El Andral, a gandería de leite en ecolóxico máis grande de Cantabria

Os irmáns Manuel, Jesús, José Ángel e Alejandro Sáinz manteñen unha explotación de 150 cabezas en plenos vales pasiegos, onde elaboran sobaos e queixadas que venden por toda España. Buscaban un tipo de vaca que se adaptase mellor ao pastoreo e desde 2017 utilizan o sistema de cruzamentos Procross

Manuel Sáinz, con las vacas de su ganadería, ubicada en el municipio de Selaya

Manuel Sáinz, coas vacas da súa gandería, ubicada en plenos vales pasiegos

No centro de Cantabria, no municipio de Selaya, encóntrase a gandería El Andral. É unha desas explotacións familiares que, tras medrar nas últimas décadas en número de cabezas a través dun sistema intensivo de produción, botou o freo nos últimos anos para volver atrás, recuperando o pastoreo e optando pola produción en ecolóxico.

Hoxe son, de feito, a gandería de leite en ecolóxico máis grande de Cantabria, onde só unha trintena do milleiro de explotacións que producen leite na comunidade o fan sen usar herbicidas e abonos químicos. “Nós produciamos en convencional cun sistema intensivo ata o ano 2016, cando decidimos cambialo, volver facer pastoreo e pasarnos a ecolóxico”, explica Manuel Sáinz, que, xunto aos seus irmáns Jesus, José Ángel e Alejandro conforman na actualidade esta explotación familiar que herdaron dos seus pais, Manuel e Alicia, xa xubilados.

Cumpren 10 anos elaborando sobaos e queixadas pasiegas co seu propio leite

Ademais do sistema produtivo, outro dos cambios que introduciron na gandería nos últimos anos foi o de transformar o seu propio leite, a través dun obrador de repostería tradicional dos vales pasiegos que cumpre agora 10 anos.  

Teñen nestes momentos unhas 150 cabezas de gando totais, entre vacas adultas e recría, e moxen unha media de 90 animais, medio cento menos dos que tiñan antes de 2016. “Desde 2000 medraramos moito, neses anos aumentaramos de 40 vacas en produción a 140”, conta Manuel.

Até o 2016 produciamos en convencional cun sistema intensivo no que muxiamos 140 vacas, pero decidimos cambialo

Cando tiñan vacas frisoas en intensivo chegaron a producir 4.700 litros de leite diarios, agora en ecolóxico baixaron a menos da metade, pero optaron por cambiar cantidade por valor. “As fincas que temos están xuntas, así que pensamos que para nós era un bo sistema volver facer pastoreo, e unha vez que fas iso o paso a ecolóxico é algo natural”, argumenta.

40 hectáreas de superficie destinadas a pasto

EL ANDRAL (Cantabria) vacas benestar animal 2

A gandería, que leva o nome do barrio onde se atopan as instalacións tanto da granxa como do obradoiro, está situada en plenos vales pasiegos, dispón dunhas 70 hectáreas de superficie, todas preto unhas das outras. “Temos 40 hectáreas xuntas nunha peza a carón do establo, que é onde facemos pastoreo”, explica Manuel.

Pensamos que para nós era bo sistema volver facer pastoreo e pasarnos a ecolóxico porque as fincas que temos están xuntas

As vacas pasan a maior parte do tempo ao aire libre, en pastos naturais. Tras cada muxido, as vacas entran a parcelas novas e en todas elas contan con bebedoiros. Comen, beben e descansan na pradería. Dentro, cando volven ao establo do pasto ou no inverno cando non saen, fano en camas de area. “Sacámolas ao pasto todos os días despois do muxido, tanto da mañá como da noite, pero en inverno hai un par de meses que as temos dentro pola choiva”, aclara.

Nós estamos en pleno val, a 250 metros de altitude e non neva moito, pero ao redor é montañoso e o clima é duro

O clima nesta zona é “duro”, destaca Manuel. El Andral está situada só a uns 250 metros de altitude e rodeada de montañas e aínda que a neve só fai acto de presenza determinados días do ano, a choiva é unha constante no val.

A climatoloxía tamén condiciona a recollida de forraxe para o inverno. “Nós traballamos só con herba, facemos ensilaxe e algo de herba seca, aínda que como aquí chove moito e hai moita humidade, é difícil facer herba seca”, recoñece.

Na primavera e verán as vacas saen ao pasto despois do muxido da mañá e da noite, pero no inverno hai un par de meses que as temos dentro pola choiva

A maior parte do ano a base da alimentación é o pasto e unha suplementación con concentrado, uns 7 quilos por vaca e día. No inverno, as vacas comen a base de silo de herba, concentrado, veza, alfalfa, e herba seca ou palla.

