Empresas galardonadas nos Premios Galicia Alimentación 2026

Paco & Lola, Ouro de Quiroga, Sacrapastas, Los Peperetes, Larsa, Airas Moniz, Lugar da Veiga, Conxemar e Granja Campomayor fanse cos Premios Galicia Alimentación. Clusaga entregou, ademais, un Premio Honorífico a Higinio Mougán por contribuír ao desenvolvemento do cooperativismo galego.

FOTO CLUSAGA- Premios Galicia Alimentacion 1A innovación, a sostibilidade e a excelencia no sector da alimentación e as bebidas volveron ser recoñecidas polo Clúster Alimentario de Galicia a través dos Premios Galicia Alimentación. Na duodécima edición resultaron galardoadas nove entidades: Paco & Lola, Ouro de Quiroga, Sacrapastas, Los Peperetes, Larsa, Airas Moniz, Lugar da Veiga, Conxemar e Granja Campomayor. A isto hai que sumar, ademais, a concesión dun Premio Honorífico que Clusaga outorgou a Higinio Mougán por ter contribuído ao desenvolvemento do cooperativismo agroalimentario galego.

 

A entrega destes recoñecementos foi o broche de ouro do Foro Galicia Alimentación, unha cita anual na que Clusaga reuniu a numerosos expertos e profesionais que analizaron os distintos retos da cadea de valor alimentaria no contexto global actual. Nesta convocatoria, o Clúster Alimentario de Galicia quixo lembrar, ademais, a algúns dos referentes que contribuíron ao crecemento exponencial do ámbito e que faleceron recentemente: o fundador de Torre de Núñez, Manuel Núñez Aldegunde; o impulsor de Vinagres do Ribeiro, Xoán Pablo Lorenzo; e o empresario Severino Escurís Batalla, quen contribuíu á expansión do grupo Escurís.

A mellor garantía do sector

Durante a súa intervención, o presidente de Clusaga, Andrés Rodríguez Gómez, felicitou ás compañías galardoadas, ás que definiu como “o presente e a mellor das garantías para este sector”. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, foi a encargada de pechar o acto. Á cita asistiron tamén a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, o director xeral de Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón Sánchez-Brunete, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez.

Un ano máis, o Clúster volveu rexistrar un éxito no número de candidaturas, superando as 100 propostas. Tras a deliberación do xurado, a relación de galardoados é a que, a continuación, se indica:

 

  1. Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Con este galardón salientouse a calidade diferenciada e o emprego de materias primas locais nos distintos produtos. Como novidade con respecto a outras edicións, dividiuse en tres subcategorías:

    1. Excelencia Líquida: o galardón foi para Paco & Loca Prime 2021 ao considerar o xurado que este proxecto representa a máxima excelencia desta adega, un viño albariño 100% do Val do Salnés con 24 meses de crianza sobre lías finas en tres tipos de depósitos (aceiro, foudre e ovo de granito).

    1. Excelencia Terra. Foi concedido ex-aequo a dúas compañías:
  • Ouro de Quiroga polo seu AOVE Autóctono Mansa e Brava, un aceite de primeira calidade e obtido a partir de oliveiras centenarias recuperadas de plantacións abandonadas.

  • Sacrapastas polas súas Galletas de Xián, un doce inspirado na arte románica e na mitoloxía local das Xacias e que está elaborado a partir dun proceso artesanal de prensado manual individual.

    1. Excelencia Atlántica: outorgado á Ventresca de Bonito en Manteiga de Airas Moniz de Los Peperetes. É o resultado dunha alianza entre a conserveira de Carril e Airas Moniz, unindo a ventresca de bonito fresco, cunha manteiga de leite cru de vacas Jersey.

  1. Premio Galicia Alimentación á Proxección e Estratexia de Mercado, un recoñecemento ao esforzo de empresas do sector por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Tendo isto en consideración, resultou gañador:

  • Larsa (CAPSA) pola estratexia executada entre 2024 e 2025, centrada en reafirmar o seu liderado como patrimonio emocional de Galicia e na súa férrea defensa do modelo de Pastoreo.

