EARL Beafour Holstein, unha granxa francesa 100% autosuficiente e que transforma o seu leite

Esta gandería ecolóxica produce a totalidade do que come o seu gando e elabora xeados que se venden por toda Francia. A orixe da explotación atópase na rexión parisina, pero no 2005 Thierry e Carole trasladáronse co seu gando á Bretaña escapando da presión da cidade

Ángel Parafita, xunto a Thierry, durante a súa estancia formativa nesta granxa bretona

Ángel Parafita, xunto a Thierry Singeot, esta primavera durante a súa estancia formativa nesta granxa bretona

Ángel Parafita é un rapaz de Buxán, no concello de Val do Dubra, que este ano cursou o Ciclo Formativo de Grao Medio en Produción Agropecuaria no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa de Coristanco. Como parte da súa formación, no mes de maio realizou unha estadía de aprendizaxe en Francia, ao igual que unha ducia de compañeiros alumnos e alumnas do centro, que os levou a granxas da Bretaña.

Na que Ángel estivo é unha gandería familiar de produción de leite en ecolóxico que é capaz de producir todo o necesario para alimentar o seu gando e que transforma en xeados unha parte da súa produción de leite.

En 2005 tomaron a decisión de trasladarse desde a rexión de París a Bretaña para poder seguir adicándose á produción de leite

Á fronte desta granxa atópanse Thierry Singeot, a súa muller Carole Philippe e o seu fillo Mathieu, que ten 22 anos. Thierry encárgase da granxa coa axuda de Carole, que leva tamén a xestión contable, mentres que Mathieu é o responsable da produción de xeados, para o que teñen contratadas tamén a outras dúas persoas.

De París á Bretaña

A casa familiar, situada a carón da granxa, mantén a arquitectura típica e as cores da bandeira bretona: negro, azul e branco

A casa familiar, situada a carón da granxa, mantén a arquitectura tradicional e as cores bretonas: negro, azul e branco

A historia de EARL Beafour Holstein é unha historia de adaptación e resiliencia. Foi creada no ano 1994 en Beafour, na comuna de Amillis, na rexión parisina, onde Carole estaba incorporada á explotación familiar xunto aos seus pais.

“Tratábase dunha explotación cerealista e con poucas vacas, unhas 30”, conta Thierry, que deixou o seu traballo como asesor de alimentación na Compagnie Fermière du Rotschild, unha granxa punteira de Francia con 250 vacas e 1.600 hectáreas de terreo que transforma toda a súa produción en queixo brie (ademais de producir tamén outros produtos como viño ou mel), para poñer en marcha o seu propio proxecto xunto á súa muller.  

A figura das EARL é equivalente a unha SL en España

Thierry e Carole querían facer un cambio de rumbo na granxa familiar aumentando a cabana gandeira, pero a proximidade á capital francesa (situada a uns 80 km de distancia) non permitía obter terras para facelo posible. Por iso, ao morrer os pais de Carole tomaron a decisión de trasladarse a outra zona onde a presión urbana fose menor e onde existise unha maior tradición gandeira.

Eu quería ser gandeiro máis que agricultor e na zona onde estabamos non había tradición gandeira

Foi entón cando alugaron na Bretaña unha granxa que pechaba por falta de relevo e trasladáronse alí cos seus fillos e o seu gando. Hoxe contan con 90 cabezas en total, das que 60 son vacas en produción.

A explotación está en Les Masses, na pequena localidade de Eance, situada no límite entre os departamentos de Ille et Vilaine e Mayenne, a uns 60 km de Rennes, onde mercaron as instalacións da granxa e alugaron as terras. É un aluguer a longo prazo, por 18 anos e pagan entre 140 e 150€ por hectárea ao ano.

Vacas en pastoreo muxidas en robot

O robot conta cunha porta selectora que permite a saída das vacas ao prado ou as devolve ao establo en función da media de muxiduras de cada animal

O robot conta cunha porta selectora que permite a saída das vacas ao prado ou as devolve ao establo en función da media de muxiduras de cada animal

A gandería conta neste momento con 60 vacas en produción, que moxen en robot, e outras 30 son vacas secas e recría, que están sempre fóra. As vacas en produción tamén saen a pacer, mediante un sistema de porta selectora que as deixa saír ao pasto ou as devolve ao establo en función das veces que pasaran polo robot a muxirse.

Fan pastoreo con rotación mensual e unha carga gandeira de 50 vacas durante 3 días nunha superficie de 1,7 hectáreas por parcela

“Só durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro temos as vacas dentro do establo, o resto do ano saen todos os días mañá e tarde”, conta Thierry. Empregan un sistema de pastoreo rotacional con rotación mensual. “Temos 10 parcelas e mantemos o gando 3 días pacendo en cada unha. A media das parcelas é de 1,7 hectáreas e a carga gandeira é de 50 animais durante 3 días”, detalla.

Están a introducir a raza jersei para aumentar a porcentaxe de materia graxa do leite

A maior parte do gando é de raza frisona, aínda que están a introducir tamén vacas jersei para incrementar os niveis de graxa do leite. “Queremos aumentar a calidade do leite en canto á materia graxa, tanto para facer os xeados como para a venda á empresa que nos recolle o leite que non transformamos”, explica Thierry.

