“Empecei a criar e amansar bois cando todo o mundo se desfacía destes animais”

Mario Nogueira e María Cristina Gómez, un matrimonio asentado na Rúa (Ourense), é coñecido polas súas destrezas para a doma de bois, así como pola calidade da carne dos animais que comercializan. Teñen participado ademais en romarías ou gravacións televisivas

“Empecei a criar e amansar bois cando todo o mundo se desfacía destes animais”

Mario e Cristina cunha parella de bois dos que levan ás romarías e que participan en rodaxes.

Cando xa case ninguén quería animais para traballar a terra, Mario Nogueira Rodríguez seguiu apostando pola doma de bois, que coñecía dende pequeno e que aprendera de seus avós e de seu pai. “Empecei nunha época na que todo o mundo se desfacía dos bois. Case me tomaban por tolo por querer seguir con eles cando ninguén os tiña”, recorda Nogueira. Agora, os seus bois son coñecidos en toda España e tamén as súas dotes para amansalos.

Vende bois para vida, para carne e ten tamén un grupo deles para acudir ás romarías. O traballo cos bois compleméntao cun rabaño de vacas cachenas

Chegou a vender máis de 60 bois ó ano para o País Vasco, logo de crialos no monte. Eran animais preparados para comezar a adestrar para o deporte de arrastre, moi popular entre a comunidade vasca, así como en zonas de Cantabria ou Navarra. Hoxe diversificou máis o seu rabaño e, ademais dos bois que segue vendendo para a vida, conta con máis de 80 vacas cachenas. Ademais, atende a súa carnicería, situada no Barco de Valdeorras (Ourense), onde se encarga de comercializar a carne dos becerros que cría e doutras ganderías tradicionais da comarca.

Os bois, de Portugal

Mario comezou como carniceiro a principios dos 90 e abriu a súa propia carnicería no 2000. Naqueles primeiros tempos mercou dous becerros Asturianos dos Vales para comezar coa gandería e pronto virían tamén os bois. “Co primeiro diñeiro que aforrei merquei 2 bois na feira de Porto de Sanabria (Zamora)”, indica. En pouco tempo, vendera 4 bois para o País Vasco e nun ano xa tiña 16 bois para vender para vida.

Tanto o oficio de carniceiro como a destreza para amansar os animais aprendeunos de seu pai que, tras quedar orfo moi novo, optara por comprar animais e amansalos para a venda de adultos. Tamén seu avó materno tiña bois e acostumaba a traballar con eles. “Tanto meu pai coma meu avó sempre me falaban daqueles trens cheos de gando que marchaban para Castela e o País Vasco”, recorda.

“O 90% dos animais mércoos en Portugal, porque alí aínda as aldeas están vivas e é aí onde atopas boa calidade e exclusividade”

Non só tivo en conta os costumes para a doma de antano senón para localizar exemplares con potencial. “Decateime de que a xente que se dedicaba a criar bois para a venda de carne traíaos de Portugal e empecei a ir por eles alí”, explica. Hoxe segue mantendo no país luso o seu principal punto de compra. “O 90% dos animais mércoos en Portugal, porque alí aínda as aldeas están vivas, cheas de xente, e é aí onde atopas boa calidade e exclusividade, que despois é o que valora o cliente”, argumenta Nogueira.

Buey-mas-grande-de-Galicia-y-Portugal-raza-minhota--Mario-Nogueira-

Mario trouxo de Portugal un dos exemplares de maior tamaño da raza Minhota.

Mario gusta tamén da raza Minhota, polo potencial que teñen os seus bois. “É a antiga raza Rubia Galega, que levaron os portugueses e mantiveron sen variacións, a diferenza do que aconteceu en Galicia”, explica. Son animais cunha maior produción de leite, sen ser culóns, e cunha calidade de carne superior, posto que engraxan máis en comparación coa actual Rubia Galega, tal e como apunta o gandeiro e carniceiro. Agora case se centra na venda de bois de carne, no canto de animais para a vida. “Teño tido anos nos que vendín uns 200 bois de carne”, concreta.

