A Xunta vén de notificarlle ó Ministerio de Agricultura a detección de cinco novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Lugo e A Fonsagrada, na provincia de Lugo, e de tres focos nas comarcas veterinarias de Baixa Limia, Ourense e Terra de Celanova, na provincia de Ourense.
Con esta declaración, Galicia ten un total de 15 comarcas veterinarias con focos da EHE: 10 na provincia de Ourense e 5 na de Lugo. Os de Ourense son Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas e Viana; en tanto os 5 de Lugo son Ancares, Sarria, Terra de Lemos, Lugo e A Fonsagrada.
O número de explotacións positivas confirmadas sitúase en 195 e os animais positivos confirmados por Medio Rural en 381, se ben cómpre lembrar que nalgunhas comarcas veterinarias, nas granxas cun positivo confirmado a penas se fan novas análises por falta de persoal para os sangrados, segundo advirten os gandeiros. En ganderías afectadas do Macizo Central de Ourense falan de porcentaxes de animais enfermos por EHE que chegan a rondar o 80%.
Vacina desenvolvida pola galega Zendal
Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento específico curativo, só tratamentos para paliar os distintos síntomas (antiinflamatorios, antibióticos, etc.), pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento que xa está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria.
Prevención
Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, Medio Rural lembra que é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en concreto:
• Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente áreas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.
• Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte e nos animais, nos casos que se considere oportuno.
• No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.
Contexto
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero ‘Culicoides,spp’. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Axudas
A Consellería do Medio Rural lembra que desde o 2023 ten habilitada unha liña para indemnizar os animais falecidos por EHE. A esta liña de apoio sumaranse tamén este ano as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, comprometendo o Ministerio de Agricultura un total de 15 millóns de euros en toda España para este fin, pero aínda pendentes de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas.
Nesta liña, a Consellería do Medio Rural insiste na necesidade de que se activen, mediante o correspondente Real Decreto, eses 15 millóns de euros comprometidos para a loita contra esta enfermidade e que, entre os custos subvencionables, se permita incorporar a vacina.