En Francia o prezo do leite ecolóxico en orixe estase a pagar neste momento mesmo por debaixo do convencional

Están a cobrar o leite neste momento a 45 céntimos, un prezo que se sitúa mesmo por debaixo do que se está a pagar en Francia o leite que non é ecolóxico. Por iso, hai un ano tomaron a decisión de transformar o seu leite en forma de xeados para revalorizalo. Dependendo das distintas receitas, os que eles elaboran conteñen entre un 60 e un 65% de leite polo que a calidade da materia prima é fundamental.

Produción propia de cereais e leguminosas

Unha das mesturas de cereais e leguminosas que sementan como cultivo de inverno

Dúas das mesturas de cereais e leguminosas que sementan como cultivo de inverno

A base da alimentación do gando é a herba, tanto en verde nos meses da primavera e o outono, como seca e ensilada no inverno. Na primavera, por exemplo, a forraxe é 100% herba, suplementada só con 2 quilos de cereal machacado que colleitan eles mesmos.

Dispoñen en total de 95 hectáreas de terreo que producen en ecolóxico e coas que conseguen ser autosuficientes na alimentación do gando

“Facemos dúas mesturas como cultivo de inverno, unha de chícharo e cebada e outra de faba, avena e unha variedade de trigo autóctono que é moi bo para o rumen e aporta materia graxa ao leite”, indica.

Thierry é enxeñeiro técnico agrícola con especialización en nutrición animal

“Somos unha explotación autónoma e 100% autosuficiente na alimentación do gando”, destaca. Nas 95 ha de superficie das que dispoñen, 74 están a pradeira, 6 a millo e 16 a cereal, contando as 9 que sementan na zona de Bretaña onde agora teñen a granxa e outras 7 hectáreas da zona parisina, procedentes da granxa orixinaria dos pais de Carole, onde seguen a producir cereais, concretamente trigo, que non empregan para o gando, senón que venden.

Recría no prado con vacas nodrizas

LA MEMERE (Bretaña) vacas nodrizas para recríaPara a recría, que fan no prado, empregan vacas nodrizas. Son 5 ou 6 vacas que serven para aleitar as xatas mentras estas non son destetadas, en torno aos 7 meses de idade. “É un xeito de aforrar cartos e tamén traballo”, asegura.

Para determinar o número de vacas necesarias establecen un mínimo dunha nodriza por cada tres tenreiras aleitantes. As vacas non son sempre as mesmas, senón que van variando en función de distintas circunstancias: adaptación ao robot, nivel de produción, etc.

Forman parte dunha CUMA de aluguer de maquinaria sen condutor

Unha vez destetadas, a base da alimentación da recría é o pasto e a herba seca e ensilada, ao igual que para o resto da cabana gandeira. Renovan as pradeiras cada 8 anos cunha mestura de 3 tipos de trevo, 2 tipos de raigrás e festuca e abonan só con purín e esterco. Reservan unhas 30 hectáreas, as máis alonxadas do establo, para produción de forraxe, nas que fan 2 cortes para silo e 1 para herba seca.

O traballo agrario fano eles mesmos, ben con maquinaria propia, ben con equipos alugados. “Formamos parte dunha CUMA, pero é unha CUMA sen chófer, só de material”, aclara Thierry.

Valorización do leite coa elaboración de xeados

LA MEMERE (Bretaña) Thierry heladosA produción de leite está disociada da fabricación e venda dos xeados, comercializados baixo a marca La Mémère. “Son dúas empresas distintas, por unha parte está a granxa e a produción de leite e por outro lado está a súa transformación. Na parte dos xeados contamos cun socio que se encarga da venda, mentras que nós nos centramos na elaboración”, explica Thierry.

Contan cunha rede de comercialización que suma 2.500 puntos de venda en toda Francia, sobre todo en centros comerciais e grandes superficies, que é o modelo de distribución dominante en Francia.

Dispoñen de 2.500 puntos de venda en toda Francia

Tamén dan saída a unha parte da produción de xeados mediante a venda directa na propia granxa todos os venres pola tarde, un sistema moi habitual en Francia e que permite ao cliente visitar a granxa e valorar máis o produto, aínda que en termos de volumen de vendas só represente o 2% do total, recoñece.      

Venda de leite á industria

Instalacións da xeadería, construída con contedores modulares

Instalacións da xeadería, construída con contedores modulares e na que investiron 250.000 euros

Neste momento a produción dos seus propios xeados absorbe, dependendo da época do ano, entre o 15 e o 20% da produción diaria da explotación, mentres que o resto do leite é vendido á industria. “Producimos en total ao ano uns 360.000 litros de leite e para os xeados van uns 50.000 litros”, explica Thierry.

Para iso, dispoñen de dous tanques de leite, un para comercializar, que lles recolle a empresa Biolait, e outro para a elaboración de xeados, que fan nun obrador na propia granxa.

Na fabricación dos xeados traballan dúas persoas contratadas, ademais de Mathieu

É unha construción modular feita en contedores de transporte de mercadorías. “A montaxe é máis rápida e o custo é menor”, asegura Thierry. Supúxolles un investimento duns 250.000 euros, que financiaron grazas a un leasing a 5 anos que inclúe tanto a maquinaria coma os contedores nos que está instalada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información