“En COVAP escóitase moito ao gandeiro: tomamos decisións”

Entrevista a Ismael Herruzo, gandeiro da Cooperativa del Valle de los Pedroches (COVAP), de Córdoba. Asegura que “aumentaremos algo a produción de leite, pero non moito”.

“En COVAP escóitase moito ao gandeiro: tomamos decisións”

Ismael Herruzo na Semana Gandeira de Mazaricos

Ismael Herruzo é a terceira xeración dunha familia de gandeiros de vacún de leite no Valle de los Pedroches (Córdoba). Forma parte de COVAP, un referente a nivel español, xunto con Central Leiteira Asturiana, en canto a organización dos propios gandeiros para transformar o leite.

Este sábado participou na Semana Gandeira de Mazaricos, nunha mesa redonda sobre “Retos, oportunidades e realidades do sector lácteo”. Para Ismael Herruzo a saída á crise de prezos que padecen os gandeiros é clara: organización dos gandeiros e aposta por proxectos de transformación do leite en produtos de valor engadido. Entrevistámolo para coñecer a realidade da súa explotación e de COVAP.

Como é a túa explotación de vacún de leite?
É unha explotación familiar na que traballamos 3 persoas. Temos unhas 160 vacas en muxido e 320 en total. Na tempada de choivas as vacas están estabuladas en cubículos, mentres que no verán poden saír a pasear.

Producimos uns 2 millóns de quilos ao ano e comercializamos o noso leite a través da cooperativa COVAP.

A alimentación das vacas supón o principal custo dunha explotación. Como se organiza na vosa gandería?
A base territorial son unhas 150 hectáreas e dedicámolas a producir cereais de inverno (avea e trigo) que logo na primavera ensilamos ou henificamos e fornecémosllo tanto ás xovencas como ás vacas secas.

Ás vacas en muxido dámoslles unha mestura unifeed que nos fornece COVAP a diario. É unha ración a base de silo de millo, de feno, de alfalfa e de moito concentrado, máis que o que se adoita administrar en Galicia. En total a ración é duns 45 quilos para unhas medias de produción de 35/36 litros de leite diarios.

 “Os custos de produción témolos entre 0,30 e 0,32 euros e COVAP páganos o leite a 0,335 euros o litro”

Na nosa comarca padecemos o efecto verán que nos provoca unha alteración grande nas calidades do leite: temos un 3,90 de graxa e un 3,50 de proteína na primavera, outono e inverno. Pero no verán, debido aos estrés por calor que sofren as vacas, baixan as calidades ata un 3 de graxa e un 3 de proteína.

A herba que producimos consómena as xovencas e vacas secas a dente.

Como foi o voso proceso de integración en COVAP?
O meu avó foi socio fundador de COVAP fai uns 55 anos e eu son a terceira xeración. COVAP é unha cooperativa que transforma o noso leite, pono no mercado, fornécenos alimento desde a planta de mesturas, ten unha planta de elaboración de pensos concentrados, un matadoiro, servizo técnico e veterinario, asesoría fiscal e legal..etc.

Desde Galicia, onde temos os prezos do leite máis baixos de España, ás veces mírase con certa envexa a situación dos gandeiros andaluces. Como está a situación en canto a prezos do leite en Andalucía?
As situación de prezos no mercado non está ben para ninguén. Parece ser que en Andalucía somos máis beneficiados que noutras zonas de España, pero os nosos custos de produción son máis elevados que en Galicia e os nosos beneficios son moi baixos.

Os custos de produción dun litro de leite poden estar entre 0,30 e 0,32 euros, en función da forraxe que se produza na propia explotación. E o que nos está pagando COVAP neste momento son 0,335 euros por litro.

Como se acorda en COVAP o prezo do leite para o gandeiro?
Non se prima a cantidade do leite entregado, pero si a calidade. Os prezos son un pouco retroactivos: primeiro véndese o leite, e despois de descontar os custos do tratamento, transporte, envasado..etc, o que sobra é o que recibe o gandeiro. Temos un prezo inicial e se hai beneficios na cooperativa realízanse achegas aos socios.

 “En COVAP non se prima a cantidade de leite entregado pero si a calidade”

Cada dous meses COVAP dános un prezo aproximado, que pode oscilar minimamente á alza ou á baixa.

Que participación teñen os gandeiros na toma de decisións en COVAP?
Temos unha xunta reitora ou xunta de goberno que se cambia cada catro anos, e que conta, entre outros, cun presidente, un secretario e un director xeral. Esta xunta reitora está formada por entre 6 e 7 gandeiros da comarca e eles son os que toman as decisións de como funciona a cooperativa. E o director xeral decide se esas decisións son fiables e se é factible e posible poñelas en práctica.

Non temos distancia entre dirección de cooperativa e gandeiros. COVAP escoita moito ao gandeiro.

Que vantaxe vos achega a vosa relación con Mercadona?
Levamos xa dez anos de relación e é positiva. Nós queixámonos de que pagan pouco e eles din que non poden pagar máis, e iso creo que ocorre en todas as empresas de España.

Que retos ten a gandería de vacún de leite no Valle de los Pedroches?
Un dos principais problemas da gandería de leite no Valle de los Pedroches é a dispoñibilidade de auga, non só para cultivar forraxes senón tamén para o abastecemento do gando. Hai moitas explotacións que mesmo teñen que pagar pola auga de bebida das vacas pola escaseza da mesma.

 “O noso gran problema é a dispoñibilidade de auga”

Tamén coidamos moito a relación cos agricultores. Temos dúas comarcas agrícolas, que son a campiña de Córdoba e os regadíos de Badaxoz, que distan uns 100 quilómetros do Valle de los Pedroches, e chegamos a un acordo para comprarlles aos agricultores millo picado para ensilar a un prezo estable de 30 euros a tonelada.

En canto aos retos para o futuro, creo que o sector lácteo está nunha situación de stand bay, e creo que se vai normalizar tanto a demanda, como a oferta, e por tanto tamén os prezos. Espero que sexa canto antes mellor para darlle estabilidade ao sector.

Tamén creo que nos próximos anos veremos unha redución de gandeiros que non poderán soportar este cambio.

Ides aumentar a produción e o tamaño das explotacións lácteas en Andalucía?
O que é no Valles de los Pedroches se é certo que os gandeiros tendemos a facer cada vez as explotacións cada vez un pouco máis grandes, e por tanto máis competitivas pola redución de custos de manexo e demais.

“Creceremos algo en produción de leite, pero non moito”

Se me fixeses esta pregunta hai dous anos diríache que si imos medrar e moito en vacas e produción, pero a día de hoxe diría que aumentaremos algo, pero non moito.

Como valoras, polo que coñeces, as explotacións lácteas de Galicia?
Chámame a atención que Galicia, coa climatoloxía que ten e a dispoñibilidade de pastos case todo o ano non sexa máis eficiente e rendible á hora de producir leite. Non sei como están organizados aquí, pero creo que cuns gandeiros ben organizados e estruturados sería unha zona ideal para producir leite.

Xa me gustaría a min ter unha climatoloxía así no Valle de los Pedroches.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información