“En canto pare de chover, é urxente entrar a vendimar, pero non hai xente”

A escaseza de man de obra converteuse nun problema crecente para o traballo agrario en Galicia. Coa campaña de recollida da uva xa iniciada, os pequenos viticultores son os que sofren en maior medida esta eiva, en tanto as grandes adegas botan man de cuadrillas de traballadores temporeiros chegadas de fóra

Publicidade
Traballos de vendima en fincas con pendente pronunciada e difícil acceso

Traballos de vendima en fincas con pendente pronunciada e difícil acceso na Ribeira Sacra

A vendima máis temperá da historia en Galicia vive estes días un parón obrigado pola climatoloxía. Pero en canto pare de chover faise urxente entrar aos viñedos a apañar rapidamente os racimos que están maduros para evitar que a humidade e a calor pudra eses acios e poida prexudicar a calidade do viño que se faga con eles despois nas adegas.

“Dan auga até o sábado, pero o sábado, en canto escampe, é urxente vendimar para evitar que poida haber botrite. Precísase un gran número de persoas en pouco tempo e non se dá atopado. A falta de xente para traballar é unha dor de cabeza engadida. O máis problemático é que en vez de facelo en 5 días lévache 8. Se a climatoloxía acompaña non hai problema, pero se non si que o é”, explica David Álvarez Vázquez, responsable do sector do viño do SLG.

A falta de xente para traballar é unha dor de cabeza engadida para a vendima

David é viticultor e pequeno adegueiro que comercializa unha parte da produción baixo a marca O son do Cabe. Traballa 4 hectáreas en Pantón, nas parroquias de Santiago de Cangas, Acedre e Frontón, na Ribeira do río Cabe, no centro da Ribeira Sacra, onde a recollida da uva é manual, ao igual que noutras denominacións de orixe galegas.

En canto pare de chover, é urxente entrar a vendimar e iso supón unha alta demanda de xente en pouco tempo

“Aquí na Ribeira Sacra, no Ribeiro ou en Rías Baixas é case todo manual. Cortar racimos sábeo facer calquera, non é complicado, pero si cansado, e a xente non quere traballar”, asegura. “Non hai man de obra porque non hai xente en xeral no rural. E as persoas que andaban ao xornal esporadicamente agora non saen porque teñen unha paga”, razoa.

Subsidios

A demanda de man de obra para un traballo tan estacional coma o da vendima aumenta na medida na que a axuda familiar diminúe. “Eu teño bastante axuda familiar, é o que me salva”, valora David.

A demanda de man de obra para un traballo tan estacional coma o da vendima aumenta na medida na que a axuda familiar diminúe  

Pero as familias van a menos. “Eu lembro que nas vendimas nos xuntabamos 15 ou 20 persoas para axudar. Pero agora moita desa xente é maior e dependes moito máis de empregados contratados. E aí estás vendido, porque non hai xente e a pouca que hai non quere traballar na vendima, que son 15-20 días. Non é coma antes, que tiñas aos estudantes ou alguén parado que che viña botar unha man. Pero hoxe a xente que está cobrando unha axuda non che vén porque ao contratalos perden a paga e ou ben están cobrando o paro, o Risga ou o ingreso mínimo vital”, razoa.

Dificultades orográficas

RECTORAL DE GUNDIVOS viñedo3En zonas como a Ribeira Sacra as dificultades para atopar persoal acrecéntanse polo despoboamento e a orografía complicada. “Para vendimar aínda podes atopar pero para carretar si que non atopas. Os carretos aquí é o máis complicado. Hai viñas que tes que ir 100 metros coas caixas. Hai outras que teñen o escalestric (sistema de carrís para subir as caixas polas ladeiras) pero outras non”, recoñece.

Para vendimar aínda podes atopar xente, pero para carretar si que non atopas

David ten case todo mencía. “Empecei fai dous anos a facer viño, pero aínda vendo o 80% da miña produción de uva a varias adegas da Denominación de Orixe porque prefiro ir abrindo mercado pouco a pouco para o meu viño”, conta.

Redución de marxes

Cos prezos de venda da uva estancados e a suba dos xornais e o custo da man de obra, ás marxes para os viticultores achícanse. “Eu vendo a varias adegas da DO. O godello está entre 1,6 e 2 euros o quilo, a mencía entre 1,2 e 1,4 euros e a garnacha entre 0,8 e 1 euro”, detalla.

