“En España cabe agardar unha mellora dos prezos do leite en 2025 e achegarse á media da UE”

O informe ‘O sector lácteo en España: situación 2024 e perspectivas 2025’ prognostica un aumento da demanda china, unha cotización internacional sustentada polo prezo da manteiga e un consumo interno baseado no aumento dos queixos

A ración das vacas en produción está baseada no silo de herba

Francisco Sineiro e Jorge Santiso, profesores do Departamento de Economía Agraria da Universidade de Santiago, prognostican que 2025 será un bo ano para as explotacións leiteiras españolas, debido a un aumento da demanda exterior que derivará nunha revalorización en orixe.

No seu último informe, O sector lácteo en España: situación 2024 e perspectivas 2025, feito público a semana pasada, auguran que os prezos de compra do leite en España tenderán a converxer cos dos principais países da UE, que se sitúan 6 céntimos por riba do que están a cobrar nestes momentos as ganderías españolas (case 10 no caso das granxas galegas).

“En España pode esperarse un lixeiro incremento da produción de leite de vaca, limitado en todo caso pola caída do censo e a redución de explotacións, de difícil compensación vía rendementos ou aumentos de tamaño. Incrementos moderados prevéense á súa vez no consumo, tanto en fogares como na demanda extradoméstica, centrados no queixo en ambos casos. Con estas perspectivas, cabe agardar unha mellora nos prezos cara a un realiñamento cos prezos medios da UE”, conclúen.

A nivel español cabe agardar un lixeiro incremento da produción, limitado en todo caso pola caída do censo de gando e a redución de explotacións

No mercado global, indican, “as perspectivas apuntan a unha lixeira suba da produción e á súa vez da demanda, nun equilibrio que debería consolidar os niveis de prezos dos últimos meses. Porén, persiste o grao de incerteza que afecta tanto á oferta (crises zoosanitarias, materias primas e condicións climáticas), como á demanda (evolución dos conflitos en Ucraína e Oriente Medio, e perspectiva dun novo esquema arancelario)”.

Peche de granxas de maior tamaño

As entregas de leite das granxas españolas aumentaron en 2024 en 110.000 toneladas sobre 2023 e recuperan os niveis de 2021, aínda que o aumento da produción está limitado polo censo (un 2,4% menos de vacas e un 1,9% menos de xovencas en xaneiro de 2025 respecto ao mesmo mes de 2024).

Un terzo dos abandonos dáse xa actualmente en explotacións cunha produción de máis de 200.000 litros anuais

Ademais, un terzo dos abandonos dáse xa actualmente en explotacións cunha produción de máis de 200.000 litros anuais, “uns volumes de leite que cada vez son máis difíciles de compensar con aumentos por parte dos gandeiros que permanecen en activo”, advirten.

No conxunto de España desaparecerían en 2024 un total de 653 explotacións leiteiras, das que 372 pecharían en Galicia, segundo os datos do Ministerio de Agricultura.

Demanda estable

A demanda de produtos lácteos semella estable, co crecemento das importacións nos países do Sueste Asiático e Oriente Medio, favorecidas polo aumento da poboación e unha tendencia xeral de mellora da renda, e unha certa recuperación das compras por parte de China a finais de 2024.

“Este equilibrio na oferta e a demanda global debería manter os prezos do leite e dos produtos lácteos nos próximos meses”, indican Sineiro e Santiso no seu informe.

Na UE, os niveis de prezos actuais dependen tanto da evolución do mercado interior como do fráxil equilibrio entre MG e MP que determina a evolución do prezo equivalente e que podería verse alterado se persisten as dificultades nas exportacións de leite desnatado en po.

grafico evolucion prezo mantequilla e leite desnatado en po na UE

Cos niveis de prezos actuais, a manteiga achega o 60% do valor do prezo equivalente e o leite desnatado en po (LDP) o 40%. “Tendencias diverxentes no consumo de manteiga e leite desnatado en po agudizan os desequilibrios entre ambos produtos e trasládanse a unha evolución dispar nos respectivos prezos, co resultado dun prezo equivalente sustentado por unha elevada cotización da manteiga”, explican.

Aínda que os mercados de futuros executables ata xuño prognostican un posible cambio de tendencia, cunha suba tanto do leite enteiro en po como do desnatado en po (arredor dun 5%) e unha caída do valor da graxa láctea, o que podería incentivar á industria a desnatar menos leite.

Prezos máis altos en Europa

diferencial prezo leite España-UE

España foi o único país da UE no que o prezo medio pagado aos produtores baixou no 2024. “Os prezos do leite de vaca en España anotaron poucos cambios en 2024, situándose por baixo dos 48€/100 kg despois dun axuste de 2-3 € na primavera. En cómputo anual resulta un prezo medio de 47,7€/100 kg, similar ao rexistrado na media da UE, aínda que cun diferencial negativo de 6€/100 kg nos últimos meses como resultado dunha tendencia alcista na maior parte dos principais países produtores”, detallan Sineiro e Santiso.

