“En AIRA imos polo bo camiño de darlle valor ao leite dos socios”

Entrevista a Daniel Ferreiro, director xeral da cooperativa AIRA. Falamos con el do proceso de integración cooperativa que acometeron, da evolución de Dairylac, da que destaca as súas boas expectativas que se abren para o próximo ano e de como está a ser percibido este proceso polos máis de 2.500 socios da cooperativa

“En AIRA imos polo bo camiño de darlle valor ao leite dos socios”

Daniel Ferreiro, director xeral da cooperativa AIRA na fábrica de pensos de Taboada

AIRA cumpre estes días case 9 meses da súa andaina oficial como cooperativa de primeiro grao, agrupando a un conxunto de cooperativas (Icos, Agris, Cogasar ou Coelplan) cuxos socios decidiron dar o paso de integrarse nunha soa entidade.

Hoxe en día esta cooperativa de primeiro grao, a máis grande de Galicia, agrupa a 2.537 socios, dos que teñen un volume de actividade significativo 2.100 e a algo máis de 1.200 explotacións de leite como actividade principal.

O seu director xeral é Daniel Ferreiro, xa coñecido previamente por moitos dos socios por dirixir dende os seus comezos a fábrica de pensos de AIRA en Taboada, un dos referentes do éxito do cooperativismo galego, e que como el mesmo recoñece, facilitou o proceso de integración posterior.

Falamos con Daniel Ferreiro daqueles aspectos que lle preocupan ao socio: dende como se está a valorizar o leite a través de Dayrilac, a planta de Melide na que AIRA posúe o 70% do accionariado, das previsións de prezos do penso ou de se se van incorporar novas cooperativas.

AIRA cumpre agora algo máis dun ano do proceso de integración. ¿Que balance fai destes primeiros pasos?
É certo que as asembleas das cooperativas integrantes aprobaron a integración o 30 de xuño do pasado ano, pero en realidade o proceso de confluencia oficialmente produciuse a partir do 1 de xaneiro deste ano, cando xa figuramos como unha soa sociedade. Polo tanto, levamos 8 meses e medio empuxando nunha realidade.

Estase producindo o proceso de integración en AIRA á velocidade que se prevía?
Houbo cousas que se resolveron mellor e máis rápido do que criamos. Son unha persoa moi esixente comigo mesmo e paréceme que quizás deberíamos ter feito máis cousas. Pero obxectivamente, a nivel societario fixemos as cousas ben, todos os servizos funcionan correctamente e, entre comillas, non rompemos nada. Dende o punto de vista de volume de actividade e económico medramos, e iso reflexa que as cousas ímolas facendo ben.

Dende o punto de vista de comunicación, tanto de presenza nos medios xerais, de novas redes sociais, como comunicación interna cos socios, estamos avanzando mais lentamente. Estivemos moi inmersos no traballo de confluencia, de xestión e de reordenación e non estivemos explicando aos socios todo o que estabamos a facer. Temos que seguir mellorando a comunicación interna e externa.

“Temos que seguir mellorando a comunicación interna e externa”

Foi un proceso de integración real, onde desapareceron as sociedades cooperativas que participaban en Aira e quedou unha soa. Sen lugar a dúbidas o primeiro ano é complicado, pero temos que ter en conta que partíamos de cooperativas, como Agris ou Icos, cun gran volume de negocio e de servizos, e moitos deles moi ben desenvolvidos. Neste proceso intentamos coller o mellor de cada unha delas e seguir mellorando, xuntámonos para facer mais cousas e mellor e creo que o estamos a conseguir.

Agora que estamos asentados, nesta última fase do ano imos facer cambios e empezaremos a avanzar na nosa liña estratéxica.