O custo por vendimar sitúase entre 15 e 20 céntimos por quilo

En canto aos soldos que se pagan por traballos en vendima na zona, varía entre 60 e 80 euros por día por cortar racimos e entre 80 e 140 por carretar. A xornada de traballo sería de 8 horas. As cuadrillas que traballan por quilo cobran entre 10 e 20 céntimos por quilo apañado. “Sumados todos os gastos para o empregador de contratos, seguridade social e demais, o custo por vendimar sitúase entre os 15 e os 20 céntimos por quilo”, calcula David. 

Mecanización

A falta de dispoñibilidade de man de obra está impulsando a mecanización dos viñedos naqueles lugares onde é posible. As novas plantacións que se están a facer en zonas como Monterrei, por exemplo, están xa planificadas para a recollida mecanizada.

Pero aínda que poida paliar en parte o problema, tampouco o resolve de todo. “Na Mancha teñen mecanización, pero mesmo así teñen problemas para atopar condutores para as colleitadoras”, describe David.

O problema témolo máis os viticultores pequenos ou medianos; a min por dous días non me vén ninguén

Con todo, as adegas grandes teñen máis alternativas que os pequenos viticultores. “As bodegas non dan atopado tampouco porque a cousa está complicada para todos e as cuadrillas andan moi buscadas. A maioría son cuadrillas que veñen de fóra. Pero o problema témolo máis os viticultores pequenos ou medianos. Eu estou en 4 hectáreas e a min por 2 días non me vén ninguén”, asegura.     

Inspeccións e sancións que van dos 12.000 aos 20.000 euros por traballadores irregulares

Carlos Basalo, responsable de agricultura de Unións Agrarias, describe a mesma situación de falta de man de obra para a vendima, pero tamén advirte de que as persoas que se logren para traballar na vendima deben estar coas correspondentes altas na Seguridade Social, ou ben ser familiares directos.

Nos últimos anos, convertiuse nun risco ter traballando na viña a persoas sen contrato de traballo polas importantes sancións que se están impoñendo por estes casos nas vendimas.

“As sancións poden ser de 12.000, 16.000 ou mesmo 20.000 euros. Por unha persoa sen contratar poden ser 12.000 euros. A broma sae moi cara e ninguén se quere arriscar”, asegura.

“Nós nunca recomendamos levar xente sen contrato. Pode haber unha inspección ou un accidente e buscarche a ruína. Todos os anos en vendima hai unha campaña específica de vendima da inspección de Traballo, como a operación saída de Tráfico”, compara.

As multas por ter persoas sen contrato poden ir dos 12.000 aos 20.000 euros; a broma sae moi cara e ninguén se quere arriscar

“Moitas veces estas inspeccións fanse espectaculares porque van acompañados da Guardia Civil. O ano pasado había mesmo dúas inspeccións simultáneas, unha que miraba contratos e outra riscos laborais”, lembra.

Só familiares directos

“Antigamente a vendima era unha festa, viñan amigos e familiares. Antes a xente collía 2 días de vacacións e víñache axudar. Hoxe só podes tirar de contratados e familia directa que é o que di a lei”, detalla.

Antigamente a vendima era unha festa pero hoxe só podes tirar de contratados e familia directa, que é o que di a lei

“Agora os estudantes comezan antes a universidade, e iso tamén dificulta que poidan vir. Os pequenos produtores alongan un pouco máis a vendima, porque a vendima dun pequeno viticultor poden ser 2 ou 3 días e é moi difícil atopar xente para un período tan curto, é algo moi complicado”, recoñece.

Unha prestación poderíase suspender e logo retomala, pero moita xente non quere andar con eses trámites

En canto ás adegas grandes, acoden a empresas de temporeiros como solución. “En Valdeorras dáse moito iso. Son cuadrillas que veñen da fresa, por exemplo. Incluso non cobran por día senón por quilo recollido”, explica Carlos.

Vendimadoras nas novas plantacións

“O tema da man de obra é xeralizado. A única diferenza dunhas DO a outras pode estar nas novas plantacións fronte ás vellas. O problema pode se menor en Monterrei porque cada vez se fai máis traballo mecanizado. Aínda así sigue habendo problema porque hai pouca xente para contratar. En Ribeira Sacra e Rías Baixas a vendima é un traballo totalmente manual. Ribeiro comeza a meter algunha vendimadora pero é tamén bastante manual”, indica.

En Ribeira Sacra e Rías Baixas a vendima é un traballo totalmente manual

“Esta auga que está a caer estes días vaille ben á viña, pero en canto pare de chover hai que entrar a vendimar rapidamente para evitar problemas como a botrite. Necesitas moita xente en moi pouco período de tempo. Por iso a situación e o problema de falta de man de obra este ano quizais sexa aínda máis acuciante”, conclúe Carlos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información