Elevadas cotizacións da pataca da Limia no inicio da colleita

A principal comarca produtora de pataca de Galicia encara o inicio da colleita con boas perspectivas de prezos e máis produción da agardada, a pesar dun ano que se prevía desastroso polo atraso da sementeira en máis dun mes. Os prezos da venda por libre chegaron aos 40 céntimos mentres que en contrato roldan os 14 céntimos

Publicidade
Elevadas cotizacións da pataca da Limia no inicio da colleita

Recollendo patacas en Verín esta semana

A Limia, a principal comarca produtora de pataca Galicia, cunha produción que o ano pasado superou as 100.000 toneladas, encara o inicio da colleita con perspectivas boas en prezos para os produtores e unha produción maior da esperada, a pesar dun ano que se prevía desastroso.

E é que as fortes choivas de primavera non só estragaron a colleita de cereal de inverno, senón que atrasaron a sementeira da pataca nun mes, poñendo en risco a viabilidade deste cultivo, que constitúe o principal sustento económico da comarca.

Neste sentido, Servando Álvarez Pousa, director do Centro Agrogandeiro en Xinzo de Limia, asegura que “aínda que a día de hoxe non se apañaron nin o 10% das patacas, as estimacións que facemos é que a colleita de Kennebec pode baixar este ano un 10% e a das variedades comerciais como a Agraria ou a Daifla caerá entre un 20 e un 30%”.

A sementeira este ano atrasouse case un mes, o que fai que a colleita tamén se estea a adiar ata mediados deste mes, cando nun ano normal a finais de setembro xa estaban todas as patacas apañadas. “O que observamos é que a diminución da produción é proporcional ao tarde que se sementaron: nas parcelas que se sementaron cedo, a tempo, a finais de abril e principios de maio, mesmo poden experimentar un aumento de produción e nas que foron plantadas en xuño e mesmo en xullo son nas que as caídas de produción se prevén maiores”, engade Servando Álvarez.

As primeiras patacas comezaron a levantarse na Limia a pasada semana pero ao non estaren cumpridas desprendíaselles a pel, polo que os almacenistas decidiron deixar de recollelas ante os problemas de conservación que presentaban. Deste xeito, a colleita pospoñerase ata a próxima semana. “Hai que agardar que non chova, para que sobre o 15 de outubro empezar a recoller a pataca en condicións”, subliña Servando Álvarez.

Prezos á alza debido á falta de pataca en Europa

En canto aos prezos, a escaseza de produción no resto de España e de Europa, está tirando á alza coas cotizacións na Limia. Anxo Pérez Rúa, responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca destaca que “as primeiras que se venderon por libre chegaron a subir dos 35 céntimos o quilo, aínda que agora baixaron a 26, e as de contrato roldan os 13-14 céntimos”.

“Agora mesmo os prezos están baixando porque os intermediarios prefiren coller primeiro as patacas de contrato e no mes de xaneiro, cando se acaben estas, e empecen a demandar máis as de mercado libre, a previsión é que volvan subir os prezos”, asegura o responsable do SLG. A capacidade de almacenar a produción por parte do produtor, determina a porcentaxe que vende baixo contrato ao almacenista ou que decide gardar para vender por libre. Neste sentido, Anxo Pérez Rúa lamenta que “ao non haber un contrato homologado, non hai un control e non se sabe que cantidades van polo mercado libre e cales por contrato”.

En canto á produción, o representante do Sindicato Labrego tamén prevé que “vai ser menor tamén aquí porque, a parte de que foi sementada tarde e se plantou menos superficie, as noites este verán quedaron quentes, e isto favoreceu que a pataca botase moita rama pero pouco tubérculo”, explica.

Falan os produtores:

Roberto Fiz (Trasmiras): “Os bos prezos compensan a baixada de produción”

Roberto Fiz é un agricultor e tamén comprador de Trasmiras. Cultiva xunto cos seus pais unhas 70 hectáreas de trigo e 32 hectáreas de patacas. Asegura que “de momento só apañamos dúas hectáreas e a produción é arredor dun 30% inferior á do ano pasado, aínda que ata acabar a colleita non podemos facer unha valoración definitiva”. Sen embargo, salienta que “os prezos están a acompañar: a Agria anda sobre os 25 céntimos e a Kennebec algo por debaixo dos 40 céntimos o quilo”.

José Casales Ramos (Xinzo, Verín e Portugal): “De momento estamos tendo boa colleita e excelente calidade”

José Casales Ramos é un agricultor que cultiva unhas 17 hectáreas de pataca en Verín, 14 en Xinzo e outras 10 hectáreas en Portugal. Neste momento está en plena faena levantando as patacas en Verín, e asegura que “aínda que se esperaba que fose un mal ano, de momento está sendo moi boa colleita, cunhas 50 toneladas por hectárea, e de gran calidade”. En canto aos prezos, asegura que no seu caso están rondando entre os 40 e os 50 céntimos. “Non me podo queixar e polo que vexo tamén na Limia vai haber boas patacas”, asegura José.

Amador Díaz Penín-Patacas Ama (Xinzo de Limia): “Este ano están vindo máis compradores”

Amador Díaz Penín é un agricultor de Xinzo de Limia que tamén vende directamente a súa produción ao consumidor a través da web www.patatasama.com . Asegura que “de momento estamos parados porque sementamos dous meses máis tarde e a pataca non cubriu o ciclo e pela, sobre todo a variedade Agria, que é para frito”. Estima que a produción caerá un 30% pero destaca que “de calidade son boas, porque non houbo enfermidades ao ser un ano seco”.

A falta de pataca estase notando en maiores prezos e nun maior interese por parte dos compradores. “Non hai pataca este ano e está vindo moita máis xente a mercala”, asegura. Agora todo depende do tempo: “Calculo que en 8 días empezaremos o forte da colleita e é necesario que a choiva non nos fastidie”, conclúe.

Recollendo patacas en Verín:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información