¿En que se concretarán eses cambios?
A nivel sobre todo de ferramentas que lle permitan aos socios recibir moita máis información de Aira, e incluso de interactuar. É unha maneira de ter esa relación directa que nos falta. Por exemplo, en temas de reprodución, de calidade do leite, de pensos..etc. Tamén implantaremos ferramentas informáticas que lle permitan aos socios facer os pedidos online, seguir o pedido, descargar as facturas dende o teléfono…etc. En definitiva, imos mellorar a comunicación co socio e a calidade de todos os servizos de Aira.

Por outra parte, estamos avanzando na redución de custes, un dos máis importantes é a factura da electricidade e para iso estamos instalando placas fotovoltaicas na planta de produción de Taboada.

Ademais, imos revisar e implementar antes de final de ano os programas de campo, de mellora da calidade do leite, reprodución e xestión. É estratéxico para o futuro das explotacións socias de Aira que estas poidan estar en condicións de acadar e acreditar os niveis máis altos de trazabilidade e calidade do leite que o mercado vaia demandando, e que esa maior valorización se poida repercutir nun maior precio.

“Imos avanzar en certificación das ganderías de vacún de leite de AIRA para que responder de xeito rápido e seguro ao que nos pida o mercado”

Para iso imos facer unha completa avaliación das distintas explotacións socias de Aira, de forma que haberá granxas que están xa en condicións de acadar e acreditar algún dos diferentes modelos de calidade do leite e noutras haberá que facer un traballo previo. Para iso imos apoiar ao socio dende Aira dende o punto de vista técnico e de servizos. Temos o 54% do noso persoal traballando a pé de campo e temos que ser capaces de ofrecer un completo servizo aos socios.

Estes procesos de integración cooperativa poden resultar problemáticos, sobre todo cando implican reestruturación de postos de traballo, de responsabilidades e mesmo peche de centros de produción. ¿Superáronse estes atrancos no caso da integración de AIRA?
Todo estaba xa previsto e no proxecto previo contemplábase o mantemento dos 230 postos de traballo tanto dende o punto de vista xeográfico como de funcións, como así foi, salvo algunhas excepcións, unhas 15 persoas, que se moveron xeográficamente. Mantivéronse tamén os 15 centros de traballo previo, e non hai previsión de pechar ningún. Agora estamos en proceso de elaboración dun convenio para todo o persoal de Aira.

Hai que salientar que foi moi importante que xa fixéramos unha integración previa das fábricas de pensos en Aira. Nestes meses fixemos tamén un gran traballo interno previo a nivel de xestión, centralizando os procesos a nivel informático e traballando de forma coordinada, algo que é posible grazas ás novas tecnoloxías. A estratexia de Aira é ir facendo as cousas ben, conforme a un plan estratéxico e sen precipitarnos.

¿Sorprendeuvos que a cooperativa Leira se descolgara do proxecto de Aira e a súa asemblea de socios votara por non integrarse?
O feito de incorporarse o proceso na fase final da súa elaboración probablemente non permitiu explicar ben o mesmo e isto puido ser decisivo na decisión dos socios da cooperativa Leira.

Non vexo ningunha incompatibilidade, pero é unha decisión de Leira. Seguimos abertos á integración en Aira doutras cooperativas, tanto da provincia de Lugo como de toda Galicia, coas que podemos ter sinerxias e sexamos compatibles.

 “Seguimos abertos a estudar a integración de novas cooperativas en AIRA, tanto da provincia de Lugo como do resto de Galicia”

¿Cales son os vosos obxectivos para este 2018 en canto a facturación?
Fixemos un plan de negocio para 2017, 2018 e 2019. No 2017 xa traballábamos nun proxecto común e planteábamos medrar entre un 3 e un 3,5% anual en facturación; é dicir, un 10% en total nestes tres anos.

Os datos de 2017 foron dun volume de negocio de 98 millóns e de euros e o obxectivo era chegar aos 100 millóns en 2019. A realidade é que pulverizamos os obxectivos que nos marcáramos no plan de negocio: no 2017 medramos por riba do 5% e este ano estamos a medrar por riba do 6%.

