“En frondosas, debería limitarse o tamaño das cortas a feito e marcar pés de porvir”

O pouco interese dos madeiristas en facer cortas parciais lastra a xestión dos montes de castiñeiro e carballo e a obtención futura de madeira de calidade. Roque Rodríguez Soalleiro explica algunhas das claves para mudar os aproveitamentos

Publicidade
Roque Rodríguez Soalleiro, durante a súa intervención no curso de verán sobre castiñeiro e cambio climático

Roque Rodríguez Soalleiro, durante a súa intervención no curso de verán sobre castiñeiro e cambio climático

Roque Rodríguez Soalleiro é profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e un dos grandes coñecedores das frondosas autóctonas en Galicia. Hai uns meses participou nun curso de verán da USC para falar do potencial como especie madeireira do castiñeiro.

“É un plantexamento moi simplista cando nos atopamos cunha zona de frondosas autóctonas dicir que é unha zona protectora e de conservación unicamente. No monte hai pés de castiñeiro que valerían para aproveitamento forestal. É un recurso que temos ademais do da produción de castaña”, defende.

As formacións de castiñeiro existentes en Galicia teñen distinta tipoloxía:

  • Soutos vellos, con castiñeiros enxertados con variedades de produción de castaña pero que tamén poden dar madeira. As variedades Parede e Presa son as que tradicionalmente se usaban para obter este aproveitamento mixto de castaña e madeira.
  • Montes baixos (tallares), con árbores bravas rexeneradas a partir do rebrote de cepa. Son transformacións procedentes do século XIX e XX que veñen da produción de taninos. En Asturias hai moitos.
  • Montes altos, que proceden de árbores bravas ou francas sen enxertar. O seu desenvolvemento prodúcese a partir da xerminación da castaña.  

Destas tres tipoloxías, as formacións que teñen máis opcións de produción de madeira de calidade son tanto os soutos vellos coma os montes altos, detalla Roque.  

Xunto a estas formacións tradicionais, na actualidade hai plantacións específicas para madeira, con distancias entre árbores de 3-4 metros, que serían as axeitadas para esta finalidade, fronte ao marco de plantación amplo de 10×10 metros empregado nas plantacións para froito.

A Xunta de Galicia esixe distintos instrumentos de ordenación e xestión forestal en función do tamaño do monte e ten establecidos tres modelos silvícolas para castiñeiro, en función da finalidade produtiva. Deles, o modelo silvícola dirixido a produción de madeira é o CS1, cunha densidade en corta final de entre 200 e 250 pes por hectárea. As variedades recomendadas son a Castanea sativa Miller para altitudes superiores a 550 metros sobre o nivel do mar e a Castanea x hybrida en altitudes menores.  

Coñecemento do recurso e do monte

tipoloxias formacions de castinheiroUn dos factores determinantes para decantarse por facer unha plantación de castiñeiros para madeira é a calidade da estación. Existen curvas de produtividade tanto para monte alto como para monte baixo que permite avaliar as condicións dunha parcela concreta, pero o cambio climático está a cambiar o crecemento previsto. “A incertidume nestes casos é importante”, recoñece Roque.

Ademais destas proxeccións de produtividade, é necesario cubicar para saber que volume de madeira hai no monte. Para o cálculo las existencias de madeira existen distintas ecuacións, algunhas delas desenvolvidas en Portugal para cubicación de castiñeiro. En monte alto, realízase mediante a medición de diámetros en cruz a unha altura de 1,3 metros e das alturas (hipsómetro).

Podas de formación

esquema de poda de formacion de castinheiro para madeiraAdemais de traballar con densidades altas de inicio, para a obtención de madeira de calidade de castiñeiro cobra vital importancia a poda de formación, que debe afectar ás ramas con inserción moi vertical e moita tendencia a engrosar e ás bifurcacións na liña central.

Nas podas de formación deben retirarase bifurcacións, ramas verticais e con tendencia a engrosar

Débese evitar a poda de ramas xa moi grosas (máis de 2 cm de diámetro), o que require intervir a tempo. Os cortes deben ser limpos, non podar moi a ras para non deixar moita ferida e non deixar tampouco percha para evitar as acumulacións de auga.

Cando se presentan problemas sanitarios nunha plantación, por exemplo chancro, hai que podar as árbores que estean afectadas ao final ou directamente optar por non podar as árbores enfermas.

Os nós condicionan moito o destino final da madeira de castiñeiro, sobre todo os nós mortos (rama morta que queda adherida ao tronco) e peor canto maior diámetro presentan. Débense facer podas progresivas de ramas baixas, pero non podar sistematicamente de abaixo a arriba, indica o profesor da Politécnica.

