Empresas de Portugal e Angola buscan a colaboración da Aula de Produtos Lácteos do Campus Terra USC

Representantes da empresa galega PSVet, Jerónimo Martins, de Portugal, e Agro Amboim, de Angola, visitan as instalacións da plataforma tecnóloxica luguesa na procura de colaboracións para transformar e desenvolver novos produtos de base láctea que acheguen valor engadido e permitan diversificar a actividade empresarial

Empresas de Portugal e Angola buscan a colaboración da Aula de Produtos Lácteos do Campus Terra USC

Foto: USC

Unha delegación empresarial integrada por representantes da firma galega PSV, a portuguesa Jerónimo Martins e da angoleña Agro Amboim visitaron este xoves as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC de Lugo.

A visita tivo o dobre obxectivo de coñecer novas tecnoloxías implicadas nos procesos de transformación e desenvolvemento de novos produtos de base láctea, e de estudar posibles colaboracións para implementar estes procedementos nos seus respectivos países de orixe.

Os técnicos da APLTA Luís Aldeanueva e Laura Abuín acompañaron aos empresarios durante a visita polas instalacións da planta piloto, ao tempo que explicaron ás tres empresas cales son as principais tecnoloxías implicadas nos procesos de transformación do leite para avanzar na elaboración de diversos produtos lácteos de valor engadido que poden resultar de interese para os proxectos de crecemento e expansión empresarial destas firmas de Portugal e Angola.

Unha vez completado percorrido polas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentairas da USC e logo de coñecer as múltiples posibilidades que ofrece a produtores e empresas esta plataforma tecnolóxica do Campus Terra, os representantes da angoleña Agro Amboim, Carlos Pinheiro e Antonio Miguel Frederico, manifestaron o seu interese en establecer colaboracións coa APLTA. As pretensións destes empresarios pasan polo feito de que as sú empresa poida realizar ensaios de varios produtos na planta piloto do campus lugués, ademais de que reciba asesoramento técnico e científico respecto do escalado dos procesos para a posible elaboración de iougres, batidos, queixos…

A empresa angoleña Agro Amboim posúe na actualidade unhas 1.000 cabezas de gando vacún e dedícase ao envasado e comercialización de leite pasteurizado como actividade única.

Agro Amboim atópase en pleno proceso de transformación e está a ampliar as súas liñas de negocio mediante a elaboración de produtos de base láctea, tales como iogures ou queixos. Nesta nova fase de expansión, a empresa angolana conta xa co asesoramento da consultora galega PSVet, cuxo director xeral, Iván Cid, tamén participou  na visita ás instalacións da APLTA, así como do grupo empresarial luso Jerónimo Martins, representado por Jose Guimaraes. A empresa angoleña, segundo manifestaron os seus fundadores, pretende agora incorporar a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentairas do Campus Terra da USC ao seu abano de colaboradores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información