A maioría destes bois e vacas grandes que merca en Portugal teñen como destino tanto a restauración coma outras empresas do resto de España ou citas gastronómicas destacadas coma Alimentaria, en Barcelona; ou o Salón Gourmets, en Madrid. “A xente aprecia moito estes animais criados ó modo tradicional, fronte a unha crianza máis industrial”, indica. O prezo medio destes exemplares sitúase nos 10 euros por quilo.

MArio-Nogueira-xogada-de-bois-e-xatos-_-

Mario e Cristina doman tanto animais adultos coma tenreiros para acudir a exhibicións e feiras.

Animais televisivos e de romaría

Ademais da compra e venda destes animais, Mario conta cun grupo duns 14 bois que son os animais das romarías, e cos que amosa as destrezas que tanto el como a súa muller Cristina Gómez teñen á hora de traballar con eles. “Dende un principio Ana Cristina sempre me apoiou e tamén empezou a interesarse por estes temas. Hoxe é o meu gran apoio e se non chega a ser por ela non creo que tivese chegado ata aquí”, detalla Mario, á par que recorda que Cristina xa logrou tamén varios recoñecementos polo seu traballo na doma dos animais.

O rabaño intégrano exemplares dalgunhas das razas que máis lle gustan e que teñen nunha finca na comarca de Valdeorras. Así, conta con animais Maroneses, unha raza procedente da zona de Vila Real, na Serra do Marão, en Portugal. Tamén dispón de bois barrosos, coñecidos polo tamaño da súa cornamenta; e da raza Alistana Sanabresa. “Son razas moi antigas e vistosas, teñen unha historia detrás ligada ó traballo da terra”, indica Nogueira. Estes animais son unha parte fixa da gandería que toda a familia mima.

“Canto máis bravos son os animais máis me gusta conseguir amansalos. En 15 días adoito volvelos mansos”

Tanto a selección dos animais que forman parte deste rabaño coma de todos os que acaba comercializando Mario é unha das claves do seu éxito. “Unha das maiores dificultades é a selección do animal, saber ver con antelación como se vai desenvolver ese animal dentro duns anos”, detalla. No caso dos animais que comercializa para deportes como o arrastre ou para a doma e exhibición este proceso de selección cobra aínda máis significado. “Non só hai que saber anticiparse á evolución dese animal, senón que hai que buscar outro que se vaia desenvolver de xeito similar para que poidan formar parella”, indica.

Parella-de-bois-raza-Barroso-Gand-Mario-Nogueira-

Unha das claves do éxito de Mario é a súa destreza para encontrar animais con características similares que poidan formar boa parella de adultos.

Os animais que emparella deberán ter unha morfoloxía semellante, dende o tamaño ata a cor ou a cornamenta. No caso dos animais que vende para a vida a parella pode acadar un prezo medio entre os 6.000 e os 10.000 euros con 4 anos, aínda que unha vez que están competindo no arrastre, se amosan boas calidades poden chegar ós 30.000 euros.

Unha vez que castra os animais, traballa cos bois coa corda para, con paciencia, conseguir que se vaian tornando máis tranquilos. “Canto máis bravos son os animais máis me gusta conseguir amansalos e que sexan animais tranquilos. En 15 días adoito conseguir que se volvan mansos”, apunta Nogueira. Porén, non tódolos animais que amansa serven para levar ás romaría. “Non tódolos animais valen para levar ás romarías. Só un 10% dos bois que amanso serven para meter entre a xente”, concreta o gandeiro.

