirá adaptarse mellor á condicións de cambio.
En Pinus radiata, a pesar de ser a conífera forestal máis plantada no mundo, as poboacións nativas están case en extinción, moi decimadas, con poucos exemplares, mentres no mundo está moi expandida. Isto provocou que as variedades que hai plantadas procedan dunha base xenética menor que no caso do Pinus pinaster, de maneira que a variabilidade xenética é moito máis baixa e iso probablemente a faga máis vulnerable ou de maior risco fronte aos cambios que poidan producirse no medio.
-No actual contexto de cambios, que perspectivas de futuro lle ve ás plantacións de piñeiro en Galicia?
-En Galicia hai moita cabida para o piñeiro, xa que temos moitos espazos degradados onde as especies máis esixentes, como as frondosas nativas, terían dificultades para saír adiante. Mentres, o piñeiro tería máis posibilidades de éxito. Nestes espazos máis degradados, creo que os piñeiros xerarían un ben moi útil. Ao mesmo tempo, é necesario ter en conta outros factores, como por exemplo evitar os incendios, que son unha das ameazas máis serias dos piñeirais galegos. Son un gran defensor do piñeiro en Galicia como especie produtiva e como alternativa ao eucalipto, unha especia exótica e moi invasora.
“Os piñeiros xerarían un ben moi útil nos montes máis degradados”
-Ao ser Galicia unha rexión húmida, será menor o impacto do cambio climático nas plantacións galegas?
-É moi habitual que se diga que a rexión mediterránea é moi propensa ao impacto do cambio climático, xa que a situación actual é xa máis estresante que a de rexións con climas húmidos e tépedos como a Cornixa Cantábrica. Con todo, non está tan claro que o impacto do cambio climático vaia a ser maior nesas zonas nas que o clima agora é máis duro. Algúns estudos recentes indícannos que a adaptación xenética das poboacións que viven en zonas con condicións máis extremas proporciónanlles unha maior capacidade de resilencia fronte aos cambios climáticos que nas condicións atlánticas. Estas conclusións extráense dun traballo con Pinus halepensis que apuntaba a que as consecuencias do cambio climático serán máis duras naquelas rexións con climas actuais máis favorables, contra todo prognóstico esperable.
Con todo, doutra banda, Pinus pinaster caracterízase por ser unha especie moi plástica, é dicir, con gran capacidade de aclimatarse, cambiando a súa fisioloxía para adaptarse ás novas condicións ambientais. En particular, as poboacións de pinaster atlánticas tenden aínda a ser máis plásticas que as mediterráneas, co que non está claro aínda como será a resposta das nosas poblacións ó cambio.
“Temos unha serie de patóxenos, que polo momento non supoñen un problema identificable, pero que teñen potencial para danar moito os nosos piñeirais”
-Que pragas supoñen unha ameaza real para as plantacións de coníferas?
-A día de hoxe un dos riscos é o nematodo do piñeiro, con presenza en Portugal e con focos no sur de Galicia. A súa capacidade de expansión é aínda unha incógnita. Tamén Fusarium circinatum é un patóxeno moi problemático. Agora mesmo está presente en Galicia e probablemente máis do que creamos. Como Pinus pinaster é máis tolerante a este fungo que Pinus radiata, poida que pase máis desapercibido, pero están a verse piñeirais afectados.
Ademais, temos unha serie de patóxenos e pragas, que agora mesmo por si sós non están a presentar un problema identificable como tal, pero poden supor unha futura ameaza, xa que teñen potencial para danar moito os nosos piñeirais. Coas condicións de cambio climático poden xurdir novas ameazas. Nestes momentos estamos nunha situación de risco e incerteza sanitaria, que non se cingue só ao piñeiro senón tamén a outras especies forestais como o castiñeiro, as sobreiras e os carballos.
-Hai 2 anos saltaba a alarma pola enfermidade da banda marrón que afectou a un importante número de piñeirais no País Vasco e comezaba tamén a rexistrarse en Asturias, en territorios lindeiros a Galicia. Son susceptibles de verse afectados os piñeirais galegos?
-O Pinus radiata que temos en Galicia é moi similar ao plantado no País Vasco, polo menos a nivel xenético, polo que, previsiblemente, é igual de susceptible e as plantacións galegas poden estar en risco. No caso de Pinus pinaster, é diferente, xa que ao contar con maior variabilidade xenética o risco probablemente redúcese.
-As variacións climáticas serán un aliado para a expansión de patóxenos?
