Economistas e empresarios lanzan nove propostas para mudar o rural galego

Nunha xornada organizada polo Foro Económico de Galicia en Ribadavia. Entre as medidas expostas están cambiar os usos da terra e potenciar as cabeceiras de comarca

Economistas e empresarios lanzan nove propostas para mudar o rural galego

Reunión do Foro Económico de Galicia en Ribadavia

O Foro Económico de Galicia, plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade, reuniu xoves en Ribadavia a economistas e empresarios para buscar solucións de futuro para o rural galego, para o seu desenvolvemento económico e para a mellora da calidade de vida nel. Entre as nove propostas presentadas a debate están a potenciación das cabeceiras de comarca para concentrar servizos básicos, a fusión de concellos e un novo modelo de aproveitamento das terras improdutivas.

Na cita, que levou por título Propostas para a Galicia rural do século XXI, 25 investigadores analizaron propostas de Juan Picos e María Xosé Vázquez, da Universidade de Vigo; David Peón, da Universidade da Coruña; Melchor Fernández e María do Mar Pérez, da Universidade de Santiago; José Manuel Andrade, da Fundación Juana de Vega; José González, do Casal de Armán, complexo de enoturismo no que se celebra a xornada, e dos coordinadores da xornada, Albino Prada, do Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network Gen, e Edelmiro López, experto en economía rural e profesor da Universidade de Santiago.

 “Só un de cada catro habitantes do rural teñen a agricultura como actividade principal”

Os traballos dos economistas e empresarios participantes, explican os organizadores da cita, propoñen solucións para o rural galego, que representa o 75% do territorio pero só conta co 25% da poboación e menos do 20% do PIB. “O rural xa non é principalmente agrario, mais aínda non é outra cousa”, destacou Edelmiro López nas primeiras sesións da xornada. Segundo os seus datos, só a cuarta parte dos habitantes do rural galego teñen a agricultura como actividade principal. Neste contexto, as propostas do Foro Económico de Galicia para evitar o declive do rural galego baséanse en tres enfoques: os habitantes, as terras e as demandas actuais da sociedade.

Reorganización profunda: só o 22% das terras está dedicado a cultivos e pastos

Para os habitantes do rural, os expertos reunidos en Ribadavia apuntan medidas destinadas a xerar novas oportunidades económicas e de emprego e solucións para a dotación de servizos públicos e privados, a través da súa concentración nas cabeceiras de comarca e da mellora do transporte e o acceso a internet. Tamén se propón a reorganización administrativa, a través da comarcalización ou fusión de concellos.

Para as terras lánzanse medidas dirixidas a que as terras abandonadas produzan, partindo dunha ordenación dos usos (agrogandeiros, forestais, industriais, turísticos). Todas esas medidas, recalcan, deben ter como base as demandas que o conxunto da sociedade fai actualmente ás áreas rurais.

Entre os puntos tratados na xornada están medidas lexislativas que permitan resolver o uso das terras entre propietarios de terras, residentes no rural e non residentes (empresas). Só, apuntan os expertos, o 22% das terras está actualmente dedicado a cultivos e pastos, polo que propoñen estudar o aproveitamento agrario e forestal por parte de non residentes do territorio abandonado e improdutivo e o aproveitamento dos recursos ligado ao turismo.

Sobre a reorientación do modelo produtivo das explotacións agrarias, poñen o foco na aposta pola diferenciación dos produtos agrarios e as marcas de calidade e na utilización das axudas aos investimentos das explotacións, os pagos agroambientais e outras medidas para fomentar sistemas máis ligados á terra.

 “Son necesarios incentivos fiscais ao investidor forestal e servizos de apoio ao produtor”

As medidas esbozadas tamén inclúen o desenvolvemento das industrias agroalimentarias, a través de políticas públicas máis selectivas; a diversificación produtiva e apoio aos novos emprendementos no medio rural e o apoio económico á explotación forestal.

A Xunta, indican os expertos reunidos en Ribadavia, xestiona o 40% dos montes e converteuse no maior vendedor de madeira de piñeiro. Neste contexto, chaman a atención sobre aspectos como incentivos fiscais ao investidor forestal e servizos de apoio ao produtor. Por último, lanzan a idea de creación dunha rede de infraestruturas de usos múltiples. Ante a dificultade de acceso a servizos como banca, tendas, sanidade, ensino ou transporte, economistas e empresarios propoñen medidas como concentrar nas cabeceiras de comarca e nunha soa instalación a combinación de servizos de educación, cultura, sanidade, entre outras cuestións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información