Ellinglund Økologi é unha explotación danesa de produción láctea que traballa en ecolóxico. Cunha cabana gandeira de 325 vacas adultas, acada unha media de 12.200 quilos de leite corrixido por lactación. En canto á alimentación, exceptuando correctores e a soia, todo procede das 500 hectáreas de terreo, distribuídas en zonas de pastos e parcelas para recolección de forraxes e o cultivo de cereais.
En canto á fertilización das terras, empregan un máximo de 65 quilos de nitróxeno por hectárea, procedente do esterco e do xurro. Esta explotación foi visitada por gandeiros galegos nun programa de formación coordinado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural.
Situada na rexión de Silkeborg, na parte norte de Dinamarca, Gert Glob Lassen xestiona un rabaño de 325 vacas adultas en sistema ecolóxico. Dirixe esta explotación dende o 2007, logo de tomar o relevo do seu pai. Debido á climatoloxía da zona, o pastoreo soamente se pode realizar durante pouco mais de 6 meses ao ano. Esta rexión está marcada por un tempo frío e húmido, onde o vento entra dende a costa debido a ser unha zona de grandes chairas.
Os inicios do manexo en ecolóxico remóntanse a unhas décadas anteriores, cando NO 1995 se iniciou a conversión ao manexo orgánico por parte da anterior xeración. Pensando en seguir con este sistema, neste momento, Gert iniciou estudos de capacitación en agricultura ecolóxica. O próximo cambio, no ano 2002, supuxo unha modificación da xenética, introducindo o sistema de cruzamentos Procross, sendo a día de hoxe todos os animais un híbrido destas tres razas leiteiras: Holstein, Roxa Danesa e Montbeliard.
A media de produción é de 33 litros diarios por vaca cun alto contido en sólidos
Ellinglund Økologi é unha explotación pioneira na gandería ecolóxica danesa, polo que é obxecto de visitas de gandeiros de dentro e fora do pais. O muxido realizase dúas veces ao día, nunha sala rotativa con capacidade para 28 animais. Para estas labores, dúas persoas dedican 3 horas diarias. A rutina é similar a calquera outra explotación, facendo unha primeira aplicación de espuma e despunte, o muxido e finalmente un selado. A produción diaria é de 33 litros por vaca e día cun alto porcentaxe de sólidos. En total, a produción é de 10.109 litros anuais por animal.

Vaca procross do lote de produción.
Os tratamentos veterinarios supoñen un gasto de 50€ por cada vaca adulta
A lexislación europea de gandaría ecolóxica establece restricións no uso de antibiótico, especialmente para as mamites, pero isto non é un problema para Gert, que centra o seu manexo na prevención e observación dos animais. Calquera tipo de tratamento debe estar realizado por un veterinario e no último ano, nas máis de 300 vacas adultas soamente foi necesario realizar un tratamento con antibióticos.
A maiores disto, o descornado dos becerros tamén debe ser feito polo veterinario, igualmente que o castrado de todos os machos. Sumando todos estes traballos veterinarios, o custe veterinario foi de 50€ anuais por vaca.
Granxa socia dunha cooperativa de transformación
Ellinglund Økologi participa nunha pequena cooperativa xunto con outros 13 gandeiros, na que elaboran queixo e outros derivados. O prezo ao que paga esta industria, Them, o leite é de 53 céntimos de prezo base, uns 10 céntimos por encima do leite convencional -datos do mes de febreiro-. “Ao ser unha pequena cooperativa podemos participar en aspectos como recibir un incentivo polo noso sistema de recría. Somos un pequeno grupo e é mais fácil poñer derriba da mesa aspectos como este, sendo algo que actualmente o consumidor, concienciado co benestar animal, podería valorar”, explica.