Acurtar turnos

Outro dos defectos máis frecuentes e limitantes á hora do aproveitamento forestal do castiñeiro para madeira de calidade é o cebolo. Para evitalo, débense realizar intervencións precoces dirixidas a manter constantes as condicións de crecimento das árbores (aneis homoxéneos e verticalidade do tronco), unha boa selección dos lugares de plantación en función da fertilidade do chan e fertilizar para garantir a dispoñibilidade de calcio da planta.

As árbores vellas son máis proclives a ter cebolo; débense reducir os turnos de corta

Os aproveitamentos finais para obter madeira de calidade de castiñeiro deberían situarse arredor dos 50 anos, indica. “Turnos de corta de 30 a 60 anos poden dar lugar a produtos de alta calidade e desde un punto de vista produtivo non interesan árbores moito máis vellas”, defende Roque.

En castiñeiro, é máis doado obter pezas rectas e de bo diámetro que noutras frondosas, pero é necesario levar a cabo unha xestión axeitada. En canto ás súas características, a madeira de castiñeiro é menos resistente a esforzos que o carballo, pero máis doada de traballar e tamén máis estable, xa que nin incha, ni se contrae, nin torce tanto sometida a cambios de humidade. É tamén máis lixeira, xa que a densidade do castiñeiro ao 12% de humidade é de 660kg/m3, fronte aos 839 do carballo.

Sinalamento para obter madeira de calidade

Sinalamento de castiñeiros no MVMC de Couso (Gondomar). Foto: Roque Rodriguez Soalleiro

Marcaxe de castiñeiros no MVMC de Couso (Gondomar). Foto: Roque Rodriguez Soalleiro

Roque bota man dunha frase do enxeñeiro de montes Froilán Sevilla, xefe da sección territorial Merindades (Burgos) da Junta de Castela e León, que asegura que “sen sinalamento non hai silvicultura”, para destacar a importancia da marcaxe de árbores de porvir na xestión dos montes de frondosas.

As árbores escollidas deben ser rectas, xa que as nas frondosas as árbores inclinadas dan madeira de tracción, que non ten características axeitadas para o aserrado debido ás fendas radiais (fendas ao longo do anel de crecemento). O carballo é menos proclive que o castiñeiro a este problema, debido a que o castiñeiro ten menor resistencia á tracción vertical (a metade) que o carballo.

A competencia lateral pode producir inclinacións, derivando en crecementos irregulares do tronco e, como consecuencia, en madeira de tracción

As árbores de porvir son aquelas que teñen potencial para producir no futuro madeira de alta calidade en trozas rectas e da maior lonxitude posible. Para iso, o fuste debe estar libre de ramas e hai que evitar a formación de nós, en particular de nós mortos.

Para preservar estes exemplares que se seleccionan de cara ao turno de corta final é necesario facer sinalamentos de árbores a extraer do monte en beneficio das de porvir, precisamente co obxectivo de retirar aquelas que lles fan máis competencia. Esta competencia avalíase observando as copas, polo que “as árbores pequenas non merece a pena extraelas se non exercen competencia polo alto cos de porvir”, explica Roque.   

No castiñeiro, o vigor é tan importante coma o diámetro á hora de decidir cales son as árbores de porvir

Os castiñeiros que se sinalan de porvir deben ser vigorosos. O vigor é un condicionante fundamental para a súa marcaxe, moito máis importante que no carballo, que ten moita maior resistencia mecánica que o castiñeiro. “O vigor é tan importante como o diámetro. Pés máis novos con menos diámetro pero máis vigor son moitas veces máis interesantes que pés de máis idade con maior diámetro pero menor vigor”, asegura.

As árbores con menos vigor teñen máis risco de que lles entre o chancro e o cebolo e acaban sufrindo a aparición de fendas radiais. “As árbores de semente teñen tres veces menos de ceboladura que as de rebrote, tamén as árbores vellas son máis proclives, por iso se debe limitar o turno de corta”, defende.

Ademais, propón introducir a marcaxe nas cortas de frondosas autorizadas pola Administración e que ese sinalamento sexa efectuado por parte dos axentes forestais. “Na actualidade só se seguen cobrando as taxas de sinalamento, que seguen existindo, pero non se marcan árbores”, denuncia.

Claras polo alto

souto de castinheiro de 5 ha en Paderne (Courel) monte proindiviso de condominio romano“A marcaxe debe realizarse en función dos usos que queiramos dar ao monte. Para a obtención de madeira, no castiñeiro é interesante facer claras polo alto”, insiste o profesor do Campus Terra.

Este tipo de claras son precisamente as que se fixeron no MVCM de Couso, en Gondomar, impulsadas pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) dentro do seu Proxecto de valorización de montes de frondosas.

