Empresarios de Confemadera Galicia visitan industrias da madeira e da celulosa de Brasil

A patronal galega do sector quere así coñecer as tendencias do mercado e as condicións de traballo no segundo produtor forestal do mundo

Empresarios de Confemadera Galicia visitan industrias da madeira e da celulosa de Brasil

Empresarios galegos da madeira de visita en Brasil.

Empresarios da madeira de Galicia atópanse en Brasil para coñecer de primeira man o sector forestal brasileiro, desde o monte á industria. As empresas galegas están a visitar viveiros, plantacións forestais e empresas de referencia a nivel mundial, nunha viaxe que se iniciou a pasada semana e que durará ata o 23 de outubro. Esta iniciativa de intercambio de coñecemento foi organizada por Confemadera Galicia, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago e coa Plataforma Empresarial de Galicia en Brasil.

Brasil, o segundo país do mundo con maior superficie forestal despois de Rusia, conta con 463,2 millóns de hectáreas (o 54,4% do seu territorio) de masa forestal, dos que 456,1 millóns de hectáreas son masa forestal autóctona e 7,1 millóns de hectáreas de masa forestal de plantacións. A industria forestal brasileira caracterízase pola integración vertical das súas empresas, desde as plantacións ata o produto acabado, actuando desde a produción ata o comercio.

Os empresarios galegos están a visitar tres rexións diferentes: São Paulo, unha das principais zonas produtoras de celulosa, onde tamén se sitúa unha importante industria do aserrío, carpintería e madeira laminada; Matto Grosso, centro de produción das principais empresas de celulosa a nivel mundial; e Paraná, estado forestal por excelencia cun innovador centro público de desenvolvemento e investigación forestal.

O sector manterá tamén diversos encontros institucionais con representantes dos gobernos rexionais, organizacións de produtores e asociacións empresariais de apoio ao desenvolvemento de pequenas e medianas empresas.

“O obxectivo é coñecer as tendencias do mercado da madeira e as condicións nas que desenvolven o seu traballo as empresas líderes nos subsectores da pasta, a madeira técnica, o aserrío e a carpintería”, apuntou Ana Oróns, secretaria xeral de Confemadera Galicia.

Este é a segunda viaxe que a patronal da madeira en Galicia desenvolve este ano co obxectivo de que os empresarios poidan acceder ao ‘know how’ de países punteiros no sector, como Alemaña e Brasil. Confemadera Galicia integra ás principais asociacións galegas de empresas da madeira e do moble.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información