En 2019 aumentou un 150% a avicultura de carne en ecolóxico e un 60% en porcino

En 2019 aumentou un 150% a avicultura de carne en ecolóxico e un 60% en porcino

Polos en ecolóxico en Traloagro (Friol)

A superficie dedicada á produción ecolóxica en España situouse en 2.355.000 hectáreas en 2019, o 4,8 % máis fronte ao ano anterior, segundo o avance de datos provisionais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. En relación ao total de Superficie Agraria Útil (SAU) de España (ESYRCE 2019), a extensión eco xa supón o 9,3 %.

As estatísticas confirman a tendencia de crecemento sostido e a consolidación da produción ecolóxica española, cun incremento anual medio da superficie total bio do 7,5 % no últimos cinco anos. España mantense como o primeiro produtor da Unión Europea por superficie e cuarto do mundo.

Segundo os datos, a metade das case 2,4 millóns de hectáreas destínase a pastos permanentes (+5,6 %), unha cuarta parte a cultivos de terras arables (+1,5 %) e a outra cuarta parte a cultivos permanentes (+6 %).

Aumenta o número de operadores ecolóxicos

Respecto dos operadores, o seu número total incrementouse o 6,4 % até os 47.108 e medra, ademais, en todas as categorías: produtores primarios (+5,9 %), establecementos industriais (+13 %) e comercializadores (+24,8 %), entre os que destacan os comerciantes polo miúdo cunha subida do 37 %.

As estatísticas pon de relevo o maior incremento do número de operadores nas fases posteriores da cadea alimentaria, debido a unha maior demanda.

A tendencia do crecemento medio anual nos últimos 5 anos foi de 7,4 % en agricultores e gandeiros, 14 % en industrias e 27 % en comercializadores de produtos ecolóxicos

En produción vexetal destaca o aumento de hectáreas dedicadas a  tubérculos (+13 %), legumes (+4,2 %); froiteiras (+9 %), bananeiras (+25 %), cítricos (+19 %) e baias (+10 %). Sobe tamén a superficie de viñedo (+7 %) e de oliveiral (+4,6 %). Soamente diminúen as forraxes un 3,5% e mantense a extensión dedicada a hortalizas e froitos secos.

Aumenta un 150% o número de aves de carne bio e un 60% a cabana porcina

En canto a produción animal, diminúe levemente o número de explotacións de animais eco até as 7.803 gandeiras e 61 acuícolas (-1 % respecto ano anterior).

Os datos apuntan a que houbo unha diminución das granxas dedicadas a carne de ovino (-5,6 %) e caprino (-7 %) e un aumento en bovino de leite (+15 %), pitos (+14 %), leite de ovino (+9 %) e porcino (+4 %). Con todo, o número de cabezas de gando aumentou en porcino (+60 %), ovino, caprino e bovino de leite (+7 %, +11 % e +18 %, respectivamente) e en aves de curral de carne (+150 %) e de posta (+32 %).

A acuicultura bio, con 61 explotacións, foi outro subsector que mantivo a súa produción, ao superar as 6.340 toneladas, onde destacan os mexillóns con 34 explotacións e case 3.000 toneladas.

O número de establecementos eco rexistrados subiu o 8,5 % até os 9.635, dos que 8.275 están relacionadas coa produción vexetal, entre elas as máis numerosas foron as de manipulación e conservación de froitas e hortalizas, así como as de elaboración de bebidas; e outros 1.360 relacionadas coa produción animal, onde destaca a industria cárnica e láctea.

Descarga aquí o informe sobre a agricultura e gandaría ecolóxica en España en 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información