A empresa galega Kiwi Atlántico celebra os seus 30 anos como líder no sector

Publicidade
A empresa galega Kiwi Atlántico celebra os seus 30 anos como líder no sector

Foto das persoas homenaxeadas por Kiwi Atlántico

Este venres, a empresa galega Kiwi Atlántico, a maior comercializadora de kiwi de España e unha das máis importantes de Europa, celebrou os seus 30 anos de traxectoria empresarial. Unha visita con autoridades á fábrica, un xantar con preto de 200 invitados, a estrea dun documental sobre a historia do grupo e unha entrega de premios marcaron a xornada.

Durante a mañá, os responsables da dirección de Kiwi Atlántico recibiron ás autoridades na propia fábrica asentada en Ribadumia. O alcalde da localidade, David Castro, e Antonio Crespo, Xefe Territorial da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, visitaron a fábrica acompañados polo consello de administración da empresa. Despois, chegou a quenda de intervencións nas que Castro, Crespo e o director xerente de Kiwi Atlántico, José Carlos Vila, destacaron o papel de Kiwi Atlántico no sector hortofrutícola nacional nestes 30 anos de traxectoria e a súa contribución ao enriquecemento económico da zona e de Galicia.

12 homenaxeados

Xa para o mediodía, a empresa organizou unha comida con preto de 200 invitados entre os que se atopaban responsables dos consellos executivos e de administración de Kiwi Atlántico, provedores, autoridades e todo o persoal de traballadores.

Ás 17:00h., daba comezo un acto de homenaxe a todas aquelas persoas que, vinculadas ao proxecto, contribuíron ao éxito de Kiwi Atlántico durante todos estes anos. Os premios íanse intercalando coa proxección dun documental que se estreou para a ocasión e que narra a historia do grupo.

No primeiro bloque, dedicado aos inicios da empresa, os homenaxeados foron o primeiro presidente de Kiwi Atlántico, José Barros Cuervo; o primeiro xerente, Luciano Martínez de las Heras; o primeiro socio fundador non produtor, Vicente Villar, e a traballadora máis antiga da empresa, Carmen Abal Romero. No capítulo dedicado á etapa de expansión, os galardóns foron para: Jesús Pinto e Aitor de las Heras, de Garaia, o primeiro produtor de Portugal que confiou na empresa; Fausto Manuel Caetano e as empresas de transporte Frutas Moncho e Cacabelos.

Para finalizar, no apartado dedicado á consolidación, os recoñecementos foron para o presidente actual da empresa, José Pérez; o vicepresidente, José Piñeiro, e para Susana García, Ramón Pesqueira e Marcos Irago, traballadores do grupo. Tamén se recoñeceu a importancia da contribución de Antonio Estévez, xa falecido, á historia da empresa.

Con motivo do 30 aniversario, Kiwi Atlántico estreou nova páxina web.

30 anos de historia

Kiwi Atlántico constituíuse en 1988 como unha como unión de 30 kiwicultores de Galicia e Asturias. Na actualidade ten máis de 70 socios e 20 produtores colaboradores, agrupando explotacións de diversas dimensións.

É unha sociedade formada unicamente por produtores, con gran arraigamento na agricultura, e por tanto amante das producións realizadas para consumo persoal, avalado pola longa tradición no Norte de España nas economías agrarias complementarias a nivel familiar.

Hoxe Kiwi Atlántico, como grupo, supera os 30 millóns de euros de facturación e ten 93 traballadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información