“En Francia créase valor na cadea do leite, en España destrúese”

O conselleiro delegado do Grupo Lactalis en España, Ignacio Elola, aborda nesta entrevista a situación de mercado do leite e as súas perspectivas

“En Francia créase valor na cadea do leite, en España destrúese”

Ignacio Elola, conselleiro delegado do Grupo Lactalis en España.

O Grupo Lactalis é a principal industria láctea en Galicia, pois procesa ao redor dun 20% do leite producido na comunidade e conta con dúas plantas, unha en Nadela (Lugo) e outra en Vilalba. O seu conselleiro delegado, Ignacio Elola, subliña o compromiso da firma coa comunidade, na que suma preto de 40 anos de traballo. “Temos unha visión a longo prazo na que Galicia continuará sendo transcendental”, defende.

Nesta entrevista, abordamos con el a situación de mercado e as perspectivas de Lactalis. Non evita os temas polémicos, como as tradicionais comparacións do prezo do leite en Galicia co do resto de España ou co francés. “En Francia créase valor na cadea do leite, en España destrúese”, resume.

– Son a principal empresa en volume de recollida de leite en Galicia. Que perspectivas manexan para próximos anos?
– Desde o final das cotas lácteas, a nosa recollida en Galicia aumentou un 10% e non deixou de medrar, pero máis aló do compromiso de recollida, temos tamén un compromiso de actividade industrial. O 80% dese leite procésase nas nosas dúas factorías en Galicia, nas que traballan 350 persoas. Se lembramos o Plan Estratéxico do Sector Lácteo 2020 – 2025, impulsado pola Xunta, marca o obxectivo de acadar un 75% de leite galego procesado na comunidade. Nós xa cumprimos sobradamente con ese reto.

De cara ao futuro, traballamos para manter o noso volume de vendas actual e apostamos pola innovación. Cremos que podemos ser tamén exportadores desde as nosas fábricas de Galicia. Pode haber oportunidades para China, Europa do Leste ou América Latina, entre outros mercados.

Quixera destacar ademais que nos últimos sete anos investimos 21 millóns de euros nas nosas dúas plantas de Galicia para mellorar procesos, incorporar novas liñas de produción e reducir a nosa pegada ambiental en aspectos como consumo de auga ou emisións de carbono.

– No Plan Estratéxico do Sector Lácteo incídese na necesidade de que Galicia elabore produtos de maior valor engadido que o leite líquido, co caso paradigmático de Lactalis, que dedica as súas dúas plantas en exclusiva a leite líquido.
– Envasamos leite líquido, pero tanto en Nadela como en Vilalba imos máis aló do leite clásico e elaboramos produtos de maior valor engadido. Temos o leite ecolóxico, que é unha gran aposta de Lactalis desde hai 20 anos, leite fresco, leite de crecemento e leite omega 3, entre outras gamas. Investimos en I+D e como exemplo, lanzamos recentemente a nosa gama Puleva Vita Defensas, que é un produto recomendado para toda a familia e que achega un reforzo inmunitario, con 4 millóns de litros xa vendidos.

“Envasamos leite líquido, pero estamos comprometidos coa innovación e elaboramos produtos de maior valor engadido que o leite clásico”

É certo que o leite con marca de distribución segue tendo un gran peso, pero estamos comprometidos coa innovación e con obter valor engadido.

– No mercado do leite, de cara a mellorar as ganancias de toda a cadea, ve posible configurar o prezo de abaixo cara arriba, desde o campo até o punto de venda?
– Falemos de realidades. O prezo de venda ao público márcano as cadeas de distribución e é a partir de aí como se fai o reparto de valor cara ao resto da cadea. Se analizamos os datos FEGA, en Galicia o prezo do leite no campo aumentou un 10% desde o fin das cotas lácteas, o dobre do conxunto de España. Nese mesmo período, a nivel de España, a distribución depreciou as marcas de fabricante un 3,6% e as marcas de distribución un 1%, segundo os datos de IRI, unha consultora de mercado independente. Nese escenario adverso para a industria, fixemos un gran esforzo por aumentar a remuneración do gandeiro.

