O avance da enfermidade hemorráxica epizoótica na montaña de Lugo está a condicionar a actividade nas explotacións e obrigando a suspender algunhas das feiras de ano que máis gando vacún reúnen.
A presenza de casos de EHE en Galicia comezou na provincia de Ourense a mediados do mes de xuño pero estase a xeralizar por toda Galicia nas últimas semanas, sobre todo en granxas de vacún de carne en extensivo.
“Nesta zona antes de agosto non se detectou a enfermidade, pero hai tres semanas apareceron os primeiros casos”, explica Marcos López, presidente da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon).
Hai zonas máis afectadas ca outras, pero os casos van en aumento e practicamente son xeralizados por todo o concello
O municipio da Fonsagrada é moi extenso e a situación é diferente nas distintas parroquias (a zona norte do concello é neste momento a que menos animais afectados ten), aínda que “os casos van en aumento e practicamente son xeralizados por todo o concello”, recoñece Marcos.
“Na miña granxa de momento non detectei ningún caso. Pero vecinos na mesma aldea xa teñen. De 4 que temos gando en Xestoso de Neiro dous teñen casos e dous non”, explica Marcos.
“Para o meu entender, o forte da enfermidade aínda está empezando, hai explotacións con 1 ou 2 casos e outras teñen xa 7. Algúns animais evolucionan ben pero outros non e xa morreu algún animal na Fonsagrada por EHE, algún de socios de Asgafon”, asegura.
Uso de repelentes e primeira dose da vacina
Non foi este un verán especialmente caluroso na montaña de Lugo, “pero houbo bastante inestabilidade no tempo e iso fai que os insectos vaian máis ao gando”, considera Marcos.
Moitos gandeiros da zona están a utilizar desinfectantes e repelentes para tratar de evitar o contaxio dos seus animais. “Son os mesmos insecticidas que xa estabamos usando para as moscas, pero estámolos poñendo máis a miúdo, cada tres semanas”, detalla.
Unha parte do gando vacinouse xa coa nova vacina contra a EHE desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal. “Empezouse a comercializar o día 7 de agosto e chegou onde nós o día 10 ou 12. As primeiras vacinas puxéronse nas vacas entorno ao día 14 a través da ADSG e agora toca a revacinación coa segunda dose”, explica.
A coincidencia da campaña de vacinación da lingua azul condicionou nalgunhas granxas a utilización da vacina contra a EHE
Teñen que pasar 3 semanas entre a primeira e a segunda dose, un período semellante ao da vacina da lingua azul (21-28 días), aínda que se recomenda non poñelas xuntas. De feito, a coincidencia da campaña de vacinación da lingua azul condicionou en determinados casos a utilización da vacina contra a EHE.
“Estábase acabando a campaña da lingua azul e aconsellan que pasen 15 días entre unha vacina e a outra, polo que no meu caso, dos animais que se podía, por non interferir coa vacina da lingua azul, vacinei ás vacas que non estaban a piques de parir. As vacas que estaban máis próximas ao parto, nos últimos tres meses de xestación, non as vacinei, polos posibles efectos secundarios”, conta Marcos, que prefire non dar consello de ningún tipo. “Cada un que faga como queira, eu fixen así, pero non quero dar recomendacións a ninguén porque é unha cousa nova, aínda non hai experiencia, nin se lles puxo aínda a segunda dose”, lembra.
“Moitas ganderías están adiantando a saída dos xatos”
Entre os socios da cooperativa A Carqueixa, con sede en Cervantes, “hai gandeiros que probaron a vacina e outros que non, porque teñen medo a que as vacas teñan xa o virus e lles sente peor”, asegura Román Sánchez, o seu xerente.
A EHE está bastante extendida tamén na zona de influencia desta cooperativa. “Hai casos en Cervantes, en Becerreá, en Navia, en Pedrafita, nas Nogais”, enumera, “pero os casos de mortes de animais son moi puntuais”, di.
Supón moito máis traballo para os gandeiros, pero estando alerta e collendo a enfermidade a tempo a maioría dos animais son capaces de superala
“A xente está máis alerta e extremando as precaucións. Moitos socios están indo a ver as vacas todos os días para detectar os casos antes e podelos tratar a tempo, aínda que en extensivo é máis difícil facer o seguemento”, recoñece Román.
Entre outras medidas, moitas granxas están adiantando tamén a saída dos xatos das explotacións por medo a que se infecten e poidan perder peso ou valor no mercado. “En agosto sacáronse moitos máis xatos dos habituais, fácilmente o dobre dun ano normal. Xatos que ían saír en setembro e en outubro, en moitas granxas adiantáronos a agosto, máis por medo que por outra cousa”, considera.
Román confía en que se baixan as temperaturas poida diminuir a circulación do vector (o insecto culicoide) e cortarse a transmisión do virus. “Quero crer que coa baixada das temperaturas poida mellorar algo a situación; estes días fixo máis frío”, salienta.
Suspendidos os certames de gando vacún da Fonsagrada e Pedrafita do Cebreiro
Debido á detección de positivos da enfermidade hemorráxica epizoótica nas reses de gando vacún da zona, o Concello de Pedrafita do Cebreiro suspende o Certame de Gando Vacún previsto para o vindeiro domingo 15 de setembro debido ao avance da EHE na montaña de Lugo, ao igual que fixo o Concello da Fonsagrada a pasada fin de semana.
“Esta medida tomase priorizando a saúde e benestar dos animais, así como a seguridade das ganderías participantes”, xustifica o Concello nunha nota informativa. “Por responsabilidade e para evitar a propagación da enfermidade queda suspendido o XXXIV Certame Exposición de Gando Vacún que estaba previsto celebrar o vindeiro 15 de setembro de 2024, celebrándose igualmente a Feira de ano, pero sen Certame gandeiro”, indica o comunicado do Concello, que remata “agradecendo a comprensión e lamentando os inconvintes que poidesemos ocasionar”.
O Concello da Fonsagrada mantén para esta fin de semana a feira equina anual
No caso da Fonsagrada, o Concello tamén suspendeu a pasada fin de semana o Concurso anual de gando vacún que se fai no Mercado Gandeiro da localidade o primeiro sábado do mes de setembro, aínda que mantén o certame cabalar, mular e asnal, que se vai celebrar coma sempre o día 8 de setembro e que este ano coincide en domingo.
Prórroga na vacinación da lingua azul
Dada a situación provocada pola EHE, a Consellaría do Medio Rural mantén unha prórroga ata o 8 de setembro que permite ás granxas levar ao matadoiro -e a outros destinos como mercados, reprodución, etc.- animais sans sen a pauta de vacinación completa en lingua azul, unha doenza de vacinación obrigatoria nas comarcas afectadas.
Desde o Sindicato Labrego solicitan a ampliación dese permiso, ata que haxa unha baixada significativa dos casos de EHE, que neste momento está en expansión.
Medio Rural lembrou hai uns días que calquera gandeiro pode adiar a vacinación de lingua azul, se ben incidiu nas restriccións ó movemento de animais que iso leva consigo.