As emisións de amoniaco das granxas españolas baixan un 17,6 % en 20 anos e cumpren coa UE

A gandería segue sendo a orixe do 97,3% das emisións de amoníaco, malia un decrecemento sostido no que vai de século. A redución das emisións explícase por un mellor manexo de xurros e estercos, se ben observouse no 2024 un lixeiro aumento no apartado de fertilizantes nitroxenados, especialmente urea, por un aumento do seu consumo

As emisións de amoniaco das granxas españolas baixan un 17,6 % en 20 anos e cumpren coa UE

A mellora da xestión dos xurros está a contribuír a reducir as emisións de amoniaco.

Segundo datos do Informe do Sistema Español de Inventario de Emisións, o sector gandeiro español reduciu as emisións de amoníaco no ano 2024 nun 2,3% con respecto ao ano anterior. Esto supón unha redución acumulada do 17,6 % dende 2005, o exercicio que se utiliza como referencia na directiva de Teitos Nacionais de Emisión

De feito, é a gandería o sector que máis reduciu as súas emisións neste tempo. Porque esa baixada do 17,6% contrasta coa baixada media que se situou no 13%. Os outros sectores que se teñen en conta no informe son o procesamento de enerxía e combustibles, xunto con procesos industriais e uso de disolventes.

Dende o Ministerio de Agricultura sinalan que estas cifras se acadaron como consecuencia das reducións do 14,9 % na xestión de estercos e xurros e do 2,1% na aplicación de fertilizantes orgánicos, que inclúe as emisións do gando en sistemas de pastoreo e extensivos.

A redución de emisións en gandería sitúase por riba da media de todos os sectores que xeneran emisións controladas

Por contra, as emisións de amoníaco debidas ao uso de fertilizantes nitroxenados medraron en 2024. O Ministerio achaca esta suba principalmente ao incremento de uso deses fertilizantes, en particular a urea. Con todo, garantiuse o cumprimento dos obxectivos de España para a redución nun 16% en 2030 con respecto ao ano de referencia, 2005.

O interese de controlar as emisións de amoniaco radica sobre todo na perigosidade destas para a saúde humana, así como polo seu impacto ambiental.

Dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno, compostos orgánicos volátiles non metánicos, amoníaco e material particulado inferior a 2,5 μm son os contaminantes atmosféricos controlados no sistema

Dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno, compostos orgánicos volátiles non metánicos, amoníaco e material particulado inferior a 2,5 μm son os contaminantes atmosféricos controlados no sistema

Emisións da urea

No caso dos fertilizantes, explicase a suba de emisións do 2024 por un aumento do consumo de abonos. Cómpre lembrar que a guerra de Ucrania en 2022 supuxo un forte aumento de prezos dos fertilizantes, que se mantiveron en niveis moito máis altos que antes da guerra durante case todo 2023. E en 2023 a seca intensa afectou á meirande parte de cultivos e houbo menos emprego de fertilización. Dous factores que levaron a un descenso importante na demanda de fertilizantes e, por tanto, a unha redución de emisións por fertilizantes nitroxenados.

Nesa liña comparativa entre os dous últimos anos medidos, o informe sinala os cereais. “Son cultivos de relevancia nos balances de fertilización pola súa importancia territorial. A seca severa en 2023 tivo como consecuencia un desplome da produción que chegou ao 44 % respecto da media de anos anteriores, que se situara en 11,2 millóns de toneladas.

En cambio, 2024 tivo unha pluviometría normal e uns prezos de fertilizantes que -aínda algo máis altos que antes da guerra- xa se estabilizaran. Por tanto, había mellores expectativas de produción. Dese xeito o consumo de fertilizantes medrou respecto aos dous anos anteriores e a produción superou os 20 millóns de toneladas.

O repunte de 2024 debeuse a unha boa previsión de colleitas que levou a utilizar máis fetilizantes nitroxenados

O informe recolle que o consumo de fertilizantes está moi influenciado polo prezo que teñen en cada momento e polas condicións meteorolóxicas, que teñen unha relación directa co desenvolvemento dos cultivos: canto maior sexa o rendemento esperado, maior será a cantidade de fertilizantes que se apliquen aos solos agrícolas. Uns usos que xa se están a regular dende as comunidades autónomas

Cumprimento de obxectivos

O informe establece que España cumpriu por cuarto ano consecutivo co compromiso de reducións fixado na directiva e alcanzou unha diminución catro veces superior á esixida para calquera ano do período comprendido entre 2020 e 2030.

As emisións de contaminantes atmosféricos non deixaron de reducirse dende 1990

As emisións de contaminantes atmosféricos non deixaron de reducirse dende 1990

O Ministerio considera que a redución conseguiuse en noa medida grazas á implementación do sistema Ecogan. E é que a información está recollida nese sistema informatizado de forma individualizada por cada granxa que comunican os seus titulares e posteriormente notifican as Comunidades Autónomas ao Ministerio.

