A empresa lucense Agroamb converteuse na primeira firma española en patrocinar servizos ecosistémicos co seu apoio ao proxecto de conservación que se leva a cabo na Devesa da Rogueira, en Folgoso do Courel.Este bosque foi o primeiro en España e o segundo en Europa en lograr a certificación FSC en servizos ecosistémicos, unha iniciativa da comunidade de montes veciñais de Rogueira e Cabana conxuntamente coa consultora Enxeñería Forestal Asefor.
Este tipo de acreditacións emitidas por FSC poñen en valor os beneficios que un ecosistema achega á sociedade e que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida das persoas. No caso da Devesa da Rogueira, pon en especial valor á achega desta xoia ambiental á preservación da biodiversidade.
O acordo é unha grande oportunidade para protexer o patrimonio natural do Courel, dando relevancia ao labor dos comuneiros
Este acordo é, en palabras do CEO da compañía lucense Agroamb, Severiano Ónega, “unha excelente oportunidade para protexer o patrimonio natural da nosa contorna, dando relevancia, ademais, ao labor dos comuneiros, que souberon xestionar estes marabillosos montes durante toda a súa vida sen provocar alteracións no ecosistema”.
O convenio supón igualmente un reforzo do compromiso que Agroamb afirma ter co desenvolvemento sustentable do rural galego e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, iniciativa de Nacións Unidade de cuxo Pacto Mundial é asinante, ademais de vogal do Comité Executivo da Rede Española, a empresa con sede en Castro de Rei.
Este proxecto axudará a fixar poboación no Courel, unha zona especialmente afectada polo éxodo rural
Respecto diso, Ónega subliña a “satisfacción que nos produce apoiar proxectos que axudan a fixar poboación en zonas como O Courel, que sufriron o éxodo rural no pasado, e a alcanzar as metas dos ODS 13 (acción polo clima), 15 (vida de ecosistemas terrestres) e 17 (alianzas para lograr os obxectivos), entre outros”, sostén o responsable da primeira patrocinadora de servizos ecosistémicos.
Un bosque con ADN 100% galego
A Devesa da Rogueira é, sen dúbida, o paradigma máis puro do que sería un bosque atlántico autóctono galego. Este espazo natural, situado no Courel, alberga varios centenares de especies animais e vexetais nos seus algo máis de 400 hectáreas de extensión. Nel identificáronse 21 tipos diferentes de formacións boscosas. Estas cifras converten este enclave nun dos lugares con maior biodiversidade de toda a península.
Para que a variedade deste bosque atlántico permanecera practicamente inalterada foron fundamentais os labores de xestión dos propietarios da comunidade de montes Rogueira e Cabana, que na parte baixa do monte traballan algo máis de 14 hectáreas con gando extensivo.
A riqueza deste espazo da Rede Natura 2000 en exemplares de especies como bidueiros, teixos, faias, serbais, aveleiras, rebolos, castiñeiros ou orquídeas, valéronlle tamén para recibir por parte da Xunta de Galicia a desginación como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.
O bosque ao servizo da xente
Tal vez moitas persoas non sexan capaces de ver a primeira vista o resultado tanxible dos servizos que os ecosistemas achegan ao planeta. A eses beneficios, que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida de todos e todas, denomínaselles servizos ecosistémicos.
As cinco dimensións do benestar humano (materiais básicos, boas relacións sociais, liberdade de acción, saúde e seguridade) dependen, de forma directa e indirecta, do tres tipos de servizos que son proporcionados polos ecosistemas e a súa biodiversidade:
- Servizos de abastecemento. Aquelas contribucións directas ao benestar humano provenientes da estrutura dos ecosistemas. Forman parte deste tipo de servizos a alimentación, a auga doce, os materiais de orixe biótico (madeira, celulosa, fibra téxtil, etc.), os materiais de orixe geótico (sal mariño ou continental), as enerxías renovables, os medicamentos naturais ou os principios activos.
- Servizos de regulación. Aquelas contribucións indirectas ao benestar humano provintes do funcionamento dos ecosistemas como poden ser a regulación climática, regulación da calidade de aire, regulación hídrica e depuración da auga, control da erosión e fertilidade do chan, regulación de perturbacións naturais, control biolóxico e polinización de cultivos, entre outros.
- Servizos culturais. Aquelas contribucións intanxibles que a poboación obtén a través da súa experiencia directa cos ecosistemas e a súa biodiversidade. Son exemplos diso o coñecemento científico, o coñecemento ecolóxico local, a identidade cultural e sentido de pertenza, o goce espiritual e relixioso, o goce estético das paisaxes, as actividades recreativas e de ecoturismo ou a educación ambiental.
Con este acordo de patrocinio, pioneiro en España, “Agroamb busca tamén concienciar a todos os actores da súa contorna da importancia de coidar o capital natural e preservar a biodiversidade. Unha preocupación inherente á súa filosofía e á que ha ir realizando diferentes achegas, como pode ser o emprego de sementes autóctonas recuperadas polo Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo, como a do Trigo Caaveiro, das que hoxe en día cultiva máis de 50 hectáreas”, explican desde a organización.
A importancia de coidar ese patrimonio é clave porque é a base do benestar humano.
A necesidade é planetaria, pero tamén se pode trasladar á realidade máis próxima. Preservar os ecosistemas españois axuda a reducir a vulnerabilidade a perturbacións naturais externas como incendios, pragas ou enfermidades emerxentes e tamén potencia a independencia antes as crises dos mercados internacionais.
Sobre Agroamb Prodalt
Agroamb Prodalt está especializada na valorización de residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola e confórmase a través dunha estrutura empresarial que permite pechar o ciclo da produción agrícola, a prestación de servizos agrícolas e de transporte, co engadido da valorización de restos orgánicos biodegradables como fertilizante de uso agrícola.
Este grupo, que ten no seu ADN a consideración de iniciativa de emprego local, dá traballo a preto de medio centenar de persoas da súa contorna, ás que hai que engadir outras 150 persoas de maneira indirecta en actividades complementarias á agraria. Ademais de prestar servizo a máis de 200 empresas, concellos e institucións, ten un firme compromiso con desenvolvemento de proxectos de I+D+i en diversas universidades e centros de coñecemento.