“En Galicia é fundamental que a Xunta autorice o sacrificio na propia gandería”

Visitamos a gandería de ovino de Francisco Rodríguez Mera na Peroxa, en Ourense. Este mozo gandeiro optou montar o seu propio negocio de carnicería para comercializar a súa produción, evitando así os intermediarios. Denuncia que os prezos do sacrificio de ovino e caprino en Galicia son “desorbitados”

“En Galicia é fundamental que a Xunta autorice o sacrificio na propia gandería”

Francisco coas súas ovellas en fincas cedidas polos veciños

Francisco Rodríguez Mera é un gandeiro de 43 anos do concello ourensán da Peroxa que no ano 2006 decidiu apostar pola gandería de ovino como modo de vida, unha actividade que dende hai dous anos compatibiliza tamén coa súa propia carnicería na Praza de Abastos de Ourense.

“Na miña familia sempre houbo gando e é algo que me gusta, e decidinme polo gando ovino porque é o tipo de gandería que supón o menor investimento para alguén que se inicia no sector, sobre todo con respecto ao vacún, e o retorno é máis rápido, pois ao cabo duns meses xa estás vendendo años”, explica.

A idea de Francisco foi realizar o mínimo investimento posible en activos fixos e ir a un sistema de produción de baixo custo. Para iso, alugou as 20 hectáreas de superficie do Pazo de Anseriz, un caserío do século XVIII que posúe as parcelas máis dimensionadas e de mellor aptitude agronómica da parroquia. Para protexer as ovellas e aos años da intemperie optou por mercar un invernadoiro de segunda man. En canto ás ovellas, mercou un rabaño de 220 cabezas que vendía un veciño e que foi mellorando con cruces de machos Inra 401.

“Estes cruces deron moi bo resultado porque as ovellas producen uns años de tamaño pequeno, cunha carne branca e con pouca graxa, que é o que demanda o consumidor na provincia de Ourense”, explica. Chegou a ter un rabaño 300 ovellas, un animal que considera “moi agradecido se o tratas ben” e do que foi mellorando o seu manexo grazas á axuda dos técnicos da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica).

A base territorial non é un problema neste concello do interior de Ourense, onde ao igual que en boa parte da provincia, o despoboamento está levando ao abandono de gran parte das parcelas. “Na Pac teño 27 hectáreas, pero en total levo unhas 70 hectáreas, de propietarios que mas ceden a cambio de que as manteña limpas e coidadas”, asegura Francisco. A alimentación é en base a pasto e herba seca, que no caso das ovellas parideiras se suplementa con silo de millo, e con cereal para os cordeiros.

 “Optei por cruce con machos puros de Inra 401”

Como sistema de peche para as zonas de pasto, este gandeiro decantouse polo sistema fixo de tela, tras probar o pastor eléctrico, que acabou descartando porque “non se adapta a este terreo, con parcelas moi pequenas, e obrigábame a andar limpando moi a miúdo”.

Sen embargo, as dificultades para comercializar directamente a súa produción a clientes particulares do entorno -sobre todo debido a uns custos do matadoiro que considera “inasumibles”, xunto aos baixos prezos que lle pagaban os intermediarios aos gandeiros- levaron a Francisco Rodríguez Mera a facerse cun posto de carnicería na Praza de Abastos de Ourense. “O posto -Carnicería O Pazo- saíu a concurso hai dous anos, conseguino, e foi un acerto -recoñece- porque comercializo os meus cordeiros, ademais doutras carnes”.

A parte menos positiva foi que lle obrigou a reducir á metade a súa cabana gandeira, ata 150 cabezas. “Reducín o rabaño porque non me daría económicamente para pagarlle a unha persoa e eu só tampouco podo atender os dous negocios, pero con estas 150 chego a un punto de equilibrio e consigo manexalas ben”.