As terras divídense en 100 hectáreas de pasto e outras 400 destinadas a forraxes e cereal
O manexo require dun cadro de persoal formado por 5 traballadores máis o propio Gert e o pai deste, que tamén colabora nalgunha tarefa. Con medios propios realizan a maior parte dos traballos agrícolas nas 500 hectáreas de cultivos. Esta superficie divídese en 100 hectáreas, próximas á granxa, que están dedicadas ao pastoreo. As terras restantes, máis afastadas do centro da explotación serven para o cultivo de forraxes e cereais. Tamén hai unha pequena zona con arboredo e que serve como lugar de pastoreo para as vacas secas e mais para as vacas nutrices e becerros.

Gert fronte ao mapa das 100 hectáreas destinadas ao pastoreo.
No 2023 a produción de millo foi de 41 toneladas, empregando 65 quilos de nitróxeno por hectárea

Reservas de millo e alfalfa en silo.
As forraxes principais son o millo e a herba, aínda que tamén hai parcelas con alfalfa. Todos estes cultivos son manexados de forma ecolóxica, polo que non se empregan abonos químicos nin se realizan tratamentos fitosanitarios que non estean permitidos polo consello regulador.
“Estamos nunha das rexións máis frías de Dinamarca e o millo necesita un aporte inicial extra. Este abonado realizase de xeito localizado durante a sementeira e consiste nun fertilizante granulado a base de esterco de aves. O ano pasado foi un ano excepcional e acadamos boas producións, con 41 toneladas de materia verde, a media dos últimos anos estaba en 35 toneladas, cun 35% de materia seca”, explica Gert ao grupo de gandeiros galegos que visitaron a súa explotación. A herba para a alimentación do gando está formada por pradarías de raygrass con trevo.
A lexislación ecolóxica en Dinamarca establece un limite de 120 quilos de nitróxeno por hectárea, sen embargo hai incentivos para aqueles gandeiros que producen unicamente con 65 quilos. Gert destaca nos seus campos que “a presenza de leguminosas nas pradarías, así como a rotación con alfalfa, son fundamentais para a fixación de nitróxeno atmosférico e que os cultivos se logren con este pequeno aporte de nitróxeno. É un sistema complexo no que hai que facer todo moi ben para lograr producións aceptables”, recoñece.
No cultivo de cereais, en Ellingund Økologi, emprégase o centeo e a cebada para a obtención de gran e palla. Gert destaca destes cereais que “son rústicos e adáptanse mellor a este sistema de produción e ao clima que temos. Ao producir en ecolóxico é fundamental ter unha planta con boa sanidade, que non teña problemas e ao mesmo tempo acadar boas producións”.
Unha vez colleitado, o gran pasa por un secadoiro para baixar a humidade até un 80% de materia seca. Un sistema de descascarillado separa o gran da parte externa que o recobre para así ter unha maior concentración de enerxía na fariña. Emprégase este farelo para as vacas secas e a recría.

Gert amosa a os gandeiros galegos o sistema de esfarelado do gran que logo é moido.
O custe de alimentación é de 6.93€ por vaca e día no período que non se realiza pastoreo
Con estes manexo, Ellinglund Økologi é practicamente autosuficiente na alimentación, unicamente os correctores e a soia son mercados. Deste xeito, o custe de alimentación é de 6.93€ por vaca e día no momento en que non se realiza pastoreo. Para o seguimento da eficiencia do gando hai un sistema de medición da inxesta, no que se relaciona coa produción de cada animal. Esta ración é practicamente igual durante todo o ano, non facendo grandes variacións entre o inverno e o verán, cando as vacas saen ao pasto. Pode haber algunha pequena variación en función da concentración de proteína e azucres do pasto, pero non hai grandes cambios.
No verán, o silo de herba substitúese por herba fresca na ración
Na ración,a achega de herba é o que máis pode variar, sendo en forma de silo ou de herba fresca. No verán, cando hai boa produción de herba verde, esta substitúe ao silo de herba. Cun segador autocargador, colleitase esta forraxe do lote de fincas mais afastadas, un traballo do que se encarga o pai de Gert. Toda esta herba en verde pasa por unha báscula para asignar a cada parcela unha produción de forraxe e a final de ano ter datos cos que sacar conclusións sobre o manexo e produtividade. Para as vacas secas e recría, a herba distribúese nos comedeiros e para as vacas en produción incorpórase ao carro mesturadas co resto de forraxes e cereais.