– O certo tamén é que Galicia segue á cola de prezos do leite pagado no campo. Esa situación pode cambiar?
– Insisto en que é unha cuestión que depende de como se comporte o conxunto da cadea. Mentres en Francia créase valor, en España destrúese valor. O leite nos lineais baixou ou, como moito, non subiu de prezo. En Francia, os prezos do leite soben ou se acompasan á evolución de prezos no campo.

“Desde o fin das cotas lácteas, as cadeas da distribución abarataron a marca de fabricante un 3,6% e a marca branca un 1%”

Esa é a situación. Temos que transmitirlle á distribución o enorme esforzo de investimentos que estamos a facer granxas e industrias para mellorar a calidade, con compromisos certificados, como a mellora do benestar animal. Temos ao 80% das nosas granxas xa certificadas en benestar animal. É necesario convencer á distribución e ao consumidor de que, de forma razoable, teñen que recoñecer no prezo a calidade dos nosos produtos.

– Na renovación dos seus actuais contratos coas granxas, apostan por repetir a oferta que lle trasladaron a parte das súas gandarías provedoras a finais do verán pasado, cun prezo base na práctica de 28,5 céntimos, o que supón unha baixada en relación aos 29 céntimos dos contratos de hai un ano…
– Efectivamente presentámoslle ofertas ás granxas que teñen contratos en vigor que vencen o 1 de marzo. Nesa oferta consideramos que temos por diante un ano complicado, con incerteza pola situación sanitaria e a crise económica. Preocúpanos o ano 2021, sobre todo pola configuración do prezo de venda ao público, xa que nos chegan sinais preocupantes. Está a producirse unha destrución de valor, con promocións que nos preocupan e que non axudan á configuración de prezo no campo.

– En decembro de 2015, os gandeiros galegos protagonizaron bloqueos ante as cadeas de distribución que se pecharon cun acordo con parte das cadeas para a revalorización do leite. A vostedes demandounos pouco despois Unións Agrarias por supostamente non respectar eses acordos, pero o xulgado sobreseeu recentemente a causa. Como valora ese proceso?
– Valoro positivamente que se recoñeza o que sempre defendemos, a legalidade das actuacións que levamos a cabo. Ao pacto que nos debemos nós é ao Acuerdo de Sostenibilidad que asinamos toda a cadea en setembro de 2015 (industrias, cadeas de distribución e gandeiros), coa intermediación do Ministerio de Agricultura. É o único acordo que subscribimos e que respectamos. Estamos satisfeitos de que se nos deu a razón.

– No marco da renovación de contratos no campo, ven posibles as negociacións con organizacións de produtores, como a galega Ulega?
– Claramente si. De feito o pasado ano xa chegamos a un acordo con Ulega e este ano esperamos chegar a outro. Estamos afeitos a acadar acordos con organizacións de produtores noutras rexións e en Galicia non ten por que ser distinto.

“A promoción do consumo de lácteos debe asociarse ao pracer e sabor, a parte de apoiarse nas recomendacións nutricionais científicas”

O conselleiro delegado de Lactalis en España, Ignacio Elola, é desde o pasado outono o presidente da Interprofesional Láctea, o organismo no que participan industrias lácteas, cooperativas e organizacións agrarias.

– Recentemente asumiu a presidencia da Interprofesional Láctea (INLAC), que ten entre os seus obxectivos principais a promoción do consumo de lácteos. Como analiza a situación de consumo en España?
– En primeiro lugar, quixera destacar que para Lactalis é unha honra asumir a presidencia da INLAC, en liña co compromiso que temos co sector lácteo español. Un dos obxectivos fundacionais da Interprofesional é a promoción do consumo de produtos lácteos, unha liña na que traballamos en base a evidencias científicas e a datos obxectivos.

No marco dunha dieta saudable e equilibrada, é recomendable o consumo de 3 racións de lácteos ao día. En España estamos lonxe desas recomendacións nutricionais e traballamos para que creza ese consumo, que se pode practicar de forma variada, nunha dieta diversa que inclúa leite, iogures, queixos… Máis aló de que os lácteos son saudables, é importante tamén que manteñamos o concepto de pracer e de sabor ligado a eles.

