Falamos con Purificación Díaz Ferreiro, dona da Adega Val do Frade, sobre a situación da DO Ribeira Sacra e a Feira do Viño de Vilachá, da que é promotora orixinal ainda que actualmente está desvinculada da organización do evento celebrado nas adegas centenarias situadas no Concello de A Pobra do Brollón.
Como xurdiu a túa adega Val do Frade?
A miña implicación no mundo do Viño empeza no ano 2006 e foi pasando por varias fases, un primeiro momento construindo unha SAT con xente de aquí de Vilachá, e logo no ano 2011 rompeuse esa SAT e paso a ser autónoma e traballar soa coa miña propia adega pequena.
Desde o ano 2011 ata agora estiven sola. Vilachá para min é coma se fora a miña relixión, estar aquí é intentar unha e outra vez que as cousas funcionen…
De onde ven a túa paixón polo mundo do viño?
Os que nacemos aquí estamos relacionados co mundo do viño si ou si, ou o odias ou o amas… Entón nacemos nun momento no que o mundo do viño en Vilachá era un complemento a outras actividades, principalmente a gandería, e nunca se pensou nese momento que se podería vivir do viño. Cando chegou a DO e comezou a por un pouco de orde nos precios e na calidade e venta da uva, foi o que fixo que isto se fixera máis profesional e agora podamos vivir disto.
“Os que nacemos aquí estamos relacionados co mundo do viño si ou si”
Que axudas e dificultades estás atopando neste proceso?
Axudas… Xa non me acordo cando recibín a última axuda.
Dificultades… Moita burocracia obviamente, pero como en case todas actividades no campo. Pero sobre todo loito contra moitos elementos externos ao que é o mundo do viño. Aquí en Vilachá é coma se houbera unha filosofía de non sair deses anos 80 que se vendía o viño de calquera forma… E non se da arrancado a evolucionar á hora de vender o viño cun mínimo de sanidade ou cunha marca.
Como é o proceso de comercialización do teu viño?
O proceso aquí penso que debe pasar poque a xente veña a visitar este sitio, é dicir, a idea de que a miña adega forme parte destas adegas que son BIC e un monumento histórico artístico… Pasa pola visita aquí e a venta na propia adega. Polo tanto ten que ser envasado en botella e con todas as leis postas na etiqueta.
Eu sempre crin neste conxunto de Vilachá e as posibilidades turísticas que tiña, e por iso as miñas adegas están aquí, o feito de poder vender aquí é un privilexio comparado cos demais.
Como ves a situación da DO Ribeira Sacra?
Penso que a situación da DO é diferente á que poidan ter outras DOs ainda que sexan de viño tinto, que penso que é o que está tendo problemas agora mesmo.
En Ribeira Sacra xa levo bastantes anos e vin diferentes fases, como naceu, como se chegou ata este punto… Había un grupo de xente que quería que isto fora para arriba… Cando se está empezando todo o mundo tira para arriba, pero chegamos a un punto máximo de nivel de calidade e exportación que agora mantelo aí é diferente. Por un lado vin que desapareceu esa xente que estaba tan enganchada á terra e loitaba porque se coñecera este territorio. Iso conseguiuse, e isto xa é algo bastante coñecido. Por outro lado, para substituir á directiva no seu momento, fíxose moita campaña contra a DO e non ten nada que ver unha cousa coa outra. Entón, a situación é complexa pero penso que se ten que solucionar o problema desde dentro, coa mesma xente do sector, e non metendo a xente de fóra tipo políticos, empresas doutro tipo… Que non saben do que están falando e intentando organizar o que non saben.
Que opinión vos merecen as medidas de apoio á DO por parte da Xunta?
Creo que é unha das cousas que vai na candidatura a Patrimonio da Humanidade, que se nos pague para manter a paisaxe, e penso que é positivo e que é algo que xa se fai noutras DOs. Para min é positivo porque o verdadeiro problema da DO é que non hai relevo xeracional. Hai moita viña sen legalizar, non se superaron os localismos, hai xente que non fala de Ribeira Sacra, ainda fala de Amandi… Iso ponme enferma. Hai moito que solucionar pero penso que as axudas son positivas e van manter un pouco… Ninguén vai decidir a súa vida por esa axuda, pero si a manter á xente que o está facendo… Por 2000€ por hectárea ninguén vai deixar a súa vida para meterse a viticultor.
Cantas hectáreas traballas e como é o manexo desas hectáreas?
En total traballo unha hectárea, pero está dividida en dúas parcelas máis grandes e dous trociños pequeniños… A miña dinámica é un pouco a de todos aquí, teñas a extensión que teñas case nunca está xunta. Agora mesmo estamos facendo a poda, e logo fago un pouco de tratamento pero sempre o mínimo que podo. Antes daba un tratamento de herbicida para evitar outros tratamentos pero xa non uso herbicida desde hai tres anos… Decidín que teño que facer un pouco máis de traballo coa desbrozadora e deixamos de usar herbicida. Un pouco por filosofía de usar o mínimo tratamento posible, ainda que non traballo en ecolóxico, porque damos tratamentos con sistémicos. Facemos unha vendima no mes de setembro pero ven dada pola maduración, e os últimos anos ven caindo a principios de setembro ou incluso finais de agosto, polo cambio climático. Intentamos que a uva chegue sempre fresca á adega para manter os máximos aromas posibles.
Que variedades de uva tes plantadas e que superficies ocupa cada unha?
Teño mencía e un pouco de garnacha. A mencía ocupa o 80% e a garnacha o 20%. Na mencía teño cepas novas e vellas pero na garnacha son todas cepas moi velliñas e producen moi pouquiño pero canto menos produza máis calidade vai ter entó para min é suficiente xa que se complementan perfectamente.
Val do frade é un viño mencía, un típico Ribeira Sacra, fresco e afrutado.
Como foi a colleita deste ano?
Penso que das mellores que recordo. Había anos que non recollíamos uvas con tanta calidade, ningunha seca ou podre, así que maravillosa, as expectativas son moi boas para ese viño.
A colleita deste ano foi das mellores que recordo
A nivel de enfermidades como está a situación?
Case todos os anos temos ataques de mildeu, algún ano fixo perder case toda a produción. É un pouco debido a que non damos demasiados tratamentos. Fago isto porque quero que a pranta se faga forte e ela responda ante calquera problema de forma voluntaria… Canto máis forte sexa menos tratamento teremos que dar, e parece unha tontería pero ao final do ano ves que resta tratamentos. Eu non lles fago unha vida fácil, máis ben difícil, teñen que loitar contra todo.
Que perspectivas de futuro tes co teu proxecto?
O viño foi e seguirá sendo o meu proxecto aquí en Vilachá. Ademais, dentro dun ano vou engadir ao proxecto unha pequena casa para alugar… Vou complementar o mundo do viño con outras cousiñas para seguir dinamizando Vilachá.