Debido ao volume da herba verde, o carro ten unha capacidade de 46 m³, que permite realizar unha ración para todo o día. “Antes tiñamos un carro máis pequeno e era necesario facelo 3 veces ao día, cando introducimos a herba en verde na ración non era viable, polo que foi necesario facer este aumento”. Para a distribución do alimento, o carro descarga nun sistema de cintas transportadoras. Sobre o comedeiro pasa esta cinta que cunha pequena pá, que se vai movendo, empurra o alimento ao pesebre.
Dende o 1 de abril até mediados de outubro, podendo adiantase ou atrasarse en función das condicións climatolóxicas, comeza a temporada de pastoreo. Nestes meses, o gando pasa arredor de 8 horas, despois do muxido da mañá e ata a tarde, nos pastos que están arredor da granxa. Os meses restantes, unicamente saen ao exterior durante 3 horas ao día para facer exercicio. No verán todos os animais están fora, dende as vacas en produción, a recría e as vacas secas ou os becerros coas súas nodrizas.
Na estación de pastoreo cada vaca consume até 1.400 quilos de materia seca de pasto
As parcelas están divididas en cercados de entre 4 e 5 hectáreas nas que se vai xestionando a herba a disposición do gando cun fío de pastor. Cun herbómetro, faise unha medición de volume do pasto dispoñible para complementarse coa ración que as vacas consumen durante a noite na granxa. A produción de leite mantense similar durante os inverno e o verán. Cando as vacas saen ao pasto, hai un pequeno aumento en maio e xuño para volver a baixar nos meses de máis calor.
“Durante a tempada de pastoreo, a xestión vai mudando. En función da humidade e temperatura, a calidade e volume do pasto pode ir cambiando. Nos meses de verán, cun crecemento mais lento da herba, é necesario ampliar a 25 días o período de descanso entre cada entrada do gando para non esgotar demasiado o pasto”. En toda esta estación, cada vaca consume entre 1200 e 1400 quilos de materia seca, cunha media de case 8 quilos diarios.
Nesta explotación os partos están repartidos durante todo o ano, non hai unha concentración nos meses de pastoreo, aínda que é algo habitual nesta zona. O motivo principal sería a gran carga de traballo que isto suporía, ademais de non ter unhas instalacións suficientemente amplas para o sistema de recría que se emprega.
Parte do esterco xerado cambiase por palla cun agricultor da zona
Para a xestión do abono xerado na explotación, como unha gran parte das explotacións danesas, o esterco envíase a unha planta de biogás para logo retornar á explotación. No caso do xurro xerado na nave de vacas leiteiras, ao empregar area como material de recheo para as camas, este almacenase na granxa antes de aplicarse directamente nas fincas. Co sistema de cama quente de palla que utiliza Gert na recría, as vacas secas e nas parideiras, a cantidade de esterco xerado é importante.
Ao traballar cun baixo aporte de nitróxeno e necesitar grandes cantidades de palla, que non cobren os campos propios de cereais, parte deste esterco que retorna da planta de biogás vai para unha explotación que traballa cultivos hortícolas e de cereal. A cambio deste abono, Gert recolle unha parte da palla desta explotación. A pesar de traballar en ecolóxico, a lexislación non establece restricións por mesturar este abono co doutras granxas, o esterco que vai para o biodixestor mesturase co doutras explotacións con manexo en convencional.
Un sistema de separación permite que o 90% da area das camas se aproveite
O xurro, procedente das vacas leiteiras, aplicase directamente. Ao empregar area nas camas, este non pode enviarse para as plantas de biogás. A pesar disto, a cantidade de area presente no xurro é moi baixa, pois un sistema de separación permite aproveitar até un 90%.