“A facturación de AIRA medrará este ano un 6%, o dobre do previsto, e investiremos 4 millóns de euros”

Todas as áreas aumentaron o nivel de actividade e o volume de facturación. As previsións de investimentos para cada un destes anos eran de 2,5 millóns de euros, pero a realidade é que neste 2018 investimos 4 millóns de euros, grazas a ese mellor comportamento do volume de facturación. Este ano chegaremos aos 105 millóns de euros de facturación.

En que se van concretar os 4 millóns de euros de investimentos deste ano?
1,2 millóns investíronse en maquinaria, tanto no que é parque de maquinaria propio como carros mesturadores, con 3 carros máis que incorporamos. É un proceso normal e necesario de mellora e renovación do parque para manter os niveis de calidade e eficiencia.

Ademais, destinamos recursos a unha mellora da fábrica de pensos, tanto na planta de Taboada como na de Sarria, e adecuación das oficinas de Taboada. Tamén destinamos 1,5 millóns de euros a ampliación de capital en Dayrilac, realizamos melloras nas tendas Mercarural. E a iso temos que sumar a recompra dos activos das cooperativas que decidiron non se integrar en AIRA. Isto sitúanos nos 4 millóns e algo de euros en investimentos neste ano.

Como medrou a facturación nas distintas áreas?
En xeral aumentou en todas, e a fabricación de pensos é unha das que máis medra e mesmo se reforza e este ano medrará en torno ao 7%. Elaboramos penso tanto para os nosos socios como para cooperativas socias e para outros clientes, e estamos a falar dun volume de negocio duns 40 millóns de euros. É o capítulo máis importante por volume de facturación, seguido moi de preto pola comercialización de leite e uns 30 millóns virían polos servizos de maquinaria, veterinaria, gasolineiras, seguros, tendas agrarias…etc.

Unha pregunta que faría calquera socio é como vai estar o prezo do penso nos próximos meses?
Levábamos sen modificar o prezo do penso dende o 2015, modificouse un pouco á alza este ano e a intención é non tocalo nos próximos meses, ata finais de ano seguro. E se as circunstancias do mercado de cereais non empeoran, é moi probable que Aira non tocará o prezo do penso no primeiro trimestre e mesmo no primeiro semestre de 2019. Máis alá é moi difícil facer previsións. Este ano a suba do penso a principios de abril foi dunha media de entre 3 e 4 euros por tonelada.

 “É moi probable que o prezo do penso se manteña estable ata marzo e incluso ata mediados de 2019”

¿Canto leite recolle AIRA dos seus gandeiros e como o comercializa?
As 1.200 ganderías profesionais de Aira producen uns 330 millóns de litros. Neste sentido, Aira rematará este ano recolléndolles e comercializando uns 100 millóns de litros. Desa parte transformamos a través de Clesa e Dayrilac, as empresas nas que participamos, aproximadamente o 50%, sobre todo en Dayrilac, onde transformamos arredor do 45% dese leite que recollemos. A este respecto, quédanos moito campo de traballo, tanto no aspecto de produción, como de segmentación da produción, e moito do noso esforzo nos próximos meses vaise centrar niso.

En Dayrilac somos o accionista maioritario, xa que Aira conta co 70% do accionariado. Os socios de Aira fixeron un gran esforzo inversor e estanse cumprindo os obxectivos e os tempos que nos marcamos para a planta de Melide.

Así, este ano temos previsto rematar transformando alí uns 50 millóns de litros dos nosos socios, o que supón un incremento moi notable respecto ao ano 2017. Temos que ter en conta que no 2016 Dairylac transformou 22 millóns e este ano imos rematar con 50 millóns de litros, soamente coa parte industrial que compramos xa feita.

“Estamos mellorando vía prezos na transformación en Dairylac e iso trasladámolo ao gandeiro socio”

Sen embargo, na medida que se activen produtivamente os investimentos que estamos facendo na planta de Melide modificarase a nosa posición a nivel de comercialización, tanto en volume como en reparto.