De intensivo con raza holstein a ecolóxico con vacas cruzadas procross

EL ANDRAL (Cantabria) vacas Procross

Nos anos de produción intensiva convencional, o 100% da cabana gandeira da granxa era de raza frisoa. Pero co cambio a ecolóxico e a aposta polo pastoreo, El Andral empezou a buscar un tipo de animal que se adaptase mellor ao seu novo sistema produtivo.

Metemos algo de fleckvieh e normanda primeiro, pero convenceume máis o sistema Procross

“Primeiro empezamos metendo algo de fleckvieh e normanda e en 2017 empezamos aos poucos a facer cruzamientos seguindo o sistema Procross e é o que máis nos convenceu”, conta Manuel. Teñen nestes momentos unhas 30 vacas F1, cruzamento de hosltein con montbeliarde, e os seguintes cruces serán con vermella sueca e de novo con holstein ata completar o ciclo e lograr animais trihíbridos que aproveiten o mellor de cada raza e logren sacar todo o potencial que achega a maiores o vigor híbrido.

“Empezamos a cruzar unhas 25 ou 30 vacas para probar e ver se funcionaba e vemos que si”, asegura. A maioría da cabana de El Andral é aínda holstein e fleckvieh pero a aposta polos cruzamentos procross é clara. “O que está a nacer é xa todo procross e nun par de anos cambiarán completamente as porcentaxes”, indica Manuel.

Vemos que producindo leite as vacas cruzadas son moi parecidas ao frisoas pero con menos problemas

A media de produción diaria por vaca desta gandería sitúase agora na primavera en 25 litros, cun 3,20% de proteína e un 3,60% de graxa. No inverno a graxa sobe ao 4% e a proteína ao 3,45%, cunha media de 23 litros diarios por animal. Pero para facer queixadas, a diferenza da elaboración doutros derivados lácteos como o queixo, non necesitan unha calidade de leite especial en canto aos niveis de sólidos polo que, no seu caso, ese non foi o motivo principal que os levou a confiar no sistema rotatorio de inseminación das razas holstein, montbeliard e vermella sueca.

Buscaban máis ben mellorar cuestións vinculadas coa saúde, a fertilidade e a lonxevidade e incidir en aspectos relativos ao sistema en pastoreo, como por exemplo a rusticidade dos animais. “Ata este ano aquí en Cantabria o Control Leiteiro só admitía vacas holstein puras, polo que só nos controlaban ás frisoas e ás procross non, pero neste momento xa as están controlando e vemos que producindo son moi parecidas ás frisoas pero con menos problemas”, argumentan.

Mellor aproveitamento do pasto

EL ANDRAL (Cantabria) vacas pastoreo

Manuel considera que é un tipo de gando, que aínda que se adapta moi ben para facer pastoreo en ecolóxico, tamén serve para estar estabulado nun sistema máis intensivo. “Creo que se seguísemos en convencional unha vez probado isto estariamos igual con procross, e se tivésemos robot de muxido moito máis, porque nestas vacas a colocación de tetos e a velocidade de muxido é moito mellor”, asegura.

As frisoas son un Ferrari, que alcanza grandes velocidades se o asfalto está impecable, pero se hai fochancas xa non corre. As procross son máis como un todoterreo, que sabes que sexa cal sexa a estrada vas chegar

A gandería conta cunha sala de muxido 2×8, na que tardan unha hora e cuarto en muxir as súas 90 vacas en produción actuais. Ao acabar de muxírense, os animais saen de novo ao pasto, onde Manuel tamén atopa vantaxes ao comportamento do gando cruzado procross.

“Notamos unha cousa moi importante, cando estás nunha parcela coa herba no seu punto para pacer e a climatoloxía é boa, as frisoas poida que repunten un pouco máis en produción, pero cando o tempo é malo ou o pasto é regular o baixón de leite das frisoas é moito maior, é dicir, en condicións óptimas as frisoas funcionan ben en pastoreo, pero senón dun día para outro notas un descenso de produción tremendo. O rendemento das procross, sen embargo, é máis constante: se as condicións son boas producen tamén máis, pero se non son tan boas aproveitan mellor o pasto e non baixan tanto. É como ter un Ferrari ou un todoterreo: as frisoas son un Ferrari, que alcanza grandes velocidades se o asfalto está impecable, pero se hai fochancas xa non corre. As procross son máis como un todoterreo, que sabes que sexa cal sexa a estrada vas chegar”, compara.

Recría na propia granxa con bos resultados

Ademais dun mellor aproveitamento da herba, outra vantaxe que Manuel ve no gando procross é o seu menor destrozo da pradería. “A configuración corporal é distinta, son vacas máis redondas pero máis pequenas en tamaño que as frisoas e machacan menos o prado cando chove”, afirma.