“Non tódolos animais valen para levar ás romarías. Só un 10% dos bois que amanso serven para meter entre a xente”

Cos animais máis mansos recorren boa parte da xeografía galega participando en feiras e romarías para dar a coñecer estas razas. Dende o Entroido na zona de Valdeorras ou os Reis, ata citas como a Arribada Medieval (Baiona), a Festa do Boi (Allariz), a Semana Verde (Silleda), o San Froilán (León) ou a do San Isidro en Llanera (Asturias), unha das citas que máis lle gusta, posto que é un punto de encontro para gandeiros de todo o norte de España. “Unha das cousas que máis me gusta é levar a estas citas, ademais dos bois, un pequeno xato manso, para que os cativos se poidan achegar a el e collelo pola corda por primeira vez”, recoñece.

Á par das feiras, algúns dos seus animais teñen tamén participado en gravacións de series e películas coma O final do Camiño, Doctor Who ou mesmo programas de televisión como Gran Hermano. “Estivemos case un ano recorrendo media España e participando en case tódalas gravacións sobre épocas medievais que se facían ou que precisaban unha parella de bois”, explica Mario. Mesmo o mundo da moda tamén contou cos seus animais, que participaron na gravación dun anuncio publicitario para a firma téxtil Gucci. 

Cachenas-en-circulo-Ganderia-Mario-Nogueira-

Teñen un cento de vacas cachenas coas que xestionan unhas 1.000 hectáreas de monte no Courel.

Cachenas coas que amansar o monte

Xunto con estes bois, Mario e Cristina teñen dende hai pouco máis dun ano un rabaño de máis de 80 vacas cachenas nos montes da aldea natal de seu pai, Chao da casa, en Quiroga (Lugo), no Courel. “Comezamos coas cachenas por ser unha raza autóctona e pola súa rusticidade e capacidade para aproveitar o monte”, detalla. Tamén as características da súa carne, cada vez máis apreciada e solicitada pola súa clientela da carnicería, foi determinante para a escolla dos animais.

“Comezamos coas cachenas por ser unha raza autóctona e pola súa rusticidade e capacidade para aproveitar o monte”

Pese á fama de arisca que ten esta raza, sobre todo ó ser criada no monte, Mario tamén conseguiu ter un rabaño fácil de manexar. De feito, algúns cambios que fai do gando realízaos guiándoas co coche, ó que as vacas seguen sen dificultade. “Cando as trouxen dicíanme que, unha vez que as soltara no monte, non has ía volver ver xuntas máis”, recorda.

Cristina-coas-cachenas---Gand-Mario-Nogueira-

Ter as vacas cun grupo de bois nos primeiros días facilitou que se acostumasen ó manexo que realizaban con eles.

O grupo de 20 bois que tiña no monte no momento da chegada das cachenas foi clave para conseguir o manexo que fai agora dos animais. “Tívenas un mes cos bois e fun conseguindo que se acostumaran. Ó cabo do mes fixemos o saneamento dos 115 animais en 2 horas e sen maiores dificultades”, comenta.

Xestiona unhas 1.000 hectáreas de monte a 1.000 metros de altitude, polo que cando as condicións climáticas son desfavorables no inverno adoita cambialas para un peche dunhas 20 hectáreas, onde lle proporciona forraxe. “Boa parte do ano as vacas mantéñense ben co que hai no monte, pero no inverno non lles chega e dámoslle tacos de cereais e forraxe”, detalla o gandeiro.

Raul-e-Mario-Nogueira-arando-a-terra-

Mario e Cristina conseguiron transmitir ós seus fillos a paixón polos animais. Raúl, o seu fillo, chama polos bois mentres Mario labra a terra.

Manter vivo o traballo tradicional co gando

Mario e a súa familia teñen un proxecto a longo prazo no que levan anos traballando: a creación dun Museo do Boi. “Levo 30 anos xuntando antigos apeiros de labranza por toda Galicia para poder un día contar cun museo onde poder ensinar á xente como se traballaba a terra”, explica.

A súa intención non é só contar cunha exhibición da maquinaria, senón facer demostracións de antigas técnicas de labranza con animais e ensinar estas técnicas a quen teña interese, así como compartir a súa experiencia na xestión do monte co gando a quen queira impulsar proxectos semellantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información