“Había unha densidade inicial de 290 pes por hectárea antes de cortar e fixéronse claras en beneficio do monte, cortando as árbores que facían competencia ás árbores de porvir. Marcáronse pés para facer rúas para poder entrar con maquinaria e sacáronse 120 metros cúbicos de madeira”, detalla Roque.  

Os aproveitamentos parciais ben feitos son favorables porque significan un maior vigor nas plantas que quedan

“A corta é unha ferramenta de xestión do monte de castiñeiro para chegar a ter pés de porvir e madeira de calidade. Os aproveitamentos parciais ben feitos son favorables porque significan un maior vigor nas plantas que quedan”, destaca.

Por iso, insiste, “se todas as cortas que facemos son a feito, temos moi poucas posibilidades de mellora”. Pero o volume mínimo de madeira para que haxa interese das empresas forestais en facer cortas parciais sitúase arredor dos 50 metros cúbicos, polo que Roque recoñece que “limitar a corta a feito ten efectos negativos ao final, porque estás prexudicando a venda da madeira por parte dos propietarios. O que se debería facer é limitar a superficie das cortas a feito”, defende.

A madeira de calidade que vén de Francia vén de montes baixos onde se fixeron rareos

Os serradoiros que traballan con madeira de castiñeiro en Galicia (uns 8 na actualidade) subminístranse en boa medida con troncos importados de Francia, sobre todo en longos a partir de 5 metros. Esa madeira, explica Roque, procede de montes baixos onde se fixeron rareos. En Galicia, pola contra, en montes baixos se non se fan claras e rareos, insiste.

“En Galicia o problema que existe para obter madeira de castiñeiro de calidade son as dificultades para facer cortas intermedias, pero non é un problema exclusivo de Galicia. En Asturias, coa superficie de castiñeiro que teñen, unhas 120.000 hectáreas, máis do dobre que en Galicia, non foron tampouco capaces de implementar claras”, di.  

Corta e saca do monte

Aproveitamento de castiñeiro de pouco diámetro en estacas para peches

Aproveitamento de castiñeiro de pouco diámetro en estacas para peches

Unha das premisas básicas destas entresacas é evitar posibles danos sobre os pes de porvir como consecuencia dos traballos de aproveitamento. Pero o sistema actual de cortas en Galicia está moi pensado para eucalipto e piñeiro, é dicir, trabállase fundamentalmente con procesadora e autocargador para madeira corta (longos de 2,5 e 3 metros), pero en castiñeiro é necesario tamén poder obter madeira longa e de fuste completo, mediante sistemas de corta manual con motoserra, arrastre con cableado e carga con grúa.

No rareo obtense só un 9% de táboas de calidade A, fundamentalmente debido aos nós, polo que as estacas para peches son unha posibilidade interesante para rendibilizar estas intervencións intermedias, defende.  

As claras hai que facelas a tempo para evitar os problemas de cebolo

Outra das cuestións nas que incide Roque é en que “as claras hai que facelas a tempo”. “Non debes deixar moito tempo as árbores de porvir con competencia para evitar problemas de cebolo. Hai que actuar a tempo nas cortas intermedias, para que non baixe o crecemento de 0,8 cm/ano”, detalla.

Nesas entresacas, é importante tamén que a densidade resultante sexa a axeitada para evitar a proliferación de maleza. Neste sentido, sería dabondo con deixar uns 50 pes por hectárea para lograr o peche de copas, o que supón o control do mato heliófilo.

“Non podes abrir demasiado para que non se che introduza a matogueira e non se deben cortar tampouco as árbores de borde de parcela para evitar tamén isto, xa que co cambio climático o risco de lumes é moito maior e modelo de combustible de frouma baixo arborado que ofrecen as árbores frondosas son o mellor freo contra o avance do lume en caso de incendio forestal”, defende o profesor da Politécnica.

“O futuro pasa en boa medida polo impulso das agrupacións forestais”

En Galicia hai unhas 50.000 hectáreas de monte onde o castiñeiro é a especie predominante e as cortas anuais sitúanse no entorno aos 30.000 metros cúbicos de madeira, que equivalen case a un terzo dos 100.000 metros cúbicos cortados no conxunto de España, onde Asturias lidera os aproveitamentos.

As cifras están moi lonxe dos 2,2 millóns de metros cúbicos que se cortaron en Francia no ano 2024. Os Centros Rexionais da Propiedade Forestal son organismos clave para o sector, que poñen de acordo aos propietarios privados para a xestión dos seus montes. En Francia a propiedade forestal está tamén moi fragmentada, con 3,5 millóns de propietarios para 11 millóns de hectáreas de superficie forestal (o 20% do territorio francés).