Do mesmo xeito que as vacas adultas, a recría desta gandería tamén pasa a maior parte do tempo en extensivo. “Nós destetamos aos 3 meses e o único diferente que facemos é que enseguida as xatas saen ao pasto. Cando teñen 8 meses xa están fóra, aínda que se lles axude con concentrado na pradeira para que se desenvolvan desde o punto de vista corporal. Ao criarse fóra necesitan algo máis de tempo, pero a partir dos 15 ou 16 meses empezamos a poñer a primeira dose en función de como vemos o tamaño da xata. Estamos muxindo agora primeiros cruces de frisón con montbeliard e inseminando con vermello sueco”, detalla Manuel.

Empreñan moi ben, á primeira, e non hai diferenza en litros coas frisoas, mesmo temos xovencas procross que producen máis

El Andral está a obter moi bos resultados en canto a produción nas súas xovencas cruzadas. “Son criadas xuntas e paridas á vez e non hai diferenza en litros coas frisoas, mesmo temos xovencas procross que producen máis. Onde si que hai diferenza é en fertilidade, as procross empreñan moi ben, á primeira, as outras hai de todo, hainas á primeira e tamén á quinta”, admite.

Facilidade de manexo

EL ANDRAL (Cantabria) Manuel2

Os catro irmáns Sáinz reparten o seu tempo entre a granxa, o obradoiro de sobaos e queixadas e o traballo comercial. Por iso, a facilidade de manexo é un plus que achega o gando procross nesta explotación. Son vacas que enferman menos e necesitan menos coidados e todo ese é tempo que aforran para poder adicar á transformación e venda dos seus produtos.

Jesús e José Ángel, coa axuda dunha empregada, Mari Carmen, atenden o obradoiro. Na granxa coas vacas están Alejandro e Ismael, un rapaz da zona que leva dous anos traballando en El Andral. Logo está Manuel, que é “un comodín” que tanto bota unha man nun lado como no outro.

Os catro irmáns reparten o seu tempo entre a granxa e o obradoiro e dan traballo a dúas persoas máis

No seu caso os catro irmáns optaron por continuar na explotación familiar, pero Manuel advirte da falta de relevo xeracional en lugares como os vales pasiegos. “De momento hai xente nova pero cara ao futuro a pinta é como en todos lados”, di. Teñen relación con gandeiros ecolóxicos de Galicia a través do grupo que asesora Xan Pouliquén e coñecen a realidade doutros territorios, que non dista moito do que sucede nesta zona interior de Cantabria: “aquí houbo unha xeración que se quedou na gandería pero a que ten que entrar agora a tomar o relevo témome que non o vai a facer, hai poucos que queden”, lamenta.

“En 2011 empezamos a facer sobaos e queixadas porque non había forma de vivir só do leite”

Gama de productos de El Andral, que incluye sobaos, quesadas y pastas pasiegas

Gama de produtos de El Andral, que inclúe sobaos, queixadas e pastas pasiegas

Ademais dunha das explotacións en ecolóxico máis grandes de Cantabria, El Andral é tamén unha pequena empresa familiar de pastelería artesá que elabora os seus produtos baixo o distintivo da IXP Sobao Pasiego. O obradoiro, aberto en 2011 e situado no baixo da casa familiar, dispón dunha liña de enfornado e envasado para completar os distintos procesos, seguindo receitas tradicionais da zona e materias primas naturais.

“Empezamos a facer sobaos e queixadas no 2011. Moveunos a montar o obradoiro que non había forma de vivir só co leite, tal como estaba nese momento a situación e os prezos”, admite Manuel. Dada a localización xeográfica da gandería apostaron por produtos típicos da zona. A súa gama de repostería tradicional inclúe os sobaos, as queixadas e as pastas pasiegas, unhas galletas artesás elaboradas tradicionalmente na comarca do Pas con fariña, ovo e manteiga.

Dispoñen de certificación de produción ecolóxica e do selo ‘Calidade Rural. Vales Pasiegos’ e no 2019 foron galardoados co premio Alimentos de Cantabria

Cando os catro irmáns se decidiron a elaborar produtos tradicionais da zona a partir do leite das súas vacas, botaron man das receitas da súa nai, Alicia Santander, que atesouraba coñecementos e experiencia de décadas facendo as sobremesas típicas da comarca pasiega. O respecto a esas receitas e a súa adaptación ás novas esixencias tecnolóxicas permitiu a El Andral manter o sabor e garantir os controis de calidade necesarios.

EL ANDRAL (Cantabria) sobao2

A súa preocupación polo benestar animal e o medio ambiente levounos a prescindir de herbicidas e produtos químicos na alimentación do gando e a usar tamén materiais biocompostables e orgánicos no envasado dos seus produtos.