Como se está traducir este esforzo de AIRA en industrializar o leite no prezo que reciben?
A nosa situación de prezos ven marcada nunha parte moi importante polo tipo de transformación industrial que estamos a facer e polos prezos dos produtos industriais que elaboramos.

Neste sentido, na primeira parte do ano os prezos solen ir a peor que no segundo semestre, cando sole baixar a produción, os prezos de mercado melloran. A pesar do importante esforzo inversor que se está a facer, estamos trasladando aos socios toda a mellora de prezos que a mellora dos prezos da transformación nos permite.

Pero melloramos os prezos xa en xullo, mellorámolos en agosto e teño o convencemento de que tamén o subiremos en setembro.

“A torre de secado de Dairylac empezará a traballar no primeiro semestre do próximo ano e suporá un cambio diametral en canto ao valor do que elaboramos e en canto a volume”

Daniel Ferreiro en la fábrica de piensos de AIRA en Taboada

Daniel Ferreiro na fábrica de piensos de AIRA en Taboada

Como vai a posta en marcha da torre de secado que construíu Dairylac?
Está en fase de probas de funcionamento e en semanas xa estaremos en probas con leite. É un proceso complexo, que require un tempo para que os produtos sexan da calidade requirida polo mercado, pero seguimos os tempos que prevíamos no plan de negocio. Investíronse nesa torre 17,5 millóns de euros.

No primeiro semestre de 2019 debería estar xa en funcionamento para elaborar componentes para a alimentación infantil, logradas xa todas as certificacións. Vai supor un cambio diametral para Aira tanto en volume de leite que transformamos como, sobre todo, en canto a valor dos produtos que elaboramos, e iso vaise trasladar ao gandeiro socio. É dicir, non é o mesmo facer nata e leite desnatado, como estamos a facer agora, onde a marxe de valor é menor, que elaborar componentes para alimentación infantil, onde penso que imos ser os primeiros en España en producilos.

As perspectivas de Dairylac, onde os socios de AIRA entraron como accionistas en decembro de 2016, son moi positivas neste sentido, con posibilidades de exportación ao mercado internacional.

En todo caso, imos seguir medrando en canto á elaboración de nata e de leite desnatado, tamén en leite pasteurizado, onde vemos que a nosa marca Deleitar medra mes a mes, pero tendo en conta que seguen sendo cantidades modestas.

E en breve engadiremos algunha referencia máis de produtos elaborados por Dairylac. En todo caso, temos que centrar os esforzos nos produtos que aportan valor, como queixos, onde seguiremos mellorando a nosa marca Tres Viajeros.

“As expectativas que se abren para o sector lácteo de Galicia son moi prometedoras, sobre todo de cara á exportación de derivados lácteos de maior valor engadido”

Rematará Dairylac este ano con resultados positivos?
Temos que ter en conta que estamos nun plan inversor que lastra lóxicamente os resultados, e por exemplo a fase de probas da torre de secado vai supor tamén un esforzo económico.

Non momento no que estamos non o sei, temos por diante unha posta en marcha que pode facer variar os resultados significativamente. O que é seguro seguro é que van ser mellores dos previsto no plan de negocio de Dairylac, como tamén foron os do 2017.

Algunhas cooperativas en Galicia diversificaron nos últimos anos a súa actividade cara a apertura de gasolineiras, áreas comerciais. ¿Non se está desvirtuando o fin destas entidades, de darlle valor engadido ao leite e á carne?
Eu sei que moitos socios fan esa reflexión. Pero insisto, o obxectivo principal dunha cooperativa, e neste caso de Aira, é xerar valor para os socios. E para iso temos que facer sostible economicamente o conxunto de actividades e servizos, para poder liberar recursos para comercializar e transformar o leite. A maioría dos socios entende esta estratexia. E as gasolineiras e outras actividades complementarias aportan beneficios, recursos para investir na parte de industrialización e de xerar valor para os socios.