  1. Premio Galicia Alimentación á Iniciativa Sustentable, un galardón para pór en valor as iniciativas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, economía circular e redución da pegada hídrica e/ou de carbono. Entregáronse dous galardóns ex-aequo:

  • Airas Moniz, por elaborar queixos a base de leite cru exclusivamente, evitando procesos térmicos que alteren a materia prima e sen aditivos. A compañía aposta, ademais, pola economía circular cun packaging biodegradable.

  • Lugar da Veiga, recoñecida por poñer no centro ás persoas e ao territorio. A

iniciativa aplica un sistema de produción de Galletas Mariñeiras sostible e certificado priorizando as materias primas de proximidade.

  1. Premio Galicia Alimentación á Iniciativa Innovadora. Un recoñecemento ás institucións que destacan polos seus proxectos de dixitalización (Fábrica 4.0) ou por ter implantado modelos de negocio disruptivos baseados no emprendemento. Resultou gañadora:

  • Conxemar Lab, unha aula educativa e interactiva do mar da que o xurado destacou a súa capacidade de achegar a cadea de valor do mar aos máis pequenos e pequenas.

  1. Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Neste caso buscouse premiar aos produtos que destacaran pola innovación (en canto a ingredientes, formulacións, novos formatos de packaging) ou que despuntasen por poñer o foco na relación entre nutrición e saúde. Nesta categoría venceu:

  • Granja Campomayor, polo seu Ovo Casca Pasteurizado de Seguridade Avanzada. Como salientou o xurado, esta solución aplica un desenvolvemento tecnolóxico disruptivo de control térmico que elimina os riscos microbiolóxicos inherentes ao ovo fresco sen alterar a súa natureza organiza.

  1. Premio Honorífico a Higinio Mougán Bouzón. O tribunal da duodécima edición outorgou o galardón a Higinio Mougán Bouzón (Vedra, 1959) por contribuír ao fortalecemento do cooperativismo agroalimentario. Durante a súa carreira profesional, o homenaxeado foi figura clave na modernización e fortalecemento do cooperativismo agroalimentario en Galicia.

Foro Galicia Alimentación

Antes da entrega de premios celebrouse o Foro Galicia Alimentación 2026 baixo o título Baixo o título Alimentar o futuro: competitividade, sustentabilidade e soberanía nun mundo incerto, a través do cal varios expertos abordaron estas cuestións. A xornada incluíu dous relatorios e dúas mesas redondas. A primeira conferencia foi Política industrial e estratexia para o sector alimentario en Galicia e correu a cargo do secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez Iglesias. Por outra banda, a segunda (Un mundo en transformación: claves xeopolíticas, económicas e sociais para o futuro) estivo impartida pola investigadora sénior do Real Instituto Elcano, Mira Milosevich-Juaristi.

A primeira mesa redonda foi Soberanía alimentaria nun mundo incerto: innovación e sustentabilidade como pancas e nela interviñeron: o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e presidente de ConsumES, Miguel López Crespo; o presidente de Mercasa, José Manuel Miñones e o presidente do Digital Innovation Hub Industrial de Galicia (DIHGIGAL), Francisco Yáñez Brea. A segunda (Competitividade e escala na cadea alimentaria global: creación de valor en contornas complexas) contou coa participación da presidenta de Grupo Campomayor, María Caridad García Busto; o CEO de Nauterra, Mané Calvo García-Benavides, e o director de Cooperativas Agro-alimentarias de España, Gabriel Trenzado Falcón. Os debates estiveron moderados pola subcoordinadora de Somos Agro (La Voz de Galicia), Maruxa Alfonso Laya.

Cóctel de Alimentos e Bebidas de Galicia

Ao remate do Foro e os Premios Galicia Alimentación realizouse un cóctel no que o público asistente tivo a ocasión de degustar algúns dos produtos que se presentaron aos galardóns de Clusaga, así como de entidades socias do Clúster.

A cita desenvolverase co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio de Caixa Rural Galega, Gadisa, Vegalsa Eroski, Palacio del Carmen, Manega, Salimat Abanca e Estrella Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información