Na fosa de xurro, empregan un sistema de decantación e forza centrífuga para separar o xurro da area
“A area é boa para as vacas pero non tanto para o campo. As arrobadeiras conducen o xurro ao canle da estación de separado. Cun sistema de decantación e coa forza centrífuga realizase a separación da materia orgánica da area, que sae totalmente limpa e non necesita ningún tipo de lavado posterior para ser empregada de novo. Levamos con esta planta de separado 6 anos e ten capacidade para 1.000 vacas. De ter que facelo agora fariámolo con medios propios pois é un sistema sinxelo pero que supuxo un investimento de 200.000 euros” explica Gert ao grupo de gandeiros galegos que visitaron a súa explotación.
Estes comparaban a granulometría da área coa que se emprega nas granxas de Galicia, que é moito máis fina e podería levar a que o sistema de separación non funcionase. Ademais, surxía a dúbida sobre que esta area máis basta xerase problemas de desgaste nas pezuñas, sen embargo Gert respondía que non tiña problemas podais nas vacas.
A recría mama en vacas nodrizas até os 5 meses
Un sistema novidoso que utilizan en Ellinglund Økologi na súa explotación é a recría dos becerros. Non tanto pola tecnoloxía senón polo sistema empregado. Até fai 5 anos, os becerros estaban separados en casetas individuais con dúas tomas de leite diarias, pero era un sistema que Gert consideraba mellorable. Nese momento probou a ter un grupo de becerros mamando das nais un tempo para logo pasar a un grupo de vacas nodrizas; este experimento funcionou e o sistema de recría mudou.

Lote no que os becerros pasan de alimentarse da nai ao grupo de vacas nodrizas.
Unha vez as vacas se aproximan ao parto son separadas para unha ampla parideira colectiva. Inmediatamente despois do parto, a vaca e o becerro son apartados a un pequeno recinto, mentres que non se comproba que é quen de mamar correctamente e a nai non ten ningunha complicación. Neste momento a vaca volve coa súa cría para un grupo onde estará unhas 3 semanas, para despois pasar definitivamente ao lote de produción. Durante este período, este lote pasa pola sala de muxido dúas veces ao día para extraer a cantidade de leite que non é quen de consumir a súa cría.
Nas 3 primeiras semanas de vida, os becerros están alimentándose co leite da súa nai pero unha vez pasado este período pasa a un novo grupo con vacas nodrizas. Estes, son animais de descarte pero que aínda están en lactación e por algún pequeno problema ben sexa reprodutivo ou de alto reconto celular, por exemplo, pasan a amamantar a recría. Na transición da nai ao grupo de vacas nodrizas hai un pequeno período de adaptación no que un grupo de 4 ou 5 animais están con unha vaca para habituarse a outras nodrizas que non son a nai. Unha vez están habituados xa pasan ao último grupo até o destete.
No caso dos machos, todos os meses se sacan os que teñen mais de 90 días, para vender a un cebadeiro. As femias continúan até os 5 meses e a medida que van empezando a comer elas mesmas vanse destetando. Gert destaca que “ao contrario do que podería parecer, cando os becerros estaban en casetas individuais había mais problemas de animais adultos que mamaban noutras vacas”.
Con este sistema de recría é mais complicado detectar problemas, “pois de outra forma, pola mañá ou a noite observas se o animal mama correctamente, ten diarrea ou calquera outro síntoma. Para isto cada animal ten uns pendentes que monitorizan o seu comportamento para visarnos de calquera anomalía e actuar rapidamente”.
Non é un sistema do que se fixo unha medición para comparar coa recría en casetas individuais pero Gert está contento e non se plantexa cambiar. “Para facelo así necesitamos bastante espazo e tamén se gasta moita palla, pois a cama na que esta a recría coas súas nais ten unha capa xenerosa para manterse seca en todo momento. Agora estamos vendo a posibilidade de reclamar un incentivo no prezo do leite por traballar con este sistema”.
A visita a Ellinglund Økologi formou parte dunha viaxe organizada polo Agacal dentro dun programa formativo para gandeiros. Esta visita foi financiada cos fondos destinados ao Plan Estratéxico da PAC, podendo observar as características do sector leiteiro danés, destacado pola gran eficiencia e pola adaptación do sistema produtivo a unhas fortes esixencias medioambientais.

Grupo de gandeiros durante a visita a Ellinglund Økologi.