“Preócupanos a importación de queixos de baixo valor engadido, en barra ou loncheados, procedentes de excedentes doutros países. É un problema estrutural”

– Un dos retos para o sector lácteo español é o de competir coa importación de queixos europeos. Que posibilidades hai de gañar maior cota de mercado nos lineais de queixo?.
– O queixo é un produto fundamental en España e temos gran diversidade de oferta. O problema non son as importacións en si, xa que hai produtos que contribúen a xerar cultura do queixo, como poden ser o parmesano ou o camembert, entre outros. O gran problema é a importación de queixos de baixo valor engadido, en barra ou loncheados, que proceden de excedentes doutros países e cos que non podemos competir. É un escenario estrutural, non puntual, e temos que traballar para que se limiten esas importacións, que se poden cifrar nunhas 200.000 toneladas anuais.

– En canto á gama de leite ecolóxico, no campo hai incerteza sobre como evolucionarán os prezos e a demanda. Que lle pode transmitir ás granxas?
– O leite ecolóxico é unha opción gañadora. É o único leite cunha certificación diferencial da UE e que destaca pola súa sustentabilidade. Promove o benestar animal, o pastoreo e unha alimentación animal libre de transxénicos. Son todos conceptos que se pode dicir que están de moda agora, pero a nosa aposta polo leite ecolóxico cumpriu xa 20 anos. Unha aposta que ademais é polo leite ecolóxico español.

Que nos falta? Quédanos un traballo de educación cara ao consumidor, divulgar todo o que este leite ten detrás. En España, 4 de cada 100 fogares consumiron xa leite ecolóxico, pero moitas veces de forma puntual, para probar. Falta que fagan habitual ese consumo.

En calquera caso e a pesar de ser unha categoría pequena, no último ano as vendas de leite ecolóxico creceron un 16%, fundamentalmente impulsada pola marca de distribución. A estratexia europea ‘Da granxa á mesa’ vai na liña de impulsar a produción ecolóxica en toda Europa e nós tamén nos enfocamos nesa liña. Esperamos ser capaces de impulsar o seu consumo.

– En materia xudicial, teñen unha fronte aberta coas reclamacións de gandeiros derivadas da sanción imposta pola Comisión Nacional da Competencia. É un proceso que pode supor un importante pau para o conxunto da industria. Como ven a situación no seu caso?.
– Hai que ir paso a paso. Consideramos que actuamos en todo momento respectando a legalidade vixente. Así o defendemos no recurso que temos presentado na Audiencia Nacional.

“O coronavirus supuxo un desafío a nivel operacional e loxístico”

Ignacio Elola.

Ignacio Elola.

– Como están a vivir nas súas plantas a crise da Covid?
– Estamos a traballar con normalidade, con todos os protocolos e medidas de seguridade posibles. Os equipos das plantas demostraron un gran compromiso neste último ano, que foi moi difícil, cun absentismo inferior a exercicios anteriores. Os casos que rexistramos de coronavirus no noso persoal evolucionan na liña da curva xeral do país. Esperamos que as medidas que se están adoptando axuden a controlar esta terceira vaga e que se avance canto antes na vacinación.

– A nivel de facturación da empresa, afectáronlles os peches da hostalaría. Compensárono coas maiores vendas ao fogar?
– En primeiro lugar, hai que sinalar que o coronavirus tivo un impacto importante na hostalaría. Desde o punto de vista financeiro, tratamos de axudar a soster pequenas empresas do sector, que se caracterizan por un escaso músculo financeiro. A nivel de Lactalis, eses peches tamén nos xeraron un impacto importante que tratamos de compensar con outras categorías de produto e canles. Cando pechemos a facturación do ano, faremos balance.

Foi un ano moi complexo sobre todo a nivel operacional e loxístico, con sucesión de picos e vales na demanda, derivados de aperturas e peches na hostalaría, da acumulación inicial de lácteos nos fogares durante o confinamento, etc. Esa situación é de complicada xestión, pero gustaríame insistir no alto compromiso dos nosos colaboradores e transportistas. En fábricas e almacéns, premiamos ese traballo cunha prima especial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información