O ano pechouse con prezos en decembro de 63,2 céntimos en Irlanda, 55,7 en Alemaña, 57,3 nos Países Baixos, 54,9 en Italia e mesmo 55 en Polonia. Portugal mantén niveis inferiores a España (45,6 céntimos), mentres que Francia consolida, de cara ao primeiro trimestre de 2025, a media de 50,6 céntimos de decembro.

A maioría dos países exportadores europeos reaccionan moito máis rápido aos altos e baixos no mercado internacional de produtos lácteos, o que fai que estas oscilacións se trasladen aos contratos en orixe máis rápido do que o fan en España, onde a tendencia plana de prezos vivida a partir do verán impediu ás granxas beneficiarse dos valores ascendentes vividos no resto de Europa.

“O reaxuste á baixa en abril deixou o prezo estabilizado arredor dos 46-48 €/100 kg o resto do ano, alleo ás tendencias alcistas observadas en boa parte dos países da nosa contorna. Deste xeito, o diferencial positivo que se mantiña coa media da UE tornouse en negativo, para rematar o ano en 6€/100 kg por baixo”, detallan Sineiro e Santiso.

Custos de produción

grafico comparativa precio leite e custos producion 2020-2024

En canto aos custos de produción e as marxes netas das ganderías, afirman que “a falta de completar os resultados do ano 2024, pódese adiantar que a marxe obtida polos produtores de leite mantívose elevada e próxima á acadada en 2023, que fora o máximo da serie histórica”.

“A moderación dos prezos dos fertilizantes, pensos, carburantes e electricidade (todos eles entre o -12 e o -15%) tradúcese nun descenso no índice de custos de produción (-11 puntos en base 2020=100) que compensa boa parte do descenso no prezo do leite (-17 puntos)”, indican.

A pesar da redución nos custos de produción ao longo de 2023 e 2024, nos últimos catro anos, o aumento dos custos das granxas tería sido superior ao 20%, compensado polo aumento no prezo do leite, que supera o 40%. Deste xeito, as marxes das ganderías mellorarían claramente a partir da suba do prezo do leite no segundo semestre de 2022.

Producir un litro de leite é hoxe un 20% máis caro que hai 4 anos

Porén, co comezo de 2025, o avance cara á paridade euro-dólar, que favorece a exportación pero encarece as importacións de materias primas consumidas polas granxas, como é o caso dos cereais e oleaxinosas destinadas á alimentación do gando ou dos fertilizantes para o abonado dos cultivos, está a provocar un lixeiro incremento nestes custos. Como consecuencia, os custos de produción finais do litro de leite poderían aumentar lixeiramente ao longo deste ano.

Consumo

O consumo doméstico rexistrou un lixeiro aumento do 0,5% en 2024, cunha pequena caída na leite envasada (-0,8%) amplamente compensada polo aumento no queixo (+2%).

A desaparición da exención do IVE nos produtos lácteos, que volveu ao 4% o día 1 de xaneiro de 2025, incrementou lixeiramente os prezos, xa de por si elevados. Con respecto ao ano 2021, o prezo do leite e da manteiga nos lineais dos supermercados encareceuse un 40%, mentres que o queixo e o iogur subiron case un 30%.

Despois de case catro anos dun período inflacionario que comezou a mediados de 2021 cos prezos da enerxía e da práctica totalidade dos factores de produción de leite, Sineiro e Santiso fan un primeiro balance da transmisión de custos a prezos ao longo da cadea de valor.

“O proceso de incorporación de aumentos e/ou reducións de custos a prezos seguiu unha cadencia e intensidade desigual nos distintos elos, co consecuente impacto nas marxes brutas”, indican.

A distribución anticipou a subida dos seus custos operativos e do prezo de compra que paga á industria

“As explotacións soportaron as primeiras subas de custos, cun retraso considerable na súa repercusión nos prezos do leite; un descenso da produción na segunda metade de 2022 derivaría nas tensións no abastecemento da industria e nunha escalada a máximos históricos nos prezos do leite. En 2023 e 2024, os descensos nos custos de produción acompañaron os reaxustes á baixa nos prezos do leite”, resumen.

En canto á industria láctea, “condicionada polos contratos coa distribución”, explican, “tamén se enfrontou a retrasos na transmisión dos maiores custos aos prezos, en particular os da leite utilizada como materia prima”. A distribución, porén, “anticipou as subas nos seus custos operativos e no prezo de compra dos produtos que posteriormente trasladaría á industria”, aseguran.

A febre mundial da manteiga

Entre os produtos lácteos industriais, a pesar da lixeira corrección desde comezos de ano, a manteiga segue mantendo niveis récord nos mercados internacionais, por riba dos 7.000 dólares por tonelada tanto en Europa como na poxa quincenal da cooperativa neozelandesa Fonterra, referencia para as cotizacións a nivel internacional.