“As claves son unha boa desparasitación e programar os partos para a segunda metade do ano”

Como puntos clave para profesionalizar e facer rendible unha gandería de ovino en Galicia, Francisco considera que son a desparasitación do rabaño, cun tratamento principal ao inicio da primavera, e dous ou tres tratamentos de reforzo ao longo do ano, e, sobre todo, programar os partos das ovellas para a época de máis demanda, principalmente para a segunda metade do ano, e máis concretamente para Nadal.

“Nadal é a época de maior venda de cordeiro en Galicia”

“A ovella ten o celo por natureza no verán, de forma que os partos se concentran en épocas con baixa demanda, cara os meses de xaneiro e de febreiro, cando o mercado en Galicia demanda carne de cordeiro sobre todo a partir do mes de Agosto, e sobre todo en Nadal”, explica. Neste sentido, considera clave programar os partos. No seu caso, e para ter tamén cordeiros todo o ano, separa as ovellas en dous lotes, de forma que a un deles provócalles o celo no mes de maio para que paran en outubro e os años estean listos para a venda en Nadal, “a mellor época do ano para a carne de cordeiro, indiscutiblemente”, apostilla.

No seu caso, os años sacrifícanse con arredor de dous meses de vida, acadando un peso en canal de entre 6 e 7 quilos. “O cliente en Ourense pide un cordeiro pequeno, e é máis rendible para o gandeiro porque o año come menos e deixa tamén libre antes á ovella”, destaca.

“A Xunta debería autorizar o sacrificio na propia gandería pois as condicións dos matadoiros son inasumibles”

A súa dobre ocupación como gandeiro e como carniceiro, permítelle a Francisco Rodríguez Mera ter unha visión máis global do sector. Deste xeito, unha das graves eivas que detecta en Galicia é o prezo que cobran os matadoiros polo sacrificio de ovino, algo extensible ao gando cabrún. “En Ourense os matadoiros cobran 1 euro por kilo por sacrificar un cordeiro de 8 kilos, un prezo desorbitado se o comparamos cos de Castela ou de Estremadura, e que encarece moito o prezo final ao consumidor”, critica. “Aquí a matanza do cordeiro ou do cabrito sae carísima e ademais hai que levalos a sacrificar cando o matadoiro o di e non cando ti o necesitas, porque non están especializados neste tipo de gando”, engade.

 “O matadoiro cobra o sacrificio a 1 euro por kilo, e non é asumible”

Neste sentido, Francisco considera que “unha opción ideal para favorecer ás pequenas e medianas explotacións gandeiras en Galicia sería que a Xunta autorizase o sacrificio na propia explotación, en pequenos matadoiros particulares, cumprindo iso si coa normativa sanitaria”, algo que se fai dende hai anos en Francia e que favorece a comercialización en circuítos curtos.

O sector gandeiro galego leva anos reclamando esta medida que a Xunta de Galicia ven prometendo aprobar dende o ano 2008. Hai uns meses a conselleira comprometeuse a que o decreto de alimentos artesáns -unha normativa que en parte podería abrir unha vía de solución- entraría en vigor ao longo deste ano 2017.

A súa outra demanda para a administración é un maior control da sobrepoboación de xabarín, que considera “un dos problemas máis graves para o agricultor e o gandeiro en Galicia”. “Aos ataques do lobo podes facerlle fronte se tes uns cans mastíns, pero aos danos do xabarín é imposible facerlle fronte, tanto en prados como en cultivos”, explica. No seu caso, mesmo deixou de botar millo forraxeiro ante os reiterados estragos das mandas de xabaríns.

De cara ao futuro inmediato, Francisco quere seguir compatibilizando a gandería de ovino, unha das súas paixóns, co seu traballo de carniceiro. “De feito este ano vou recriar 50 añas para renovar o rabaño e manterme nas 150 ovellas, unha cabana que podo manexar con facilidade e a baixo custo, e coa que ademais disfruto traballando”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información