A EFA Fonteboa impartirá o Ciclo Formativo de Grao Superior de Xestión Forestal e Medio Ambiente

A EFA Fonteboa impartirá o Ciclo Formativo de Grao Superior de Xestión Forestal e Medio Ambiente

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) celebrou este venres, nas instalacións do Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa (Coristanco-A Coruña), a última Xunta Directiva do ano, na que se fixo balance das accións desenvolvidas neste período e analizáronse algúns dos retos e desafíos aos que se enfrontan as empresas asociadas no novo exercicio.

No próximo ano 2023, o CMD dará por concluído o seu Plan Estratéxico MADE 2020-2023 e dará paso a unha nova estratexia industrial que acompañe ás empresas asociadas durante o próximos catro anos.

Esta reunión desenvolveuse na EFA Fonteboa co obxectivo de dar os primeiros pasos no deseño do Ciclo Formativo de Grao Superior de Xestión Forestal e Medio Ambiente que o centro comezará a impartir o próximo ano, cunha formulación innovadora no pedagóxico e con participación e implicación das empresas do sector.

Desde hai tempo, as empresas do CMD manifestan a dificultade de atopar relevo aos profesionais que se están xubilando ou de contar con novos profesionais formados para dar resposta aos avances que a industria experimentou en canto a innovación e tecnoloxía. Con esta nova oferta formativa preténdese dar resposta ás necesidades de formación que existen no sector forestal, co fin de aproveitar todas as súas potencialidades.

O sector atópase ante a dificultade de captar talento

A aposta clara pola sustentabilidade e a economía circular, onde a madeira ten un papel fundamental, fixo que a actividade no sector aumente e, con iso, a demanda de profesionais formados no que o mercado demanda.

Para iso estudaranse todas as posibilidades que ofrece a formación regrada (Ciclos Formativos de FP) e non regrada (Certificados de profesionalidade e outras formacións específicas), facendo especial énfase na Formación en Alternancia (Dual). Analizaranse tamén as capacidades dispoñibles nos Centros de Formación adscritos á Consellería do Medio Rural, co obxectivo de poder deseñar unha oferta educativa en FP que cubra as necesidades que as empresas necesitan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información