Os produtos ecolóxicos teñen o seu público e véndense cada vez máis, sobre todo nas grandes cidades

Seren practicamente o único produtor de sobaos ecolóxicos de Cantabria permítelles diferenciarse no mercado e ofrecer un produto único e exclusivo que encaixa coa demanda crecente do consumidor e faise oco con maior facilidade no mercado gourmet. Pola contra, as materias primas para elaborar en ecolóxico son máis caras, o que sobe o prezo final de venda e resta competitividade aos seus produtos no mercado máis xeneralista, por iso traballan tamén unha liña de produto convencional aínda que elaborado igualmente co seu leite ecolóxico.

Déficit de tranformación do leite ecolóxico

EL ANDRAL (Cantabria) sobaos

Sobaos recén saídos do forno do obrador de El Andral

Cantabria ten moita máis tradición de transformación de leite nas propias explotacións ca Galicia. Desde fai máis dun século hai exemplos de pequenas industrias de produtos como manteiga, queixo, xeados ou queixadas, mais Manuel considera que “aínda falta moito por avanzar nese sentido tamén aquí”.

Sobre todo no sector do leite ecolóxico. “A maior parte do leite que se produce a día de hoxe en ecolóxico en Cantabria márchase para Galicia, aquí temos fábrica de Nestlé pero non elaboran en ecolóxico, tan só o fai El Buen Pastor, pero o volume de leite que absoben é pequeno, así que o 90 e moito por cento da produción de leite ecolóxico de Cantabria vai para Celta e Lactalis”, asegura.

Transforman cada día uns 300 litros de leite procedente da súa propia gandería e venden o excedente á empresa El Buen Pastor

É precisamente á empresa situada en San Vicente de Toranzo á que El Andral vende o seu excedente. Fabrican 500 quilos diarios de sobaos e 300 quilos de queixadas, nas que empregan uns 300 litros de leite, o que representa arredor do 15% da súa produción total. “O problema é que o sobao non leva leite; só a queixada”, explica Manuel.

Quesada recién hecha, un producto tradicional cántabro a base de leche, huevo y azúcar

Queixada recén feita, unha sobremesa a base de leite, ovo, azucre, fariña, canela e raiadura de limón

O proceso de elaboración da queixada consiste en callar o leite e mesturalo co resto de ingredientes para posteriormente enfornala. “Collemos o leite no momento e non o pasteurizamos porque entra ao forno a 190 graos e xa serve como proceso de pasteurización. Na queixada o leite é o elemento principal e, a maiores, leva tamén ovo, azucre, fariña, canela, raiadura de limón e un pouco de sal”, detalla. O sobao é un proceso distinto, xa que non leva leite, senón manteiga.

O sobao pasiego elabórase a partir dunha masa batida de manteiga, fariña, azucre e ovo, mentres que na queixada o protagonista é o leite acabado de muxir

“Nós polo momento non temos intención de facer manteiga e comprámola”, conta Manuel, que asegura que “o difícil non é transformar senón vender”. “Facer un queixo ou unha queixada é facilísimo, aprendes e xa está, o difícil é saír e vender, a rúa é moi dura”, afirma. Do labor comercial encárgase o seu irmán José Ángel, que é a cara visible dos produtos de El Andral.

Abrir mercado fóra de Cantabria

EL ANDRAL (Cantabria) productos2

Dispoñen dun punto de venda na explotación, comercializan tamén a través da súa páxina web e lograron posicionar os seus produtos en tendas de toda Cantabria e de cidades como Madrid. De feito, os produtos desta gandería de Selaya teñen estado xa en espazos de máxima audiencia como El Hormiguero, a onde levaron un megasobao de 3 quilos. “Todo axuda, cando saes nun sitio así a xente pregunta e véndese máis”, admite Manuel.

En Cantabria somos só 500.000 habitantes, así que temos que saír a vender a outros lugares, porque aquí satúrase o mercado enseguida

Saír fóra é unha necesidade para unha pequena empresa como a súa, que se atopa ademais cun hándicap nos puntos de venda a nivel local. “En Cantabria somos só 500.000 habitantes, así que temos que saír a vender a outros lugares, porque aquí satúrase o mercado enseguida”, explica.

A súa estratexia pasa por diferenciarse e teñen estado en programas de máxima audiencia como ‘El Hormiguero’

A súa estratexia pasa por ser únicos, como o son os seus sobaos. “Tes que tentar diferenciarte en algo, producindo con leite ecolóxico ou utilizando envases biodegradables que non son de plástico; doutro xeito non podes competir con 3 ou 4 empresas máis grandes, que teñen nome porque levan máis tempo e que controlan a distribución”, insiste Manuel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información