-A nivel sanitario preséntanse dúas frontes. Por unha banda está a alteración das condicións ambientais por culpa do cambio climático, que afectan tanto ao atacante (o patóxeno ou a praga) como ao hospedante (o piñeiro), o que vai alterar a relación entre os dous e podería así incrementarse a afección e o risco. Doutra banda, e este é un tema que creo que será máis dramático, é o efecto da globalización, que favorece a aparición de novas patoloxías exóticas, posto que xa non hai fronteiras bioxeográficas infranqueables como antes. Proba deles é que estamos a ver patoloxías asiáticas ou americanas nos nosos piñeirais, contra as que as nosas especies nativas non son capaces de defenderse. Exemplos diso son o nematodo ou Fusarium circinatum, dúas patoloxías exóticas que poñen en riscos as nosas coníferas.
-Coa chegada do bo tempo e a primavera tamén volve a procesionaria, que presenza ten esta enfermidade hoxe nas coníferas galegas?
-A procesionaria ten unha dinámica de poboación pouco predicible. Ás veces, prodúcense ataques importantes e logo no mesmo sitio descende a súa incidencia. Non hai ningunha tendencia moi clara aquí en Galicia sobre o comportamento da procesionaria. Noutras rexións da Península, estáse a verse que a procesionaria aparece en zonas nas que antes estaba limitada polo frío. Agora esta limitación é menor e estase vendo en poboacións de piñeiro que antes estaban máis libres do ataque e que agora están máis expostas, como nas serras béticas, onde os piñeiros silvestres nunca estiveran sometidos á procesionaria e están a sufrir moitos danos.
A procesionaria é un herbívoro característico de piñeiros mediterráneos. En Galicia, aínda que está presente, as condicións non son as máis adecuadas para ela. Ademais, prefire piñeiro radiata, que pinaster. Hai que ter en conta que os piñeirais teñen moita capacidade para resistir a defoliación por procesionaria, poden chegar a sufrir durante 8 anos a defoliación masiva sen chegar a secar. Están xa moi adaptados a ela.
“As coníferas teñen moito futuro no sector forestal apostando pola madeira de calidade. Aínda así non se trata de encher todos os nosos montes de piñeiro, necesítase unha ordenación e planificación”
– Fálase no sector forestal de novas demandas de coníferas para usos de calidade. Como ve este futuro?
-O piñeiro e as coníferas teñen moito futuro, pero deberíanse realizar moitos cambios, empezando por fomentar a obtención de madeira de maior calidade para fins máis nobres e non só destinalos a trituración, que a día de hoxe é o principal destino dos piñeiros galegos. Habería que conseguir que o mercado da madeira permitise unha rendibilidade que agora mesmo está na corda frouxa. Neste sentido, é moi importante o labor de posta en valor do piñeiro que está a realizar a Fundación Arume.
“É prioritario enfrontar o abandono de parcelas arrasadas por lumes e que se están enchendo de biomasa e especies exóticas, como se pode ver na zona sur de Pontevedra”
Tamén é necesaria unha ordenación territorial para evitar, por exemplo, que o piñeiro se plante en zonas moi próximas a poboacións, debido a que pode xerar un impacto social negativo. Aínda que traballo día a día sobre o piñeiro e son un gran defensor desta especie, son consciente de que tras as vagas de incendios non ten moi boa imaxe. A pesar diso, creo que o impacto do piñeiro está moi lonxe do que xeran especies como o eucalipto, pero tampouco se trata de encher os nosos montes de piñeiro, polo que é moi necesaria unha reordenación e planificación do territorio forestal.
Ao mesmo tempo, para que o monte sexa rendible hai que solucionar problemas intrínsecos do medio rural galego como o abandono de propiedades privadas e minifundistas, que despois do lume se abandonan aínda máis. Na zona sur da provincia Pontevedra, tras os incendios de 2017 está a verse como moitas das leiras arrasadas naqueles lumes quedaron de novo abandonadas e estanse enchendo de especies exóticas invasoras ou de biomasa. É un tema ao que debería enfrontarse a Administración e que é prioritario.
Ola, a presencia de piñeiro vai depender do prezo da madeira, tamén e unha especie que depende moito do lume e senon arde vai reducindo a súa presenza, non hai máis que ver tódolos piñeiros que naceron nos montes de Vigo tralos incendios.
Así pois dependendo a súa presenza do home pois onde máis os hai é na costa
Ademais no interior tralos lumes en ocasións son sustituidos naturalmente polo bidueiro