Ecomel: Recuperando a produción de mel ecolóxico no parque natural do Xurés

Amable Pérez Diz é un novo apicultor que está a apostar pola produción de mel en ecolóxico no concello de Muíños, no Parque Natural do Xurés. Cóntanos como traballa

Ecomel: Recuperando a produción de mel ecolóxico no parque natural do Xurés

Amable Pérez Diz conta cunhas 300 colmeas na Baixa Limia

Amable Pérez Diz é un mozo da aldea de Couso de Salas, no concello ourensán de Muíños, que no ano 2016 decidiu incorporarse de forma profesional á apicultura, aproveitando as excelentes condicións naturais do Parque Natural da Serra do Xurés para a produción de mel.

O da apicultura venlle de familia: na súa casa lembra que xa ou seus avós tiveron colmeas, os cortios típicos da Baixa Limia, unha aficción ás abellas que comparte co seu irmán maior, Tate.

“Partín dunhas 40 colmeas que tiñamos na casa e actualmente conto con 300, repartidas polos concellos de Muíños e de Calvos de Randín”, explica. Para diferenciar o seu mel decidiu producilo en ecoloxico, certificado polo CRAEGA, E próximamente esperan darse de alta tamén na Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

“Estamos especializados en producir un mel de montaña, moi escuro, e que procede basicamente do carballo e do castiñeiro, aínda que noutros anos nos que hai máis floración conseguimos elaborar meles monoflorais de silva, algo que este ano non foi posible pola primavera fría e polas treboadas do verán”, explica.

A formación que foron adquirindo foi en boa medida autodidacta, en base a moitas lecturas, pero tamén realizaron varios cursos da Asociación Galega de Apicultura (AGA). O seu obxectivo é diferenciar o mel de montaña producido no Xurés, para o cal están a traballar dende o pasado ano cun grupo de apicultores da comarca da Baixa Limia para crear un selo de calidade para os produtos agroalimentarios da comarca, como o mel.

Amable Pérez DIz comercializa o seu mel baixo a marca Ecomel, que vende en tendas de produtos ecolóxicos e tamén mediante a venda directa en feiras e na propia explotación.

Sen embargo, recoñece que “estes dous últimos anos non están a ser nada bós, debido ás xeadas do ano pasado e á primavera fría deste ano, que impediron que as abellas puideran aproveitar as floracións”. Desta forma, a produción viuse minguada a uns 1.500 kilos, unha situación que contan que mellore nas próximas campañas.

Como traballan en ecolóxico?

O mel ecolóxico é un produto cunha alta demanda, sobre todo no mercado exterior, tanto no resto de España como en países como Alemaña ou o Reino Unido.

A normativa do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), establece que as colmeas deben estar situadas a unha distancia mínima de 3 quilómetros de posibles fontes de contaminación, como autovías, autoestradas, grandes núcleos de poboación, campos de cultivo nos que se empreguen pesticidas ou transxénicos. Ademais, os tratamentos das colmeas só poden ser orgánicos e as abellas só se poden alimentar no inverno con mel propio ou produtos ecolóxicos, nunca con azucre ou outros produtos.

 “Seleccionar as abellas para que sexan máis limpadoras é moi importante para producir en ecolóxico”

Por último, o mel debe pasar uns estritos controis de laboratorio para certificar que non contén residuos. “Por iso, optamos por situarnos no Parque Natural da Baixa Limia, unha zona con moi poucas fontes de contaminación”, destaca.

Onde máis dificultade atopa Amable para producir mel en ecolóxico é na loita contra a varroa, un parásito das abellas moi extendido e que nos últimos anos se volveu incluso máis agresivo debido á aparición de resistencias.

“En agricultura ecolóxica só podemos loitar contra a varroa con produtos orgánicos que, aínda que non deixan residuos no mel e na cera, son máis difíciles de aplicar porque a súa eficacia depende máis da temperatura ambiente e precisan de moitas máis visitas ao colmenar”, explica. Así, en ecolóxico só se pode utilizar contra a varroase produtos como o ácido fórmico, o ácido oxálico ou o timol, pero este último deixa de ser efectivo con temperaturas baixas.

“Nós empregamos o ácido oxálico comercializado coa marca Ecoxal, que funciona ben pero cando hai cría perde moita efectividade, e Timovar, que funciona ben pero cando as temperaturas baixan de 15 graos deixa de ser efectivo, e se soben de 30 graos é prexudicial para as abellas, que mesmo abandonarían a colmea”, asegura Amable.

Por outra parte, en Ecomel crían as súas propias abellas raíñas, seleccionando aquelas que sexan máis limpadoras, menos agresivas e máis produtivas, por esta orde. “O máis importante en ecolóxico é ter abellas o máis resistentes posibles , que sexan limpadoras, pois isto axuda a loitar contra a varroa e a evitar problemas de fungos na colmeas”, subliña este apicultor.

Retos de futuro: Aumentar ata as 500 colmeas

De cara ao futuro, a Amable Pérez Diz gustaríalle aumentar a súa cabana apícola ata as 500 colmeas e diversificar a produción con pole tamén en ecolóxico.

“Quero tamén lograr un mel monofloral, como de queiroga, silva ou de castiñeiro, e tamén sacar o rexistro sanitario para poder vender fóra de Galicia, pois aquí temos o problema de que se confunde o produto ecolóxico co feito na casa ou artesán, cando sen embargo as garantías e os controis non son os mesmos”, afirma.

 “O mel que cristaliza non foi pasteurizado e é máis beneficioso para a saúde”

“En Madrid, no País Vasco ou en Barcelona si que o consumidor valora máis o produto ecolóxico e está disposto a pagalo, algo que non sucede en Galicia”, engade este apicultor.

Por último, Amable recomenda mercar produto certificado, sexa polo CRAEGA ou pola IXP Mel de Galicia, para garantir a súa orixe e que cumpre coa normativa sanitaria. Tamén aconsella mercar meles crús, “que non foron pasteurizados, porque conservan todas as propiedades nutricionais e saudables, e que de forma natural acaban cristalizando, o que significa que é un mel de calidade”.

ecomel_xures_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información