No que respecta á UE, os prezos da manteiga subiron un 20% no último ano (un 40% no caso de Alemaña, onde pasou de 3.200 euros por tonelada a 8.000), o que levou a países como Polonia a ter incluso que botar man da súa reserva estratéxica, inxectando 1.000 toneladas no mercado, para corrixir a suba de prezos tras chegar a tocar os 9.000 euros.

A produción de manteiga na UE atópase estancada, en sintonía coa evolución da propia produción láctea, pero o consumo disparouse a nivel mundial, xa que a percepción social sobre este tradicional commodity da industria láctea cambiou, sobre todo tras a pandemia.

O consumo de graxa láctea disparouse a nivel mundial, sobre todo tras a pandemia, e a manteiga converteuse nunha materia prima en ascenso

A UE é o principal produtor mundial de manteiga (18% do mercado), aínda que para a industria láctea española é un produto secundario. En España, a tonelada de manteiga págase nestes momentos a 5.900 euros, moi por baixo de países centroeuropeos, onde é un produto básico de consumo nos fogares, ao igual que nos EEUU, onde tamén xoga un papel importante na cociña. No mercado americano, o prezo subiu en novembro pero baixou desde comezos de ano e sitúase en 5.300 dólares na actualidade.

En países centroeuropeos e nos EEUU, a manteiga é un produto básico para as familias nos seus fogares

Os cambios de tendencia no consumo de leite líquido están afectando tamén á produción de manteiga. Apoándose en estudos médicos, a graxa láctea xa non é vista como prexudicial para a saúde por parte dos consumidores, que pasaron do leite desnatado a outras opcións, como o semidesnatado ou o enteiro. Ese cambio de hábitos, xunto co incremento do consumo de queixo (outro produto baseado na graxa láctea), derivou nunha escaseza da materia graxa sobrante coa que se fabricaba a manteiga.

O leite enteiro pasou de denostado a recomendado, polo que diminuíu a materia graxa sobrante coa que se fabricaba a manteiga

A industria láctea española aproveitouse do incremento de valor en Europa en 2024. De feito, as exportacións de manteiga española aumentaron un 2,1% en 2024 con respecto a 2023 (126.000 toneladas fronte a 117.000 en 2023), segundo o balance oficial de DataComex.

A ameaza do queixo alemán

importacion leite e produtos lacteos 2021-2024

No lado das importacións, destaca o incremento das entradas de queixo (409.000 toneladas, un 12,5% máis que en 2023) no mercado español en 2024. O consumo de queixo segue medrando en España (un 2% en 2024 e un 2,4% en 2023) e as importacións representan xa o 40% dese consumo.

Por iso, o risco de febre aftosa en Alemaña representa unha ameaza no horizonte para a industria queixeira española. Países como o Reino Unido decidiron pechar o seu mercado aos produtos lácteos alemáns, o que podería provocar a súa recolocación en mercados deficitarios do sur de Europa.

Preocupa que vai facer Alemaña co queixo que enviaba ao Reino Unido tralo peche das importacións polo brote de febre aftosa

“Preocupa que vai facer Alemaña con ese queixo e o mercado xa o está a descontar”, aseguran nunha empresa que fabrica queixo en Galicia. Ata o de agora, o maior diferencial no prezo do leite nos países europeos actuaba como freo ás importacións, pero coa corrección de prezos que se está a producir en Europa e o ascenso previsto en España, entraríase nun escenario máis proclive á chegada de queixo barato de países excedentarios do norte de Europa como Alemaña, Holanda ou Dinamarca.

As exportacións de lácteos de Alemaña ao Reino Unido supoñen 350 millóns de euros anuais

Facía 36 anos que Alemaña non tiña casos de febre aftosa cando a comezos de xaneiro se confirmou un brote nunha manda de 11 búfalos de auga en Brandeburgo. Como consecuencia, as autoridades decretaron sacrificios preventivos na zona e procedeuse ao precinto das granxas leiteiras máis próximas.

Mentres continúa a investigación sobre a orixe do brote, a ausencia de novos casos permitiu que a Comisión Europea aplicase o principio de rexionalización, garantindo que as exportacións dentro da UE sigan sen maiores restricións.

En 2001, o Reino Unido sacrificou 10 millóns de animais por unha epidemia de febre aftosa que custou á economía británica 8.000 millóns de libras

Un mes despois, o brote de febre aftosa en Alemaña segue sendo un caso illado, sen novos contaxios, pero aínda que algunhas restricións foron levantadas, as zonas de corentena permanecen.

A enfermidade é inofensiva para os humanos (non se contaxia nin por contacto nin polo consumo de carne ou leite dun animal infectado), pero é altamente contaxiosa en ruminantes. Ata 1992, a febre aftosa controlábase en Europa mediante programas de vacinación sistemática de toda a cabana bovina do continente. Desde entón, tras a declaración oficial da UE como libre da enfermidade, suspendéronse as vacinas, aínda que os casos se mantiveron moi baixos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información