Edición limitada dun albariño de Valtea polo 25 aniversario de Galicia Calidade

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, destaca a filosofía de sostibilidade e bioeconomía circular que promove Bodegas Valtea.

Publicidade
Edición limitada dun albariño de Valtea polo 25 aniversario de Galicia Calidade

Galicia Calidade, organismo dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e Bodegas Valtea, presentaron recentemente no Hotel Monumento San Francisco a edición limitada de Albariño Valtea en honra ao 25 aniversario de Galicia Calidade e tamén da primeira vendima da propia adega. Lázaro Moreno, director de Bodegas Valtea, explicou durante a presentación do albariño que o segredo da elaboración reside nas uvas das cepas vellas nun esmerado coidado desde antes do nacemento do acio.

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, felicitou a BodegasValtea pola elaboración dun albariño tan especial como este, referente da Denominación de Orixe Rías Baixas e procedente dos propios viñedos da adega. Trátase de 150.000 metros cadrados que pertencen á adega e doutros 70.000 arrendados, cuxos solos están destinados integramente a uva albariña.

Tras a presentación, os convidados ao evento puideron catar este viño en exclusiva da man do sumiller e especialista en viños Luís Paadín, acompañado duns petiscos elaborados con produtos certificados por Galicia Calidade.

Ana Méndez subliñou que a degustación é un esforzo pola innovación no maridaxe con viños albariños, xa que trata de “rachar cos tópicos” de que algúns pratos ou produtos só se poden acompañar con viño tinto. Así, os asistentes puideron desfrutar, entre outros petiscos, os queixos de Ruta Xacobea, Quesería Santo André e Daniberto, do xamón Torre de Nuñez e das augas de Cabreiroá, todos eles produtos que contan co certificado de Galicia Calidade.

Sostibilidade

A bioeconomía circular está presente na elaboración de produtos de Valtea, que reutiliza os residuos da uva para a destilación e elaboración de augardentes e licores. Residuos como o bagazo, sementes e restos de uva que quedan despois de extraer o mosto, destílanse para obter o augardente de bagazo, que logo empregan como base para elaborar outro tipo de licores como o licor café e o licor de herbas.

Sobre Galicia Calidade

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con 151 empresas adheridas, con máis 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información