A sucesión de gromos da Flavescencia Dourada nos últimos 2 anos leva a que a praga xa estea presente en moitas explotacións próximas á conca do río Miño. Esta situación leva a que tanto na DO Ribeiro como Rías Baixas a enfermidade xa sexa endémica e, de non actuar con decisión, extenderase na D.O. Monterrei, ao entender de Unións Agrarias.
A organización insta á Xunta de Galicia a actuar nunha tripla dirección, por un lado facendo controis máis esixentes de certificación fitopatolóxica nos viveiros que neste tempo están aportando novas cepas ás explotacións, para evitar a entrada de plantas afectadas pola doenza. En paralelo afondar na campaña de información a todos os elos da cadea vitivinícola para que teñan un coñecemento claro de como actuar de xeito eficaz ante unha das enfermidades fitoplasmáticas máis importantes e prexudiciais.
Para a organización agraria tamén é moi importante que a Xunta de Galicia actúe xa para tratar de controlar, antes da primavera, a actividade do insecto transmisor (Scaphoideus littoralis), mediante trampeos, polo que é preciso dotar de orzamento un protocolo urxente de entrada nas parcelas abandonadas para arrancar as cepas e evitar que estas se convertan nun reservorio e un foco de propagación desta doenza, letal para as vides. Alén da aplicación de tratamentos fitosanitarios para combatilo, a eliminación das cepas afectadas supón unha parte fundamental da metodoloxía a aplicar.
A organización considera necesario abordar a situación con rigor e celeridade e procurar métodos para controlar unha praga que avanza desde Portugal e cuxa propagación podería ter consecuencias nefastas. Nese senso, Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia dea un paso adiante e impulse sen demora un plan de acción que permita implementar as medidas precisas para poñerlle freo ao problema antes de que este se dispare de novo coa chegada da época primaveral.