Dende o Ministerio de Agricultura din que as reducións acadadas permitirán cumprir coas obxectivos europeos sobre emisións para 20230

“As melloras efectuadas en Ecogan, xunto co esforzo de gandeiros e administracións autonómicas, permitiron reportar ao Sistema Español de Inventarios información máis precisa sobre as técnicas de redución de emisións aplicadas a nivel nacional e o seu impacto sobre o cálculo de emisións da gandería.”, explica nun comunicado o Ministerio de Agricultura.

“Desta forma, España dispón dun dos sistemas de estimación de emisións en granxa máis avanzados, que permite reflectir os esforzos realizados por todas as partes para conseguir unha produción gandeira máis sustentable dende o punto de vista ambiental.”

Os datos están recollidos no Sistema Español de Inventarios de Emisións e publicados na edición 2026 do Inventario Nacional de Contaminantes Atmosféricos, correspondente á serie 1990-2024, que incorpora a información sobre balance de nitróxeno e implantación de Melloras Técnicas Dispoñibles no sector porcino intensivo e o sector avícola.

Co actual ritmo de redución de emisións España cumprirá cos obxectivos fixados pola UE

Co actual ritmo de redución de emisións España cumprirá cos obxectivos fixados pola UE

Comparación con outros sectores

O informe recolle os principais resultados das estimaciónes de emisións dos cinco contaminantes principais cubertos polo Protocolo de Gotemburgo e a Directiva de Teitos Nacionais de Emisión: dióxido de xofre (SO₂), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), amoníaco (NH₃) e material particulado inferior a 2,5 μm (PM₂ˌ₅).

As emisións de PM₂ˌ₅ en 2024 descenderon un 0,7 %, pola disminución dun 3,8 % das emisións rexistradas no sector residencial, comercial e institucional, que son responsables do 31,4 % do total de emisións de PM₂ˌ₅. A baixada logrouse malia o aumento do 0,5 % de no transporte por estrada, responsable do 11,8 % e da suba do 1,9 % na xeración de electricidade, cun 3,3 % do total deste contaminante.

Agás no amoníaco, as emisións de gandería e agricultura están moi por debaixo dos outros sectores en todos os contaminantes atmosféricos

O resto de emisións de PM₂ˌ₅ están fundamentalmente xeradas pola queima a ceo aberto de residuos de poda e polo uso de biomasa no sector residencial, o que explica as variacións interanuais observadas. En 2024 as emisións sitúanse un 48,7 % por baixo do nivel rexistrado no ano 2000.

Por canto ao Nox, en 2024 rexistrouse un leve descenso do 0,7 % respecto a 2023. A baixada relaciónase coa redución do 2,6 % das emisións do transporte por estrada, que é a actividade con máis emisións deste gas, un 34 % do total.

Agás no amoníaco, a gandería está por debaixo dos outros sectores en canto a emisións

Agás no amoníaco, a gandería está por debaixo dos outros sectores en canto a emisións

Tamén influíu a redución do 1,5 % no sector da industria manufactureira e da construción que ten un peso do 14,4 % nas emisións de NOx, e o descenso do 2,7 % nos efectos da xeración eléctrica, que representa un 9,5 % das emisións totais de Nox.

As emisións de COVNM en 2024 diminuíron un 2,4 % a nivel nacional. Están fundamentalmente dominadas polo uso de disolventes, que representa o 43 % do total, e experimentou un descenso do 5,2 %. Tamén houbo diminucións na industria manufactureira e construción, que caeron un 7,2 %. O consumo de combustibles nos sectores residencial, comercial e institucional baixou un 1,4 %, e as do transporte por estrada no 0,7 %.

A redución de emisións no SO₂ foi do 3,3 %. Debéronse a un descenso no consumo de carbón que provocou o descenso do 4 % de combustión no sector da industria manufactureira e da construción (responsable do 35,4 % das emisións deste contaminante a nivel nacional) e a diminución do 4,9 % na xeración eléctrica, que supón un 8,9 % do total de SO₂.

Control de fertilizantes, xestión de xurros e melloras en alimentación animal están detrás da redución acadada

Por contraste, as emisións de amoniaco permaneceron relativamente estables ao longo da serie. Estas emisións, principalmente dominadas polas actividades agrícolas e gandeiras, alcanzaron os seus máximos niveis en torno ao cambio de milenio, chegando a aumentar ata un 15,1 % no ano 2000 respecto a 1990.

Posteriormente, observouse unha diminución das emisións como consecuencia da introdución de
técnicas de control das emisións na aplicación de fertilizantes en campo e melloras na alimentación animal e técnicas de xestión de estercos e xurros.

Pódense consultar o informe completo neste ENLACE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información