Un terzo da madeira de castiñeiro que se corta en España procede de Galicia, con Asturias liderando os aproveitamentos

Existen 18 destes centros rexionais, creados fai máis de 70 anos coa finalidade de articular o sector e contribuír a que a xestión por parte dos propietarios privados fose similar á que a Administración aplica nos montes públicos. A súa función é a de asesorar aos propietarios, aprobar os plans de xestión dos montes privados e controlar a súa execución.

Os prezos actuais que se pagan en Galicia pola madeira de castiñeiro oscilan entre os 70 e os 120 €/m3 (prezo de rolla dereita para serra en verde en cargadeiro de camión). Canto máis diámetro máis prezo. Os valores en Francia son moi superiores, pero Roque xustifica que “para comercializar madeira de castiñeiro son necesarios lotes grandes e de suficiente calidade”.

Para comercializar madeira de castiñeiro son necesarios lotes grandes e de suficiente calidade

A igualdade de dimensión, en Francia os prezos que se pagan son moito maiores en castiñeiro que en carballo, aínda que desde un punto de vista silvícola é moito máis doado conseguir pezas rectas e sen nós en castiñeiro que en carballo e en menor tempo.

Propiedade e xestión forestal

Para lograr madeira de calidade de castiñeiro faise necesaria igualmente unha axeitada xestión das plantacións e o tipo de propiedade e o tamaño das parcelas son dous condicionantes que están a pesar á hora de facer unha xestión axeitada do montes de frondosas que hai en Galicia.

En relación á propiedade dos montes de castiñeiro, danse as distintas tipoloxías presentes na propiedade forestal:  

  • Montes públicos: Hai poucos pero existen tamén, tanto patrimoniais (por exemplo souto de Paramedela, na Pobra do Brollón, mercado pola Xunta de Galicia e onde se realizaron actuacións de recuperación) como demaniais (por exemplo os montes comunais propiedade dos concellos). En Asturias, por exemplo, hai máis montes de castiñeiro comunais ca en Galicia.
  • Propiedade colectiva:
    – Condominios xermánicos: Monte veciñal en man común onde todos os veciños teñen a mesma participación.  Por exemplo, o MVMC de Couso (Gondomar), onde se está a levar a cabo o aproveitamento mediante cortas intermedias nun rodal de 4 hectáreas impulsado por XERA. “Nestes casos, depende moito de que haxa algún veciño que queira estar na Xunta Directiva da Comunidade e revitalice o monte cunha boa xestión”, asegura Roque.
    – Condominios romanos, son moi frecuentes na zona oriental de Galicia. Eran montes de cuotas. A propiedade é proindiviso e cada veciño ten unha cuota diferente.
  • Montes particulares: “É onde está realmente o problema. O bo sería facer cortas selectivas e deixar pés de porvir, pero cando un particular oferta o monte para cortar a un madeirista non lle oferta esta posibilidade, senón cortas a feito”, describe o profesor do Campus Terra.

“Hectárea e media non é unha superficie suficiente para facer unha xestión racional. O propietario nestes casos está nunha situación de debilidade absoluta. Por iso son necesarias as agrupacións. Son esenciais para dinamizar a xestión e evitar a problemática do abandono, tanto para a produción de castaña, como sobre todo para a produción de madeira”, afirma.

Hectárea e media non é unha superficie suficiente para facer unha xestión racional

Roque destaca o feito de que se flexibilizaran os esquemas actuais das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta. “O futuro pasa en boa media polo impulso das agrupacións forestais. Hoxe existen fórmulas diversas para dar cabida a distintos tipos de impulsores: asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís e mercantís, etc. e se os propietarios ven beneficios, asócianse”, asegura.

En canto ás axudas dispoñibles e ao apoio institucional, indica que “hai unha Unidade Técnica do Souto na Consellería do Medio Rural, pero é un departamento moi descoñecido polos propietarios. Hai algún proxecto piloto para fomentar agrupacións e existen unha ducia de agrupacións neste momento ligadas a castiñeiro”, relata.

O cambio climático dificulta as repoboacións

A suba das temperaturas e o aumento dos períodos de seca dificulta tamén as repoboacións con castiñeiro. “Coa situación de cambio climático actual, en montes onde xa hai castiñeiro deberíanse evitar claramente as cortas a feito, porque sacar adiante unha nova plantación na actualidade é máis difícil”, asegura.

Deberíanse evitar as cortas a feito porque sacar adiante unha nova plantación hoxe é máis difícil

“O cambio climático está afectando xa ao castiñeiro e seguirá afectando no futuro ao seu estado sanitario, ao seu crecimento e á mortandade das árbores, pero non anula en absoluto o interese e o potencial futuro da especie. O castiñeiro seguirá con nós durante tempo, pero posiblemente cambiando de zona”, conclúe Roque.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información