¿Preocúpavos en Aira a falta de relevo xeracional no sector? ¿Tedes algunha iniciativa prevista neste sentido?
Nesas 1.200 explotacións de leite socias de Aira a gran maioría teñen vocación de permanencia. De todos xeitos, antes ou despois chegará o relevo xeracional e si que temos reflexionado, sen concluír, sobre as posibilidades de que a propia cooperativa xestione explotacións que non teñen relevo e que son viables. Creo que antes ou despois terminará sucedendo.

Xa estamos arrendando fincas e xestionándoas directamente para produción e tamén temos unha planta de mestura húmida en Sarria na que xestionamos a forraxe para 40 explotacións. O que non demos o paso é á posibilidade de coller fincas ou explotacións que vaian quedando sen sucesión, entre outras cousas porque na maior parte dos casos de momento esa superficie e eses animais pasan a ser xestionados por granxas cercanas, e non creo que Aira deba entrar nesa competencia por arrendar superficie e xestionar explotacións.

O último proceso de concentración cooperativa en Galicia rematou con dúas grandes, AIRA e CLUN, e outras quedaron de momento sen integrarse como Cobideza, Cusoviame, Xallas ou Leira. ¿Queda aínda moito por facer para unha integración das cooperativas galegas ou a partir de agora primarán outras dinámicas de integración supraautonómica?
Para ser procesos de integración que non obedecen a un plan estratéxico deseñado para Galicia o proceso creo que foi bastante ben. Seguramente que seguirá avanzando a integración cooperativa, aínda que non sei como serán os tempos. O que si creo é que no marco de Clun e de Aira seguirá habendo integracións. En Aira fixemos un traballo moi intenso e en silencio de integración a nivel de xestión e iso está a facilitar moito agora as cousas de cara a non só manter, senón mellorar a calidade dos servizos que lle ofertamos aos socios.

“Para non ter un plan estratéxico para o sector lácteo galego, o proceso de integración das cooperativas creo que foi bastante ben”

E polo camiño creo que habería procesos que facilitarán unha integración rexional e incluso a nivel suprautonómico. Alomenos daranse pasos en áreas concretas para entenderse, para coincidir, e eses elementos facilitarán un proceso de integración maior entre as cooperativas actuais. O que non creo é que haxa que forzar este proceso.

Delagro pode ser o exemplo de cooperación entre as cooperativas…
Delagro é un bo exemplo de confluencia nun marco común: planta de fabricación de abonos, central de compras, centro loxístico…etc. Iso facilita o proceso de integración cooperativa.

Un exemplo tamén foi AIRA, onde o feito de que no seu momento decidira facer unha fábrica de pensos en común, facilitou o proceso que se deu o ano pasado. Seguramente estes procesos poderían ir máis rápido, pero as bases están postas.

¿Que mensaxe che gustaría enviar aos socios?
Seguimos necesitando que os socios sexan capaces de visualizar os proxecto nos que estamos inmersos e que manteñan o sentido de ver un pouco máis alá do inmediato, porque darlle máis valor ao leite e ao resto de producións do socios non se resolve en 6 meses nin nun ano, pero o que é seguro é que estamos na dirección correcta. O principal obxectivo de Aira é aportarlle valor ao que producen os socios.

¿Como ves a situación actual do sector lácteo galego?
Creo que cos proxectos industriais que están en marcha estamos en moita mellor posición da que estábamos hai 5 anos e as expectativas que se abren son moi prometedoras, sobre todo de cara á exportación de derivados lácteos de maior valor engadido. E lóxicamente, esa maior industrialización do leite en Galicia deberá abrirlle aos gandeiros mellores posibilidades tanto en cuestión de prezos como de volume de produción.

E na parte dos gandeiros, creo que cada vez iremos avanzando nunhas maiores esixencias de calidade do leite, vinculado a estes proxectos industriais, e nunha maior segmentación do leite que se produce.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información